Galicia encadea tres lexislaturas sen novas competencias por primeira vez na historia da autonomía

Durante os mandatos dos catro primeiros presidentes da Xunta, Galicia incrementou o seu autogoberno en todas as lexislaturas CC-BY-NC-SA Praza Pública

O vindeiro 5 de abril remata a décima lexislatura autonómica coa celebración das eleccións ao Parlamento. Nesa xornada Galicia baterá un novo récord: por primeira vez na historia da autonomía, pechará tres lexislaturas seguidas sen sumar unha soa competencia nova malia ter identificadas unhas 70 pendentes, a maioría con cobertura do Estatuto de Autonomía de 1981.

O Goberno galego non recibe novas competencias dende xullo de 2008, cando o Executivo central daquela presidido por José Luis Rodríguez Zapatero rubricou o traspasos da xestión en materia de asociacións, do hospital da Defensa de Ferrol e do Parque das Illas Atlánticas, ademais de ampliar algúns servizos en competencias de educación que xa eran da Xunta. A negociación de todas elas culmináraa a Xunta da coalición de PSdeG e BNG, baixo cuxo mandato quedaran avanzados outros traspasos, como o das bolsas de estudo, que dende aquela están paralizados.

O Goberno galego non recibe novas competencias dende 2008, aínda na presidencia de Touriño, que finalizara con 12 transferencias reducidas daquela a "traspasiños menores" por parte do PP

Neste contexto, Alberto Núñez Feijóo tornou, cando menos de momento, no único presidente da historia da autonomía baixo cuxo mandato o autogoberno galego non aumentou. Fica obviamente lonxe das 72 competencias recibidas por Albor para poñer en marcha a autonomía ou das 53 que chegaron durante a década e media de Fraga, pero tamén lonxe das 13 transferencias dos pouco máis de dous anos de Laxe

A seca competencial iniciada en 2009 contrasta tamén co período que sería máis equiparable, o inmediatamente anterior. O mandato do Goberno que presidía o socialista Emilio Pérez Touriño, xa co Estatuto despregado a niveis como os actuais, finalizou con 12 transferencias novas. Durante a campaña electoral que, hai 11 anos, finalizou con Feijóo na Presidencia o PP desdeñara aquela ducia de novas áreas de autogoberno. Non foran máis que "traspasiños menores" que evidenciaban o "sometemento a Madrid" do Executivo de PSdeG e BNG, afirmaban.

Así foi como transcorreu unha década na que Galicia e Murcia foron as únicas autonomías de réxime común sen traspasos de competencias e durante a cal o propio Feijóo resaltou que, debido á crise económica, o mellor xeito de "blindar" o autogoberno era unha xestión económica que evitase a intervención das contas da Xunta por parte do Estado. O PP galego tamén engadira que, en realidade, o modelo de negociación política para lograr novos traspasos ficara "esgotado".

Disposición no Goberno central a transferir a AP-9

A reticencia na Xunta do PP a reclamar novas competencias do Goberno de España mudou, cando menos formalmente e con matices, tras a moción de censura que elevou á presidencia a Pedro Sánchez en xuño de 2018. Dende ese momento, os populares galegos deron en aprobar varias iniciativas no Parlamento para solicitar novos traspasos e puxeron novo énfase na petición de que fose traspasada a AP-9, reclamación que, se ben o PP dera en apoiar en Galicia, fora bloqueada no Congreso polo Goberno de Mariano Rajoy.

Iglesias e Ábalos amosaron esta semana a súa disposición a aprobar o traspaso da AP-9, incluído no pacto de investidura do BNG co PSOE

A da AP-9, precisamente, semella ser unha das transferencias que atopa maior receptividade no actual Executivo estatal de PSOE e Unidas Podemos. Ademais de estar explicitamente incluído no acordo de investidura do Bloque cos socialistas, esta mesma semana o vicepresidente segundo e líder de Podemos, Pablo Iglesias, aseguraba en declaracións á TVG que ten "clarísimo" que a autoestrada será transferida á Xunta. Nun sentido semellante se manifestaba este martes o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, de cuxo departamento dependería facer efectiva unha transferencia que foi ralentizada por mor das dúas eleccións xerais de 2019, pero que volveu tramitarse no Congreso dende o inicio da nova lexislatura estatal.

Complexo administrativo de San Caetano, sede central do Executivo galego CC-BY-NC-SA Praza Pública

Alén da AP-9, outra das competencias máis longamente agardadas e paralizadas na última década é a de tráfico e seguridade viaria, que implicaría o despregamento da lei de policía do ano 2007, incumprida na súa práctica totalidade. Outros traspasos de menor complexidade política e lexislativa e cun amplo consenso parlamentario en Galicia son o das devanditas bolsas de estudo; os museos, bibliotecas e arquivos, a Inspección de Traballo, os servizos meteorolóxicos ou varias competencias no eido da xestión marítima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.