O Goberno galego mudou hai un ano a Lei do Solo para permitir calquera uso “produtivo” en edificios anteriores a 1975, pero o Goberno central condicionou a medida á lei estatal de Costas
A petición do Goberno galego ao central de asumir a xestión da costa -que non a súa titularidade, que é estatal e está protexida pola Constitución- permitiría á Xunta ser ela a que outorgue os permisos que require calquera actuación nese espazo protexido pola Lei de Costas estatal. É unha petición que se produce despois de que o Goberno central limitase a decisión da Xunta de abrir a man nos usos e obras permitidos en “edificacións tradicionais” en calquera categoría de solo de núcleo ou rústico, incluído o de protección de costas, medida que o Executivo de Pedro Sánchez obriga a interpretar “dentro do necesario respecto a outra normativa sectorial [...] como é o caso da normativa de costas”. Esa normativa que, aínda sen poder mudala porque é estatal, agora a Xunta quere ser ela quen a xestione.
A Xunta considera 'tradicionais' "todas as edificacións existentes" antes de 1975 "con independencia da súa tipoloxía" e permite amplialas ata nun "50% do volume orixinario" mesmo "sen necesidade de cumprir os parámetros urbanísticos agás o límite de altura"
Foi a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2020 onde a Xunta introduciu unha nova modificación, a quinta en catro anos, da Lei do Solo de 2016 coa que estableceu que “as edificacións tradicionais existentes en calquera categoría de solo de núcleo ou de solo rústico poderán ser destinadas a usos residenciais, terciarios ou produtivos, a actividades turísticas ou artesanais e a pequenos talleres e equipamentos”. O cambio legal entende como tradicionais “todas as edificacións existentes con anterioridade á entrada en vigor da Lei 19/1975 [...] con independencia da súa tipoloxía” e permite que “sen necesidade de cumprir os parámetros urbanísticos aplicables agás o límite de altura” poidan ser reformadas e ampliadas “mesmo en volume independente” ata “o 50 % do volume orixinario da edificación tradicional”.
O Goberno central considerou inconstitucional esa reforma legal da Xunta por atentar contra unha competencia, a de costas, que o Estado se reserva para si na Constitución, e abriuse unha negociación co Goberno galego para corrixir a redacción da súa lei. O acordo ao que chegaron foi que a continuación do artigo e da disposición transitoria que abren a man coas “edificacións tradicionais” se incluíse un punto adicional que establece que o previsto nese artigo ou disposición “entenderase sen prexuízo das previsións establecidas nas normativas sectoriais que resulten de aplicación”.
O acordo co Estado para resolver así a discrepancia publicouse tanto no BOE como no DOG o 22 de febreiro remarcando nel que que a decisión da Xunta de abrir a man cos usos e ampliacións das “edificacións tradicionais” deben “interpretarse dentro do necesario respecto a outra normativa sectorial que poida ser de aplicación tanto estatal como autonómica, como é o caso da normativa de costas”. A Xunta apurouse e mudou a súa Lei do Solo como lle obriga o Estado novamente a través doutra lei de acompañamento, a dos orzamentos deste ano, incluíndo o antedito matiz de que se poderá facer todo iso coas “edificacións tradicionais” tendo en conta o que digan outras normas sectoriais. Como a de Costas que agora a Xunta quere ser ela quen a xestione e outorgue os seus permisos.
A Xunta quere xestionar os permisos en aplicación da Lei de Costas estatal e ao tempo que o Estado a reforme para que o silencio administrativo sexa positivo e non negativo como agora ou "aclarar que o uso residencial e hostaleiro son análogos e intercambiables"
Ao tempo, a Xunta quere que o Goberno central mude esa normativa de Costas estatal “para facilitar a emisión de informes sectoriais” e que “o sentido do silencio administrativo sexa positivo, non negativo como sucede actualmente”. Así llo transmitiron xa as conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, a “representantes do sector mar-industria de Galicia”, aos que anunciaron unha proposta para que se modifique a Lei de Costas estatal para “darlle unha nova vida aos inmobles que se localicen no Dominio público marítimo terrestre (DPMT)”.
Entre outras cuestións, nos terreos afectados pola lexislación estatal de Costas a Xunta quere “aclarar que o uso residencial e o hostaleiro son análogos e intercambiables” e “facer extensible o réxime contemplado na mesma para os bens inmobles declarados de interese cultural a todos aqueles bens que gocen dalgún tipo de protección patrimonial”. “Grazas a este cambio facilitaríase a recuperación de antigas fábricas de salgadura, conserveiras e pazos, entre outros edificios afectados”, di o Goberno galego da súa iniciativa.