- Pilar García Negro: "O 20-N non cambiou moito a situación, que era máis complicada para o nacionalismo"
- Francisco Cerviño: "O franquismo deixou na xente o medo a facer política"
- María Xosé Queizán: "A esquerda pensaba que, coa liberación proletaria, ía vir soa a da muller"
- Suso Díaz: "A democracia chegou grazas á mobilización dos traballadores"
"Usted haga como yo y no se meta en política". O célebre 'consello' co que o ditador Francisco Franco pretendeu aliviar o desacougo do director do xornal falanxista Arriba, Sabino Alonso Fueyo, preocupado polas presións que recibía das diferentes familias da ditadura, ficou para a historia como un resumo do desdén, desprezo e mesmo medo pola política que o réxime inoculou na sociedade. Corenta anos despois da morte do militar que, tras rebelarse contra o Goberno da II República, impuxo un réxime baseado no terror e sustentado na eliminación física da oposición, algunhas das persoas que en Galicia desobedeceron a Franco e si se meteron en política lembran as sensacións daquel 20-N, as súas esperanzas, os seus desexos e tamén os seus medos.
Galegas e galegos como Pilar García Negro, Francisco Cerviño, María Xosé Queizán ou Suso Díaz traballaban politicamente contra a ditadura dende cadansúas posicións, sempre na esquerda. Eran mozas e mozos que aquel xoves de novembro agardaban escoitar, un día máis, o parte do "equipo médico habitual" que trataba a agonía do ditador. De médico, precisamente, exercía naquela altura o exdeputado do PSdeG Francisco Cerviño, que con 30 anos compatibilizaba o traballo no hospital da Coruña coa militancia na clandestinidade, a mesma que lle fixo compartir sorrisos cómplices aquela mañá cun compañeiro radiólogo que, ligado a Comisións Obreiras, lle confirmou co seu xesto que Franco morrera na cama, pero morrera.
"Estabamos desexando que morrese canto antes", evidencia Cerviño, para quen aquela xornada implicou o inicio dunha "esperanza" que, no entanto, non supuña abandonar as "precaucións" no exercicio da actividade política. "Os antifranquistas eramos unha minoría", lembra. Quen non percibiu cambios inmediatos co que os franquistas chamaban "hecho biológico inevitable" foi Pilar García Negro, que se dirixía aquela mañá a facer as prácticas na súa autoescola de Lugo cando se cruzou con "masas de rapazas e rapaces" cuxos profesores os mandaban para a casa dende ao escola ao saberen da nova.
"Os antifranquistas eramos unha minoría"
Con 22 anos García Negro aínda non militaba en organizacións políticas como ERGA, nas que si participaban persoas do seu entorno, pero xa estaba claramente "posicionada" e por iso nas semanas e meses seguintes continuou a vivir cunha mestura de "precaución e medo" todo o vinculado ao activismo político. "A morte de Franco non mudou en absoluto esa sensación, tampouco nos meses posteriores", lembra. Menos aínda nas organizacións que "non comungaban con rodas de muíño" no proceso da Transición. Por todo isto, por exemplo, as asembleas partidarias e sindicais continuaron celebrándose de xeito "totalmente clandestino, coa sensación de que podía pasar calquera cousa en calquera momento".
"A morte de Franco non mudou a sensación de precaución e medo"
Tamén María Xosé Queizán lembra a clandestinidade á que xa estaban "afeitas" as mulleres galegas que, a partir de 1975, lanzaron a loita feminista no país. Cando finou o ditador ela tiña 36 anos e unha bagaxe militante que implicaba dúas batallas: contra a ditadura e contra os prexuízos que atopaba nuns partidos de esquerda que "falaban do inimigo principal, que era a ditadura e o capitalismo, e daban por suposto que a liberación da muller ía vir soa". "Falar de sexo, de matrimonio, de fillos... Era considerado antirrevolucionario" nunhas organizacións cuxas cúpulas, "como agora", eran netamente masculinas aínda que houbese un número notable de mulleres en, por exemplo, "o sindicalismo, sobre todo nos sectores máis feminizados, como o conserveiro". No seu caso pasou da militancia da Unión do Povo Galego "ao feminismo, sen ningunha organización política máis".
"Fálase dos líderes e de conversas por riba, e esquécese a gran mobilización dos traballadores, que foi o que fixo que teñamos democracia".
Do traballo sindical fala tamén Suso Díaz, o ex secretario xeral de CC.OO. en Galicia, quen en 1975, con 31 anos, tamén "brindou, se non con champán, cando menos con clarete" ao coñecer que Franco falecera. "Que Franco morrese era algo fundamental" e a alegría "non era pola morte dunha persoa, senón unha alegría política porque era decisivo para desaparición da ditadura". O relato da Transición, lembra Díaz, fala moio "de líderes políticos e de conversas por riba", e menos" da gran mobilización dos traballadores, que foi o que fixo que teñamos democracia". A esquerda na que el militaba xa daquela "quería a ruptura, non a reforma", pero "todo depende da correlación de forzas que teñas" e por iso "houbo que pactar". Ficaron moitas materias pendentes, como introducir cambios profundos na Policía ou na Xustiza, lembra. Así e todo, Díaz desbota "botarlle a culpa" só ao sucedido na Transición: "despois pasaron moitos anos e as cousas non se solucionaron".