O nomeamento das xefaturas de servizo por concursos específicos, incluído na Lei de Emprego Público de 2015, non foi regulado por decreto ata 2022, e aínda agora a Xunta propón un modelo de bases de concurso, que despois deberá desenvolver cada consellería
É unha demanda histórica dos sindicatos que sucesivos gobernos foron asumindo de palabra pero adiando na súa concreción: que o nomeamento de centos de postos da Xunta deixe de ser a dedo. Así o prometeu Feijóo hai máis dunha década e acabouno recollendo na súa reforma da Lei de Emprego Público de 2015, pero tanto cos seus gobernos como con Alfonso Rueda o desenvolvemento da norma vén sendo tan lento que aínda agora, dez anos despois, a Xunta vén de presentar aos sindicatos un borrador cun modelo de bases de como deben ser os concursos de acceso a eses postos. Uns concursos que despois aínda deberán ser desenvolvidos por cada consellería cun procedemento que aínda contén amplas marxes de discrecionalidade, xa que as comisións de valoración serán nomeadas polo Goberno galego sen reservar postos aos sindicatos.
En 2015, cando a Xunta impulsou a nova Lei de Emprego Público, o daquela conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, lamentou no Parlamento que "os cidadáns non entenden que os postos técnicos vaian elixidos por libre designación” e asegurou que co cambio no sistema de cobertura das xefaturas de servizo, “máis de 500 na Administración galega, pasarán a proverse por medio dun concurso público específico con convocatoria pública”.
Xefaturas de servizo que son só unha parte dos 2.700 postos que cuantificou o Consello de Contas en 2021 como outorgados a dedo ou sen motivación suficiente, entre libres designacións e comisións de servizos. Segundo as cifras manexadas polos sindicatos a partir das actuais relacións de postos de traballo, na administración xeral da Xunta, sen ter en conta entes instrumentais, hai preto de 800 postos aínda cualificados de libre designación e unha cifra lixeiramente superior de concurso específico, aínda que estes nunca se chegasen a desenvolver.
O Consello de Contas cifrou en 2.700 os postos outorgados 'a dedo' ou sen motivación suficiente na Xunta
Porque a modificación das relacións de postos de traballo para reducir o número de prazas de libre designación non implicou que estas pasasen a ser convocadas por concurso. O que fixo a lei de 2015 foi establecer que é a Relación de Postos de Traballo de cada consellería, que se modifica periodicamente, a que fixa que postos son de libre designación polas súas especiais características ou responsabilidades, algo que se fixo seguindo unhas instrucións cunha ampla marxe de discrecionalidade. E o concurso específico quedou como un desexo de futuro, de xeito que a Xunta leva dez anos de demorado deseño dese proceso, tempo durante o que as designacións a dedo, con comisións de servizo, seguen sendo o habitual.

En 2018, tres anos despois da aprobación da lei, a propia Xunta publicitaba que estaba a impulsar aínda un decreto para a súa aplicación que "permitirá cubrir por concurso específico 591 xefaturas de servizo". Pero ese decreto aínda tardaría outros catro anos en ser aprobado.
O que fixo ese decreto de desenvolvemento da lei en 2022 foi establecer como deben ser os concursos específicos para aqueles postos que as RPT non sigan considerando de libre designación, pero mantivo unha ampla marxe de discrecionalidade. Así, deixou en mans de cada consellería o nomeamento dos tribunais que avalíen as candidaturas das persoas aspirantes a cada posto, sen participación regulada dos sindicatos e coa única presenza dunha secretaría con voz e voto da consellería competente en materia de función pública.
Os tribunais dos concursos específicos, pensados para as xefaturas de servizo que non se sigan dando por libre designación, estarán formados por cinco persoas, catro delas propostas pola consellería convocante do posto e sen participación dos sindicatos
Esas comisións de valoración deberán avaliar a adecuación das candidaturas ás bases que cada consellería fixe para cada posto, cun límite do 55% da puntuación total para os “méritos” que acumule a persoa, o que permite que ata o 45% da puntuación se poida decidir na fase de valoración de “capacidades”, que pode consistir en “entrevistas”, probas prácticas ou entrega de memorias.
E esa estrutura do decreto de hai tres anos replícase agora nun novo e lento paso administrativo da Xunta, a entrega aos sindicatos dun borrador de modelo de bases de convocatoria de concursos específicos. Isto é, as bases xerais para eses concursos que despois cada consellería aínda deberá convocar e adaptar aos seus procesos concretos de selección.
O borrador segue sen establecer, como xa facía o decreto, ningunha participación dos sindicatos, de xeito que das persoas integrantes das comisións de valoración dise sinxelamente que serán "por proposta da consellería convocante".
Ante este borrador agora presentado, o secretario xeral de CSIF en Galicia, José Brunete, lamenta que o texto está "deseñado para que se sigan adxudicando os postos de forma arbitraria baixo o disfraz do mérito e a capacidade". Tamén critica que a Xunta pretenda negocialo "en 48 horas" tras dez anos desde a entrada en vigor da lei de 2015 e que se manteña a ausencia no proceso de representantes do persoal cando a nivel estatal a normativa xa o recolle para os mesmos concursos específicos desde 1995. Similar crítica de excesiva présa na actual negociación tras dez anos de lenta aplicación da lei lanzan desde a CIG.