A demora da Xunta en ordenar o seu persoal deixa no aire centos de postos de funcionariado

Oficinas da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

Funcionariado de novo acceso e outro moi veterano loita polos mesmos postos que o Goberno galego outorgou aos primeiros de xeito provisional cando deberan ser definitivos, e que ao tempo ofreceu aos segundos en concursos de traslados agora parados

Preto de 80.000 funcionarios do Sergas ou da Consellería de Educación poden aspirar cada ano a mudar de praza se teñen a experiencia e puntuación axeitadas porque nesas áreas os concursos de traslados son algo habitual, que a Xunta resolve constantemente sen maiores dificultades. Porén, non ocorre o mesmo nos corpos especiais da administración xeral (enxeñarías de todo tipo, arquitectura, bioloxía ou diversas escalas técnicas), onde a Xunta pode deixar pasar máis dunha década entre un concurso de traslados e o seguinte. 

Esa demora reiterada do Goberno galego -en 2021 o Consello de Contas xa criticaba nun informe que "nos últimos anos as convocatorias de concursos non están seguindo unha periodicidade adecuada"-, xunto coa súa tamén lenta aplicación dunha sentenza do Tribunal Constitucional que di que o funcionariado de novo ingreso debe facelo xa a unha praza definitiva e non provisional, está a manter na indefinición sobre o seu futuro a centos de funcionarios de corpos especiais tanto veteranos como de novo acceso, que están a loitar en moitos casos por unhas mesas prazas pola lentitude da Xunta en ordenalas axeitadamente.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, co seu equipo de altos cargos CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 2022 o Tribunal Constitucional estableceu que o funcionariado de novo ingreso debe acceder a prazas coa consideración de definitivas e xa non provisionais. A Xunta non só seguiu facendo adscricións provisionais senón que incluíu numerosas desas prazas en concursos de traslados dos corpos especiais que levaban anos, mesmo máis dunha década, sen convocarse. Uns traslados que agora están paralizados porque as prazas de destino están ocupadas por funcionarios de novo acceso con praza provisional pero que reclaman que esta sexa para eles de xeito definitivo en aplicación da sentenza do Constitucional.

Por unha banda, o persoal de corpos especiais máis veterano ve como as súas aspiracións de anos ou mesmo décadas de mudar de posto se vén agora freadas porque, cos concursos de traslados por fin lanzados, a Xunta os ten parados. Por outra banda, os funcionarios de novo acceso aos que deron prazas de xeito provisional están a reclamar, en aplicación da xurisprudencia constitucional, o seu dereito a seguir ocupando esas mesmas prazas de xeito definitivo (a xustiza pronúnciase de xeito individualizado sobre cada caso), o que bloquearía a mobilidade dos máis veteranos. 

Vista de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Unha plataforma de técnicos veteranos da Xunta están a mobilizarse reclamando "respecto a súa carreira profesional"

Nesta situación, unha plataforma de técnicos veteranos da Xunta está a mobilizarse reclamando o "respecto a súa carreira profesional" e "a toma de posesión inmediata das prazas" que xa lles foran adxudicadas nos concursos de traslados. Este mércores concentraranse ás 16 horas ante o Parlamento de Galicia, onde está prevista a comparecencia do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, para responder unha pregunta ao respecto do PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.