O Goberno galego resolve o conflito entre o persoal veterano implicado en concursos de traslados e o de novo acceso con diversas medidas transitorias
A finais de 2022 o Tribunal Constitucional estableceu que o funcionariado de novo ingreso debe acceder a prazas coa consideración de definitivas, e non de xeito provisional durante dous anos como viña facendo ata agora a Xunta. Tres anos despois, o Goberno galego vai mudar a lexislación galega para adaptala a esa xurisprudencia constitucional a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o vindeiro ano, que o luns entrarán no Parlamento.
A mudanza chega logo de que nos últimos meses funcionariado de novo acceso e outro moi veterano loitasen por uns mesmos postos que o Goberno galego outorgou aos primeiros de xeito provisional cando segundo o Constitucional deberan ser definitivos, postos que ao mesmo tempo a Xunta ofreceu tamén aos veteranos en concursos de traslados que acabaron quedando paralizados.

Cando estourou o conflito, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, atribuíu á pandemia a lentitude do seu departamento na xestión do persoal autonómico.
Nas últimas semanas a Xunta duplicou algunhas prazas para cumprir con sentenzas puntuais que deron a razón a funcionariado de novo acceso que quere ter xa o seu posto como definitivo e ao tempo para garantir que veteranos con esas mesmas prazas xa adxudicadas en concursos de traslados manteñan ese dereito. E agora, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, a Xunta muda a Lei do Emprego Público de 2015 para tentar cumprir en xeral coa xurisprudencia establecida polo Constitucional en 2022.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública atribuíu á pandemia a lentitude do seu departamento na xestión do persoal autonómico
A reforma legal que agora se vai aprobar, segundo o texto que a Xunta avanzou aos sindicatos, establece medidas transitorias e múltiples excepcións. A reforma mantén "a eficacia das adxudicacións provisionais realizadas antes da entrada en vigor desta lei ao amparo das normas modificadas por esta, sempre que sexan firmes e consentidas por non ter sido recorridas no seu día en tempo e forma". En todo caso, di que "sen prexuízo do indicado, estas situacións deberán ser regularizadas mediante o ofrecemento dun destino definitivo ao persoal afectado de acordo co establecido nesta disposición, no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor".
Cando esas prazas estean incluídas nun concurso de traslados "e tiveran sido solicitadas e poidan ser obxecto de adxudicación ao persoal solicitante de acordo coas regras do concurso [...], o persoal en situación de destino provisional poderá ser cesado no momento da toma de posesión do persoal que obtivera a praza por concurso, de acordo co previsto nas normas modificadas por esta lei, sen prexuízo de que, en todo caso, deberá ofrecérselle destino definitivo" antes de dous anos.
E "no caso de que no prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta disposición, non se teña producido o cese na situación de adxudicación provisional e obtención dun destino definitivo, as adxudicacións provisionais [...] quedarán de pleno dereito convertidas en definitivas", recoñecendo a Xunta de oficio esa situación e o nomeamento definitivo.
A Xunta remata a reforma legal matizando que esta será entendida "sen prexuízo das situacións individuais derivadas de resolucións xudiciais firmes existentes no momento da súa entrada en vigor, que serán respectadas en todo caso".