Os populares de Pontevedra e o vicepresidente da Xunta divulgan un vídeo anónimo que acusa a socialistas e nacionalistas de “enterrar toda a industria do mar galego” coa futura Lei de cambio climático
Na campaña electoral galega de 2009 apareceron panfletos sen asinar pero que abundaban en mítins do PP ou eran repartidos por membros do partido nos que se cargaba contra o banco de terras que impulsaba o daquela goberno bipartito da Xunta: “PSOE e BNG queren quedar coas túas terras”, dicían. A ameaza de supostas incautacións por parte da esquerda volveu ser empregada en varias ocasións polos populares na última década, ao tempo que os gobernos de Feijóo foron aumentando a súa aposta polas expropiacións e agora mesmo impulsa medidas de utilización de leiras abandonadas que daquela criticaba.
Pero este domingo a estratexia do medo vén de dar un paso máis ao divulgar os populares un vídeo anónimo que acusa a socialistas e nacionalistas de “enterrar toda a industria do mar galego” coa futura lei de cambio climático. Neste caso non se critican supostas expropiacións senón que o Estado queira restrinxir as concesións de terreos públicos das que gozan “4.000 empresas de toda Galicia”, das que só nomea unha: “repercute tamén na continuidade de Ence en Pontevedra”, di sobre a lei un vídeo que asegura que “estas empresas teñen que estar ao lado do mar”. O vídeo xa foi contestado pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que nun fío de Twitter escrito en galego asegura que a lei “non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais, non mintan nin asusten á xente, por favor, sexan responsables”.
A ministra para a Transición Ecolóxica contestou o vídeo asegurando que a lei "non afecta a ningunha das concesións xa outorgadas nin ás súas prórrogas legais" e lembrando que "caso particular é o de ENCE, cuxa concesión depende da decisión dos tribunais"
O vídeo que o PP da provincia de Pontevedra divulgou ás 9 da mañá deste domingo e fixou como principal na súa conta de Twitter e que tamén foi difundido aos poucos minutos polo seu presidente e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que a nova Lei de cambio climático vai “enterrar toda a industria do mar galego e outras moitas edificacións que están ubicadas no dominio marítimo terrestre”.
Segundo di, “deixa no aire 40.000 postos de traballo, pero ademais repercute tamén na continuidade de Ence en Pontevedra”. Algo que atribúe a que “PSOE e BNG están defendendo en Madrid os seus intereses e vendendo aos galegos”. “Quen non entenda que estas empresas teñen que estar ao lado do mar, non coñece Galicia”, sentenza o vídeo, que asegura sobre o mar que “os primeiros interesados en coidalo somos nós, e así o fixemos durante séculos”.
A Audiencia Nacional analiza se o prazo máximo de 75 anos que pode ter unha concesión debe contarse desde o seu primeiro outorgamento ou se unha reforma legal do PP criticada por ambigua polo Consejo de Estado ampara tamén a prórroga a Ence
A orixe do conflito de Ence sobre a concesión dos seus terreos na ría de Pontevedra está en 1958, cando se lle outorgou o espazo. As concesións públicas en España están limitadas a un máximo de 75 anos, pero cando en 2016 o Goberno en funcións de Rajoy lla ampliou fíxoo ata 2073, máis alá do 2033 en que se acadarían os 75 anos, amparándose nunha reforma previa impulsada polo propio PP da Lei de Costas e no seu regulamento posterior que foron criticados polo Consejo de Estado por “ambiguos”, xa que non deixaban claro se os prazos máximos de concesión debían contar desde o primeiro outorgamento ou desde a autorización das prórrogas posteriores á reforma legal.
A legalidade desa prórroga está a ser avaliada pola Audiencia Nacional, pero ao tempo o Goberno actual, a través da Lei de cambio Climático a trámite no Congreso, inclúe un artigo no que quere poñer fin á ambigüidade que deixou o Goberno de Rajoy e establece que “os prazos de duración” das concesións previstas na Lei de Costas “computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas”. Pero engade a continuación un matiz: “sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo”. Esa redacción foi tamén criticada polo Consejo de Estado, nun novo ditame no que di que “procedería substituír a expresión ‘ditados’ por ‘que se diten’, coa fin de deixar claramente establecido que se trata dos actos posteriores á Lei”.
Neste contexto, o PP asegura que a nova lei pon en perigo todas as concesións na costa galega, mentres que o PSOE nega a maior e salienta que a concesión de ENCE “depende da decisión dos tribunais ao ter sido recorrida ante a Audiencia Nacional”, como lembrou este domingo a ministra. No medio, o BNG considera que a prórroga da concesión de ENCE foi ilegal pero quere que se garanta a continuidade no litoral das industrias directamente ligadas á actividade marítima.
Mentres, a Xunta reclama agora ao Goberno central as competencias de xestión da costa tras manter a petición aparcada durante doce anos e despois de que o Estado limitase o permiso que quería dar para que edificacións anteriores a 1975 se puidesen ampliar ata nun 50%.