En marzo de 2007, a piques de chegar á metade da lexislatura galega, o daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (PSdeG), reuníase en Madrid con quen na altura era ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla (PSOE). Quintana, que ostentaba as competencias de Relacións Institucionais do Goberno galego de coalición, finalizou aquela xuntanza amosando a súa satisfacción polos avances nas negociacións para o traspaso de novas competencias a Galicia e subliñaba que o seguinte paso sería traballar "noutro paquete importante" de transferencias que incluísen o tráfico e a seguridade viaria e mais a xestión do dominio público marítimo-terrestre, entre outras.
A transferencia da xestión dos terreos costeiros fora abordada por Anxo Quintana co Goberno de Zapatero sen chegar a culminala; ao retornar á Xunta en 2009, o PP asegurara que ía "dar continuidade ás demandas" de competencias do Executivo de PSdeG e BNG
Algunhas das competencias negociadas entre Quintana e Sevilla acabarían concretándose naquela lexislatura, ata un total de 12, cifra que o PP, naquela na oposición, descualificara como doce "traspasiños", en verbas de Alfonso Rueda, porque ao seu xuízo apenas tiñan "contido". En 2009, tras retornaren ao poder, os conservadores aseguraron que se dispuñan a "dar continuidade ás demandas competenciais que (...) o Goberno bipartito presentou perante a Administración do Estado", dixera Alberto Núñez Feijóo no seu discurso de investidura. Entre as competencias prioritarias, resaltaba, estaba a xestión da ordenación do dominio público marítimo-terrestre, que ampliaría a marxe de manobra do Goberno galego sobre a costa, malia ser un ámbito fortemente condicionado polas competencias do Executivo central.
Doce anos despois, esa petición competencial non experimentou avance ningún. Nin esa, nin ningunha outra alén da relativa á autoestrada AP-9, que volve tramitarse dende hai unhas semanas a través do Congreso dos Deputados. Galicia transita polo período máis prolongado sen novas competencias da historia da autonomía aínda que, dende que o PP xa non goberna en España, o Goberno galego do PP asegura ter interese en retomar o proceso. Así o afirmou nos últimos dous anos a respecto de competencias como as de tráfico, aínda que sen ningún avance concreto ao respecto.
Tras o período sen novas competencias máis prolongado da historia da autonomía, o Goberno galego asegura agora desexar "culminar o traspaso en materia de ordenación do litoral" coa xestión do dominio público marítimo-terrestre en plena pugna polas reformas que o Goberno de España ultima na materia
No que atinxe ás competencias sobre a xestión dos terreos situados no dominio público marítimo-terrestre, as encargadas de asegurar que o Goberno de Alberto Núñez Feijó volve ter interese no traspaso foron as conselleiras de Medio Ambiente e do Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, nunha comparecencia ante os medios a comezos do presente mes de febreiro. A Xunta pídeas, argumentaron, para "culminar o traspaso de competencias en materia de ordenación do litoral" que comezou nos primeiros anos da autonomía e porque o Goberno galego ten "un coñecemento máis detallado" da costa "que a Administración estatal". Isto é, argumentos semellantes aos que sustentaban a petición do Goberno de PSdeG e BNG hai máis dunha década.
De concretarse a transferencia, estes terreos costeiros seguirían sendo titularidade do Estado, pero a xestión correspondería á Xunta. "En definitiva -defende a Xunta- o Goberno galego quere exercer dun xeito autónomo unha política integral do territorio galego, tal e como hoxe en día xa xestionan Andalucía ou Cataluña". Os gobernos andaluz e catalán, abondan, "teñen ademais a capacidade de conceder os títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre, como son o outorgamento de autorizacións e concesións". Como pano de fondo desta reclamación emerxe a pugna que o gabinete de Feijóo mantén co Goberno de España ante mudanzas na lexislacións de costas, como as que traerá consigo a futura lei do cambio climático.
Outras competencias esquecidas
Malia estas declaracións a respecto das competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre, o certo é que o Goberno galego non logrou avance ningún en materia de traspasos dende a fin do mandato da coalición de socialistas e nacionalistas. Así, por exemplo, quedaron en vía morta as últimas competencias negociadas por Anxo Quintana co Goberno de Zapatero (museos, bibliotecas e arquivos estatais, bolsas de estudo e Inspección de Traballo), que o Executivo de Feijóo se comprometera a culminar tras chegar ao poder na primavera de 2009.
O programa electoral co que o PP gañou as últimas eleccións galegas volveu incluír a promesa de pedir as mesmas competencias xa enunciadas hai máis dunha década
O mesmo sucedeu con outras competencias que, aseguraran, ían tentar lograr. Este segundo paquete incluía a autoestrada AP-9 e mais a AP-53. Xunto a elas, mantiña o novo Goberno do PP, pedirían poder xestionar obras hidráulicas, dominio público hidráulico, ordenación pesqueira, meteoroloxía, investigación oceanográfica, titulacións e tarxetas naútico-pesqueiras, inspección e vixilancia pesqueira, persoal de Xustiza aínda non dependente da Xunta e as do dominio público marítimo-terrestre.
Mostra da ausencia de avances é que o programa electoral co que os populares concorreron ás eleccións galegas do pasado 2020 volveu prometer as mesmas competencias que veu reiterando en cada compromiso electoral dende 2009. Así, os de Feijóo volveron promete pedir as transferencias que "foron avaladas polo Parlamento galego". Entre elas, citaba algunhas como museos e bibliotecas estatais, arquivos, bolsas de estudo, Inspección de Traballo, servizos meteorolóxicos, varias ligadas á pesca e á ordenación territorial, a sanidade penitenciaria ou as autoestradas AP-9 e AP-53. Como novidade, agregaban a petición das competencias de xestión do Ingreso Mínimo Vital.