Unha "sovietización encuberta" de consecuencias "gravísimas" por non ser Galicia "un país pertencente ao extinto pacto de Varsovia". Estas foron algunhas das consideracións que, entre 2007 e 2009, o PP esgrimiu no Parlamento a respecto do Banco de Terras que estaba a impulsar a Consellería do Medio Rural, na altura dirixida por Alfredo Suárez Canal (BNG).
A lei que agora impulsa o PP ten o Banco de Terras como peza clave e inclúe medidas nas que os populares vían unha "sovietización encuberta" con "incautacións de terras" de consecuencias "gravísimas"
"Coidadiño co sentido da propiedade!", advertían naqueles anos os populares por boca do daquela deputado Roberto Castro, quen posteriormente exercería como alto cargo do Goberno de Feijóo e posteriormente, do de Rajoy. O PP aseguraba ver unha "incautación de terras" nalgunhas das medidas asociadas ao novo instrumento, tales como a incorporación ao Banco de Terras de leiras abandonadas ou de propiedade descoñecida.
Cando están a piques de cumprirse doce anos da campaña electoral que remataría co retorno do PP á Xunta -durante a cal, membros deste partido contribuíran a espallar na provincia de Ourense panfletos con alertas segundo as cales, PSdeG e BNG ían "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas"-, a formación conservadora vén de comezar a tramitar no Parlamento a súa lei de recuperación da terra agraria. Como xa avanzaran, o texto contempla e mesmo amplía varias daquelas medidas que desdeñaran por comunistas, tamén co Banco de Terras como peza clave.
Lonxe das alertas sobre "intervencionismo e incautación de terras", a lei que o PP se dispón a aprobar apoiado na súa maioría absoluta evidencia a vontade de "reforzar o papel do Banco de Terras" como "instrumento público de intermediación na mobilización da terra agraria". Agora, sinalan, funcionará con menos "trámites administrativos" e convérteno na "figura fundamental para o desenvolvemento dos novos instrumentos da recuperación da terra agraria".
O amplo texto legal, de máis de 170 páxinas, con 143 artigos e numerosas modificacións de normas anteriores, contempla, por exemplo, o xeito en que a Xunta vai poder "promover a investigación sobre a situación" de terreos "dos que non se teña certeza sobre a súa titularidade". Estas investigacións, que o Goberno galego canalizará a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), poden comezar por iniciativa da propia Consellería do Medio Rural, pero tamén por "comunicación ou por denuncia" de terceiros.
A nova lei regula a investigación sobre a propiedade dos predios, que poderá comezar por iniciativa da Xunta ou por "comunicación ou denuncia" de terceiros, e estipula en que casos unha parcela se considera abandonada ou "infrautilizada"
Mentres a Xunta investiga a propiedade dunha parcela, esta "poderá ser integrada transitoriamente no Banco de Terras" como medida cautelar e Medio Rural terá na súa man cedelo para a súa explotación, xa sexa mediante pagamento ou de balde, no caso de entidades públicas ou sen ánimo de lucro. No caso de aparición da persoa titular, a Xunta instaríaa a facerse cargo da leira e das obrigas que leve asociadas. Pero "se o procedemento de investigación conclúe coa declaración de que a parcela foi abandonada polos seus donos ou o seu dono é descoñecido", pasará a ser propiedade da Xunta a través da Agader -antes, pasaba ao patrimonio do Estado- e, como norma xeral, incorporada ao Banco de Terras. "Cando se lles saca terras de donos que non saben quen son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras", defendían os populares previamente.
A nova lei tamén tamén sitúa o Banco de Terras como peza clave nos terreos que a Xunta declare como "abandonados" ou "infrautilizados". Neste caso, entre as "opcións" que Medio Rural presentará ás persoas propietarias figura o "compromiso de realizar unha "práctica agroforestal adecuada" ou "acreditar a cesión a un terceiro" que o faga. Pero tamén a "solicitude de incorporación do predio ao Banco de Terras" despois da "realización, a costa da persoa propietaria" dos "traballos de mantemento" que indique a propia Xunta.
Lonxe das reminiscencias soviéticas que dicía identificar cando o Goberno da coalición de PSdeG e BNG promoveu medidas semellantes, o PP defende a nova lei -como facía daquela o departamento de Suárez Canal- en xeral e o Banco de Terras en particular como unha vía para "poñer a producir terras arestora abandonadas e infrautilizadas". Con instrumentos coma estes, defenden, será máis doado "achegar base territorial suficiente a aquelas explotacións que o precisen".
Lonxe das reminiscencias soviéticas que dicían identificar nestas medidas cando foran promovidas por Suárez Canal (BNG), os populares sinalan que a norma pretende "poñer a producir terras abandonadas ou infrautilizadas" e facilitar "base territorial suficiente" ás explotacións que a precisen
Neste sentido, o voceiro parlamentario dos populares, Pedro Puy, sitúa a orixe da norma nas conclusións da comisión de estudo desenvolvida no propio Parlamento tras a vaga de incendios de 2017. Nesta liña, o conselleiro do Medio Rural, José González, ve importante poder atallar o "enorme grao de descoñecemento da titularidade dos predios", que "complica os procesos de mobilización". Todos estes procedementos, defenden ambos, teñen "garantías plenas" de "seguridade xurídica".
Estas operacións teñen dende 2019 o aval da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia, que emitiu "ditame favorable a regular a atribución da titularidade dos bens vacantes en favor da comunidade autónoma". Deste xeito, a Xunta poder realizar esta incorporación das leiras de propiedade descoñecida ao Banco de Terras sen ter que pasar previamente polo Estado.