Feijóo apoia en Vilardevós o alcalde condenado por “perseguir” un traballador socialista

O alcalde interrompe a Feijóo para matizar a Praza © Brais Lorenzo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respaldou con feitos e palabras de ánimo ao alcalde  de Vilardevós, Manuel Cardoso, condenado por un xulgado de Ourense por  acosar e degradar a un traballador municipal por ser socialista.

O titular do Goberno galego que visitou este venres a comarca de Monterrei para inaugurar a sede da Eurocidade Verín-Chaves e ver sobre o terreo as terras dunha futura plantación de vides da denominación de orixe Monterrei, non deixou de agarrar polo ombreiro ao alcalde condenado e felicitalo e desexarlle toda clase de éxitos.

O rexedor condenado o  9 de marzo de 2012 polo Xulgado do Social número 4 de Ourense, como publicou Praza Pública, converteuse no anfitrión da visita e fixo uso da palabra en dúas ocasións, a primeira delas para dicir recollendo as palabras de Berlanga en Benvido Mr Marshall: "Como alcalde deste pobo doulle a benvida ao presidente” e a segunda para interromper ao presidente cando os xornalistas lle preguntaron pola responsabilidade do rexedor e corrixir aos informadores: “non di a sentencia acoso, nin tampouco persecución ideolóxica”.

Feijóo asegurou que só estaba disposto a conceder "unha entrevista intimista" ao que Baltar engadiu "entre as xestas"

Feijóo, que non quixo responder ás preguntas de Praza, asegurou que só estaba disposto a conceder “unha entrevista intimista” ao que engadiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “entre as xestas”.  Previamente Alberto Núñez Feijóo avanzou que “onte xa dixen todo”.

O que si se referiu á condena do alcalde de Vilardevós foi o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, quen sinalou que “nós sempre somos consecuentes e creo que todo o mundo o poderá comprobar coas situacións xudiciais e consecuentes coas situacións que hai que tomar dentro do partido”.  Rueda aproveitou para dicir que “os socialistas nunca dan exemplo e intentan que os demais fagan o que eles non fan”.

O secretario do Partido Popular de Galicia tamén se referiu a situación procesual do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, condenado por sentencia firme da Audiencia Nacional por defraudar con 50.000 euros de fondos comunitarios e imputado polo uso de fondos da UE,  empregados presuntamente na construción dun muro para unha viña da súa propiedade. Neste caso Rueda, de xeito contundente, explicou que “aplicamos sempre os estatutos e actuamos respectuosamente coas decisións xudiciais, simplemente iso”  pero non concretou se a Xunta vai destituír ao delegado na provincia ourensá.

Quen tamén opinou sobre as resolucións xudiciais recaídas sobre os dirixentes conservadores foi o presidente do PP ourensán, Manuel Baltar. O barón, que se encontraba rodeado dos alcaldes de Verín e Vilardevós, próximos a Feijóo e contrarios ao seu liderado, sinalou que non coñecía as sentenzas e mostrou a súa preferencia “por coñecer polo miúdo os procedementos xudiciais” aínda que finalizou dicindo que “os estatutos do partido son para observar e para cumprir”.

"Políticos que dan a cara"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, antes de enfrontarse as preguntas dos informadores participou en dous actos nos que fixou a posición do Executivo en referencia a crise económica. En presenza do secretario de Estado de Administración Local de Portugal, Paulo Júlio, reivindicou a cooperación entre administracións para facer fronte á crise e mencionou ao primeiro ministro conservador portugués, Passos Coelho, para aclarar que “os políticos que queren ao seu país dan a cara polo seu país e isto e o que se esta facendo en Portugal e España".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.