"Incautación de terras. Cando se lles saca terras de donos que non se saben quen son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras". O 8 de maio de 2007 o Parlamento de Galicia aprobaba definitivamente a lei que daba luz verde á creación do Banco de Terras e o PP, a través do seu daquela voceiro en materia de medio rural, Roberto Castro, expoñía deste xeito as razóns do seu grupo para votar en contra. "Algún día -auguraba- teremos que rescatar" os "termos" empregados naquel mesmo debate: "intervencionismo e incautación de terras", reiteraba.
"Cando se lles saca terras de donos que non se saben que son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras" e unha "sovietización encuberta", alertaba o PP durante a tramitación da lei do Banco de Terras
O Banco de Terras de Galicia (Bantegal) era considerado pola Consellería do Medio Rural do Goberno de coalición de PSdeG e BNG un instrumento clave para mobilizar as terras agrarias infrautilizadas e incluía, entre outros, mecanismo para que a Xunta puidese actuar sobre parcelas de propiedade descoñecida, incorporalas ao "patrimonio público" e xestionalas a través do propio Bantegal. Xusto o que agora, máis de dez anos despois, se dispón a facer a Xunta. O PP, a través de Castro, considerara durante o trámite da lei que preceptos coma este suxerían unha "sovietización encuberta" dunha Galicia que non era, advertía, "un país pertencente ao extinto Pacto de Varsovia".
"Hai que ter coidadiño co sentido da propiedade", que pode derivar en consecuencias "gravísimas", alertaba Castro ao conselleiro Alfredo Suárez Canal sobre medidas que, tras retornar ao poder, os de Alberto Núñez Feijóo comezaron ver con bos ollos a efectos prácticos. Así o fixeron con normas como a lei de estrutura agraria e co propio Banco de Terras, que pasaron a defender como "moi útil". E así prevén seguilo facendo na "futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia", que contemplará o paso ao patrimonio da Xunta dos predios sen propietario coñecido.
A Comisión de Dereito Civil é "favorable" a que a Xunta poida incorporar ao seu patrimonio os predios sen propiedade coñecida
Así o evidenciou o Goberno galego a pasada semana no marco da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia. O vicepresidente, Alfonso Rueda, e mais o actual conselleiro de Medio Rural, José González, asistiron á xuntanza deste órgano que aprobou, segundo informou o Executivo, un "ditame favorable a regular a atribución da titularidade dos bens vacantes en favor da Comunidade autónoma".
Deste xeito, unha vez comprobado que non existe propiedade coñecida dunha leira, esta poderá pasar a ser propiedade da Xunta e non do Estado. E o Goberno galego pode, deste xeito, incorporala ao Banco de Terras. Nos últimos anos a Xunta puido dispoñer delas, pero a través dun convenio co Goberno de España.
Fronte ás alertas lanzadas polo PP na oposición, tras os incendios de 2017 o propio Feijóo dixo ser favorable á "incorporación cautelar ao Banco de Terras" das leiras con "propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable"
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo amosábase favorable a medidas coma esta tras a vaga de incendios de 2017. Tras lembrar que, segundo datos do Catastro, "estímase que en Galicia hai máis de 300.000 parcelas con titular descoñecido", Feijóo explicaba en novembro daquel ano que a "proposta" que ía levar adiante o seu Executivo pasaba pola "incorporación cautelar ao Banco de Terras" das leiras "sobre as que se estea a investigar se teñen un propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable". "É dicir -resumía- poñelas dende que se abre a investigación á disposición de quen as queira traballar".
Estas teses cadran notablemente coa filosofía inicial do Banco de Terras e contrastan coas advertencias lanzadas polo PP nos seus anos da oposición. Tamén coas dos panfletos espallados pola provincia de Ourense en vésperas das eleccións do ano 2009 segundo os cales PSdeG e BNG podían "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas" mediante o Bantegal. O PP nunca se atribuíu a autoría daqueles pasquíns.