CSIF cuantifica no 38% as xefaturas de servizo que aínda son discrecionais
Hai agora catro anos, en decembro de 2014, a daquela conselleira de Facenda, Elena Muñoz, acompañada do presidente Feijóo, anunciou como unha das novidades da lei de emprego público que a Xunta estaba a tramitar que as xefaturas de servizo deixarían de ser elixidas por libre designación, isto é, a dedo por parte do Goberno galego de entre o persoal funcionario. A norma entrou en vigor a finais de maio de 2015, hai xusto tres anos e medio, e o sindicato CSIF cuantifica agora en 344 as xefaturas de servizo cuxa forma de provisión segue a ser a libre designación, o 38% do total, segundo datos comprobados por Praza.gal. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular catro delas a petición de CCOO porque a Xunta non argumentou a excepcionalidade dos seus cometidos para poder seguir cubríndoas a dedo.
Cando en marzo de 2015 o sucesor de Muñoz en Facenda, o actual conselleiro Valeriano Martínez, defendeu no Parlamento a nova lei asegurou que "os cidadáns non entenden que os postos técnicos vaian elixidos por libre designación” e asegurou que co cambio no sistema de cobertura das xefaturas de servizo, “máis de 500 na Administración galega, pasarán a proverse por medio dun concurso público específico con convocatoria pública”. Só uns días despois desas verbas, o Goberno galego creaba catro novas xefaturas de servizo e determinaba que se cubrisen por libre designación. Tres anos e medio despois, segundo as cifras recompiladas por CSIF, as xefaturas de servizo só da administración xeral galega xa ascenden a 897, das que 344 seguen a ser de libre designación.
A lei só contempla como unha excepción as xefaturas de servizo que "polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación”, pero a Xunta debe xustificalo
Segundo establecía a nova lei “as xefaturas de servizo ou os postos de nivel equivalente proveranse” por “concurso específico”, “agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación”. Para aplicar esa medida, a lei establecía que a Consellería de Facenda “procederá á modificación das relacións de postos de traballo (RPT)” para establecer nelas o novo sistema de provisión deses postos. Ese proceso de modificación das RPT está completado ao 80%, pero a revisión desas relacións de postos permite comprobar, segundo evidencia CSIF, que o 38% desas prazas seguen a ser de libre designación.
Fragmento da sentenza do TSXG anulando catro xefaturas de servizo de libre designación
O TSXG vén de anular catro desas prazas a petición de CCOO porque o Goberno galego non argumentou a súa excepcionalidade
Unha das relacións de postos de traballo que xa modificou o Goberno galego é a da Consellería de Sanidade e o Sergas, publicada no Diario Oficial de Galicia en agosto de 2017. O sindicato CCOO levouna aos tribunais e o TSXG vén de anulala porque o Goberno galego non xustificou a excepcionalidade necesaria para poder seguir provendo catro das súas xefaturas de servizo por libre designación e non por concurso. A Xunta limitouse a argumentar que eran postos de especial responsabilidade pero non o probou.