"Cando se lles saca terras de donos que non saben quen son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras". En maio de 2007, a maioría absoluta que conformaban o PSdeG e BNG no Parlamento de Galicia aprobaba a lei que creaba o Banco de Terras e o PP confirmaba o seu voto en contra. A norma impulsada pola Consellería do Medio Rural traía consigo "intervencionismo, incautación", reiteraba o deputado popular Roberto Castro, que instaba o daquela conselleiro, Alfredo Suárez Canal (BNG) a ter "coidadiño co sentido da propiedade".
Cando o Goberno de PSdeG e BNG creou o Banco de Terras e preveu que incorporase terreos sen propiedade coñecida, o PP alertou dunha "sovietización encuberta" e advertía á Xunta de que Galicia non era "un país pertencente ao Pacto de Varsovia"
Aquel "non" dos conservadores baseábase, entre outros aspectos, na previsión establecida pola lei para incorporar ao "patrimonio público" a través do novo Banco de Terras aquelas parcelas de propiedade descoñecida que puidesen ser postas á disposición das explotacións agrogandeiras. Aquel precepto, defendera o PP durante a tramitación da norma, non era máis que unha "sovietización encuberta". E Galicia, argumentaba Castro, non era "un país pertencente ao extinto Pacto de Varsovia".
Trece anos despois daquelas afirmacións, e cando xa pasaron once anos da campaña electoral na que membros do PP de Ourense contribuíron a divulgar propaganda que acusaba a PSdeG e BNG de "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas" -a dirección do PP nunca admitiu a autoría dos panfletos-, o PP disponse a impulsar medidas, en esencia, idénticas. Fano a través da futura Lei de Recuperación da Terra Agraria, que o Goberno galego anunciara en 2019 e que agora o PP vai enviar ao Parlamento para a súa aprobación.
A medida está incluída na futura Lei de Recuperación da Terra Agraria, que os populares encadran na intención de "poñer a producir terras abandonadas ou infrautilizadas"
Aínda que formalmente se trata dunha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular e non do Goberno galego, tras a reunión semanal do Consello da Xunta desta semana, o propio Alberto Núñez Feijóo e mais o conselleiro do Medio Rural, José González, expuxeron dende o atril de San Caetano as que consideran principais bondades da iniciativa. Trátase, indicou o Executivo galego, de "poñer a producir as terras arestora abandonadas ou infrautilizadas" e "achegar base territorial suficiente ás explotacións que a precisan". Isto é, o que os conservadores consideraban medidas de consecuencias "gravísimas" cando as aprobou o Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas.
Así, sinalan, a iniciativa formulada polo PP e publicitada pola Xunta pretende "culminar o camiño iniciado" pola lei de estrutura agraria e prevé "incidir na investigación da propiedade" dos predios. "Con esta norma iniciaranse procedementos administrativos de revisión de titularidade" de parcelas "nas que exista un interese por recuperalas e poñelas en valor". Unha vez feito, a Xunta "notificará os resultados" ao Estado para que "actualice" o Catastro. Pero, ademais, adiantan, a lei "establece e detalla a declaración de abandono ou infrautilización de predios", un "paso previo fundamenta para fomentar a súa xestión".
Unha vez "culminado" sen éxito o proceso para identificar a propiedade dunha leira, a Xunta poderá poñela "ao nome do Banco de Terras" para "poñela á disposición de quen teña interese" en traballala
Concretamente, detallan, "os titulares de terreos infrautilizados" terán "tres opcións": recuperalo e "poñelo en condicións de produción", ceder "o uso e aproveitamento a un terceiro" ou "incorporalo ao Banco de Terras". "De non aceptar ningunha destas opcións", a Xunta poderá declaralo como abandonado, declaración que "pode comportar a apertura de expedientes e permite a excecución subsidiaria da limpeza do predio". Todo isto, subliñan, é "voluntario" e sen expropiacións.
Pero, que sucede se a propiedade do terreo non é identificada? A Xunta, resalta o conselleiro González, terá a capacidade, "unha vez culminado o proceso" para "tratar de atopar" a persoa propietaria, de inscribir a leira ou leiras de que se trate "ao nome do Banco de Terras" e así poder "poñela á disposición de quen teña interese" en traballala ou aproveitala a través dalgún dos instrumentos previstos na norma, como os polígonos agrogandeiros ou aqueles terreos que terán como finalidade a prevención dos incendios forestais.
A incorporación ao patrimonio público galego das leiras sen propiedade coñecido ten dende 2019 o aval da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia
Estas operacións teñen dende 2019 o aval da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia, que emitiu "ditame favorable a regular a atribución da titularidade dos bens vacantes en favor da comunidade autónoma". Deste xeito, a Xunta poder realizar esta incorporación das leiras de propiedade descoñecida ao Banco de Terras sen ter que pasar previamente polo Estado.
Tamén contan co apoio político explicito do propio presidente da Xunta dende hai anos. Así o afirmou, por exemplo, tras a vaga de incendios de 2017, cando apostou pola "incorporación cautelar ao Banco de Terras das leis "sobre as que se estea a investigar se teñen un propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable". Tratábase, resumía Feijóo, de "poñelas dende que se abre a investigación á disposición de quen as queira traballar". No ano 2007, xa con Feijóo no liderado do partido en substitución de Fraga, o PP advertía a Suárez Canal de que isto non era máis que "intervencionismo e incautación de terras" propios da Unión Soviética. "Algún día", auguraban, ía ser preciso "rescatar" o falado naqueles debates.