O PP dá por "esgotados" os traspasos de competencias á Xunta tras cinco anos en branco

Mencións ao autogoberno nos programas do PP en 2009 (esquerda) e 2012 CC-BY-SA Praza Pública

"O balance dos últimos 8 a nos de gobernos populares en Madrid e Galicia arroxa un balance de 46 traspasos por importe de 90 millóns e medio de euros e máis de 3.000 postos de traballo; o balance de seis anos de Goberno socialista en Madrid e catro anos de bipartito apenas pode exhibir 12 traspasos, por menos de 20 millóns de euros (...)". "Falaban de involución autonómica, pero o tempo pon a cada un no seu lugar. "Sendo certo que conforme se vai avanzando no proceso cada vez quedan menos competencias por transferir (...) o abano de temas pendentes esixe un esforzo negociador adicional". A comezos de 2009 o PP expresábase deste xeito no seu programa electoral para "recargar" Galicia da man de Alberto Núñez Feijóo. Cinco anos despois a Xunta non sumou unha soa competencia nova e os conservadores dan o proceso de traspasos por "esgotado".

"O PPdeG reafirma a súa intención de negociar co Estado", dicían daquela os conservadores, marcando como prioridades ámbitos como o pesqueiro, as cuncas hidrográficas, os aeroportos ou a inspección de traballo. Tamén incluían neste paquete a competencia de meteoroloxía, a mesma que o BNG propuxo reclamarlle ao Estado este martes no Parlamento a través dunha iniciativa que o PP rexeitou. As transferencias non dan máis de si, din, afondando así nunha argumentación que xa suxerían no seu programa electoral de 2012, cando sen lograr nin un só dos obxectivos marcados tres anos antes explicaba que "o proceso de transferencias está practicamente concluído e polo tanto o PPdeG cre que o traballo da Xunta debe ir dirixido nestes momentos non só na procura dunha ampliación competencial, senón tamén na dirección dunha cooperación e colaboración entre as distintas administracións".

En 2009 o PP reprocháballe ao bipartito a escasas competencias logradas, pero en cinco anos o gabinete de Feijóo non sumou ningunha

Co paquete de competencias pendentes asumidas por Feijóo ao chegar ao poder xa no esquecemento ao seu voceiro, Pedro Puy, tocoulle argumentar que non é momento de pedir a competencia meteorolóxica, aínda que foi alén para "defender que a política de traspasos é unha política que, en liñas xerais, está nun momento distnto do que estivo no pasado". "Houbo un momento no que as comunidades impulsaban o autogoberno mediante traspasos" pero esa dinámica chegou ao esgotamento, asegura. Agora "o que cómpre para manter o autogoberno é manter a solvencia da comunidade autónoma", di, na liña do reiterado en innumerables ocasións polo presidente.

Manter Meteogalicia sen sumar competencias

Neste contexto, e mesmo admitindo que a petición da transferencia das competencias meteorolóxicas foi "unha constante de Galicia dende 1999", agora a aposta dos populares é "reforzar e explorar a vía de colaboración" coa Axencia Estatal de Meteoroloxía aínda que, aseguran, mantendo Meteogalicia contra o criterio do Goberno Rajoy, que pide eliminar o servizo para aforrar. Meteogalicia dálle "grandes rendementos ao país", pero non apoian que asuma en exclusiva o servizo meteorolóxico para o territorio galego porque, apoiándose na sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya, trátase dun caso de "concorrencia de competencias" que impide, como reclamaba o Bloque, "que do ámbito galego desapareza a axencia estatal". E a idea é tamén, explica, evitar duplicidades.

Pontón lamenta que o PP renuncie ao traspaso da meteoroloxía por "someterse á estratexia do PP de Madrid"

"Apostamos, efectivamente, por evitar duplicidades", por iso a reclamación é que este labor "se faga dende o noso país", retrucou a nacionalista Ana Pontón, cuxa iniciativa foi apoiada tamén por PSdeG e AGE.  Esta transferencia, sinala, non implicaría "ningún problema a nivel de colaboración co Estado e a nivel internacional" e, ademais, o traspaso traería "asociado financiamento", polo que "poderíamos mellorar moito a prestación deste servizo". Pero o PP, lamenta, está "sometido" na práctica "á estratexia que se dita dende o PP de Madrid" e así, por exemplo, as alertas meteorolóxicas lanzadas por Meteogalicia "non deixarán de ser algo declarativo" se "o organismo estatal non as comparte".

Feijóo, con Rajoy en La Moncloa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.