A resposta galega ao 23F nos documentos desclasificados: paros obreiros e estudantís

Fragmentos dun informe policial sobre mobilizacións en Galicia contra o golpe do 23F CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe 23F: Retransmisión RTVE

Un informe policial, datado o 24 de febreiro, fala de varios "desaloxos" nas facultades de Filoloxía, Ciencias da Educación e Historia. Tamén se recollen os paros convocados en Astano (Fene) e Bazán (Ferrol) e nas factorías viguesas de Álvarez, Barreras e Vulcano

O Goberno de España publicou este mércores ao mediodía a documentación desclasificada sobre o intento de Golpe de Estado do 23F. Son en total 153 arquivos procedentes dos arquivos dos ministerios de Defensa, Interior e Exteriores, que inclúen informes policiais, transcricións de conversas e documentos dos servizos de intelixencia que dan conta de varias operacións en marcha nos meses previos para unha remuda non democrática do Goberno de Adolfo Suárez, do desenvolvemento dos feitos na tarde e na noite daquel 23 de febreiro e das reaccións sociais á intentona golpista.

Non hai excesivas alusións directas a Galicia ou a feitos ocorridos en territorio galego, pero entre a documentación desclasificada atópanse varios informes policiais, realizados pola Jefatura Superior de Policía da Coruña, que detallan a resposta que o Golpe de Estado tivo nas rúas galegas, principalmente a cargo de sindicatos, forzas políticas de esquerda e grupos estudantís. 

Galicia nos informes policiais sobre a resposta cidadá ao 23F

O informe policial advertía tamén do reparto de progaganda de organizacións como LCR, MCG e PST, convocando unha asemblea para "tratar sobre o castigo aos culpables" do Golpe e a "depuración de elementos fascistas nos Corpos de Seguridade"

Así, o primeiro documento, datado o 24 de febreiro, informa de que ese día se produciron varios "desaloxos" nas facultades de Filoloxía, Ciencias da Educación e Historia. Tamén se recollen os paros convocados en Astano (Fene) e Bazán (Ferrol), nos que participaron 3.500 e 6.200 traballadores. Ao igual que nas factorías viguesas de Álvarez, Barreras e Vulcano, seguindo a convocatoria de CCOO e UGT, mentres que na planta de Citröen se levou a cabo unha asemblea obreira.

O informe policial advertía tamén do reparto de progaganda de organizacións como LCR, MCG e PST, convocando unha asemblea para "tratar sobre o castigo aos culpables" do Golpe e a "depuración de elementos fascistas nos Corpos de Seguridade".

E, igualmente, un chamamento do PCG en Vilagarcía a un paro de dúas horas "en apoio da Constitución, institucións e Xefe do Estado".

25 de febreiro, novos paros estudantís

Ao día seguinte destácase principalmente a mobilización na Universidade de Santiago, onde se leva a cabo un "paro total" na Facultade de Económicas e "paros parciais" en Filoloxía e Xeografía e Historia

Un día despois un novo informe fala de "normalidade xeral" na rexión policial. Pero volver relatar unha sucesión de mobilizacións protagonizadas polas organizacións obreiras e estudantís. Destácase principalmente a mobilización na Universidade de Santiago, onde se leva a cabo un "paro total" na Facultade de Económicas e "paros parciais" en Filoloxía e Xeografía e Historia. 

Así mesmo, lévase a cabo unha asemblea na Facultade de Medicina, coa asistencia de 600 persoas, na que se decide un paro total o día 25 de febreiro en toda a universidade e unha manifestación para o día 27. O informe dá conta dunha manifestación duns vinte estudantes "con berros de protesta contra a ocupación do Congeso" que foi disolta pola Policía.

O documento informa tamén do reparto de propaganda en Vigo por parte de Esquerda Galega (citada como Esquerra Galega) "realizando un chamamento aos traballadores a 'consolidar conquistas democráticas'".

Extractos dalgúns dos informes policiais sobre o 23F desclasificados ©

Un informe do Centro Superior de Información da Defensa (CESID) detalla a “participación activa” de seis dos seus axentes no intento de Golpe de Estado

Nos documentos desclasificados non hai grandes revelacións que vaian mudar o que se sabe sobre o Golpe de Estado. Porén, cómpre destacar un informe do Centro Superior de Información da Defensa (CESID), que detalla a “participación activa” de seis dos seus axentes no intento de Golpe de Estado. O documento sinala que catro integrantes (os capitáns García Almenta e Gómez Iglesias, o sarxento Miguel Sales e o cabo Monge Següra) eran coñecerores do que ía ocorrer o 23F. Tamén subliña que hai indicios de que o comandante José Luis Cortina Prieto estaba igualmente ao tanto dos plans golpistas.

Informes publicados dan conta igualmente da organización de grupos de pistoleiros de extrema dereita, que estaban preparados para saír á rúa ese 23 de febreiro

Os documentos desclasificados, lonxe de implicar ao daquela rei Juan Carlos no desenvolvemento do Golpe de Estado, subliñan a súa distancia con Tejero e Armada

Entre os documentos que se poden consultar na web do Goberno do Estado destaca un informe anónimo de novembro de 1980 que dá conta de varios escenarios e procesos en marcha, civís, militares ou civil-militares para substituír a Adolfo Suárez por vías non democráticas. Entre eles, fálase dun golpe con implicación dun grupo de "coroneis" no que se suxire a implicación de Manuel Fraga: "rumoréase que Fraga está tamén en relación con este grupo conspirador".

Os documentos desclasificados, lonxe de implicar ao daquela rei Juan Carlos no desenvolvemento do Golpe de Estado, subliñan a súa distancia, sobre todo, con Tejero, a quen xa ás oito e vinte da tarde se lle indicou dende a Casa Real que "depuxese a súa actitude". Tamén se subliña a negativa de Zarzuela, expresada ás dez e media da noite, a apoiar un goberno de concentración presidido por Alfonso Armada. 

Esquema que dá conta de varios escenarios e procesos en marcha, civís, militares ou civil-militares para substituír a Adolfo Suárez por vías non democráticas. ©

Os documentos revelan unha conspiración máis ampla ao redor dos executores directos do Golpe, un movemento reaccionario no que terían participado amplos sectores da ultradereita

Outro dos documentos, anónimo, informa dos rumores “malintencionados” para implicar Juan Carlos I, uns rumores que, sinala, terían sido iniciados polos propios implicados no Golpe de Estado buscando diluír a súa responsabilidade.

En todo caso, os documentos si revelan unha conspiración máis ampla ao redor dos executores directos do Golpe, un movemento reaccionario no que terían participado amplos sectores da ultradereita española neses momentos. Por exemplo, detállanse as axudas económicas de altos mandos do exército e de importantes empresarios ás familias dos militares xulgados polo 23F. Tamén as presións para outorgar beneficios penitenciarios aos condenados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.