Tras anos de demora o Goberno galego asegura que "en cuestión de semanas" tomará posesión o funcionariado implicado en concursos de traslados mentres que dará "solución individualizada" a 8 traballadores de novo acceso que reclamaron un posto definitivo
"A situación actual está moi condicionada pola paralización que supuxo a pandemia durante case 3 anos na convocatoria de procesos". Así se pronunciou este mércores no Parlamento o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sobre a demora de anos e nalgúns casos de máis dunha década da Xunta en convocar e resolver concursos de traslados de corpos especiais da función pública. Unha demora na mobilidade de persoal veterano que agora entra en conflito coa recente xurisprudencia que outorga prazas definitivas a persoal e novo acceso que antes recibía unha praza provisional.
Segundo Corgos, "en cuestión de semanas" o persoal veterano implicado en concursos de traslados tomará posesión das prazas ás que ten dereito mentres que para o caso do persoal de novo a Xunta dará unha "solución individualizada" a 8 traballadores que reclamaron xudicialmente un posto definitivo en lugar de provisional.

A orixe do conflito polo que foi preguntado este mércores Corgos no Parlamento, a cuxas portas protestaron varias ducias de afectados, é unha sentenza do Tribunal Constitucional que en 2022 estableceu que o funcionariado de novo ingreso debe acceder a prazas coa consideración de definitivas e xa non provisionais. A Xunta non só seguiu facendo adscricións provisionais senón que incluíu numerosas desas prazas en concursos de traslados dos corpos especiais que levaban anos, mesmo máis dunha década, sen convocarse. Uns traslados que agora están paralizados porque as prazas de destino están ocupadas por funcionarios de novo acceso con praza provisional pero que reclaman que esta sexa para eles de xeito definitivo en aplicación da sentenza do Constitucional.
Funcionariado de novo acceso e outro moi veterano loita polos mesmos postos que o Goberno galego outorgou aos primeiros de xeito provisional cando deberan ser definitivos, e que ao tempo ofreceu aos segundos en concursos de traslados agora parados
A deputada socialista Patricia Iglesias salientou que este non é un problema puntual senón froito de "17 anos sen planificación axeitada dos recursos humanos" por parte da Xunta, "sen concursos de traslados nin concursos específicos" e cun "abuso masivo de comisións de servizo e libres designacións" que supoñen "arbitrariedade e provisionalidade".
A resposta de Corgos foi remitirse á "paralización que supuxo a pandemia durante case 3 anos" e á "carga de traballo extraordinaria nestes anos" derivada tamén dos procesos de estabilización de persoal, obviando que algúns concursos de traslados levaban pendentes máis dunha década. No que se refire ao conflito concreto pola oferta en concursos de traslados de prazas ocupadas de xeito provisional por funcionariado de novo acceso que reclama xudicialmente mantelas de xeito definitivo, o conselleiro asegurou que "esta situación motivada por causas extraordinarias non se vai volver reproducir".

O conselleiro asegura que "en cuestión de semanas daremos toma de posesión da práctica totalidade de persoas ás que se adxudicou un posto no concurso". Mentres que "as persoas afectadas por medidas [xudiciais] cautelares", que cifrou en 8, a Xunta dará unha "solución individualizada para que poidan ocupar outros postos análogos aos bloqueados". Nada dixo doutras posibles reclamacións xudiciais similares a maiores desas 8 e asegurou que a partir de agora a Xunta deixará de adxudicar destinos a funcionarios de novo ingreso de xeito provisional e serán todos "con carácter definitivo".
En xeral, sobre a lentitude dos concursos de traslados, Corgos considerou "normal que haxa máis concursos de corpos xerais que especiais". "Todo é mellorable e niso traballamos", asegurou.