Un informe de Defensa "sobre a ameaza interior" agora desclasificado minimizaba "o espectro separatista galego"
Entre a documentación desclasificada arredor do Golpe de Estado do 23F, ademais de informes policiais sobre as reaccións políticas, sindicais e estudantís en Galicia, hai un informe do Ministerio de Defensa "sobre a ameaza interior", con data do 10 de febreiro, dúas semanas antes do golpe, no que se teñen en conta "as hipóteses de accións involutivas" con respaldo militar.
Nese informe analízanse tamén outras ameazas entre as que figura "o separatismo en Galicia". O documento minimízao e sinala, sobre a posibilidade dun separatismo violento, que "pode constituír unha ameaza potencial a moi longo prazo".
O Informe semestral sobre a ameaza interior, do Centro Superior de Información da Defensa, con data do 10 de febreiro de 1981, salienta a orixe "esencialmente interna" das principais ameazas para España. Entre elas sinala como a máis probable o terrorismo, seguida de "brotes máis ou menos xeralizados de desobediencia civil separatista" e di que "en terceiro lugar deben considerarse as hipóteses de accións involutivas, ben por medio de manobras políticas extraconstitucionais con respaldo militar, ou por accións armadas de entidade limitada".
No seu desenvolvemento o documento analiza a situación política e sindical, a "ameaza revolucionaria" e diversos separatismos, con especial atención ao terrorismo de ETA. As 21 páxinas do documento dedican medio folio a analizar "o separatismo en Galicia", do que di que "ao igual que en Cataluña, o separatismo violento galego atopa polo momento pouco eco, aínda que pode constituír unha ameaza potencial a moi longo prazo". Sería en 1987 cando o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive iniciaría a súa actividade violenta.
Á marxe desa prognose sobre o separatismo violento, o informe militar de dúas semanas antes do 23F di que "o espectro separatista galego" estaba formado, "principalmente", por catro entidades. A primeira citada é o Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG), do que di que "o seu apoio electoral rolda o 3% do censo electoral da rexión". A segunda organización é o Partido Obreiro Galego, "integrado en Esquerda Galega, cuxo respaldo popular non está cuantificado por non participar ata o momento en eleccións pero que, a tenor do seu apoio na rúa, parece mínimo".
Fronte a esas consideracións do informe militar, uns meses despois, nas primeiras eleccións galegas do 20 de outubro de 1981, a coalición de BN-PG e PSG obtivo o 6,2% dos votos e 3 deputados, liderados por Bautista Álvarez, que non chegaron a tomar posesión pola súa negativa a xurar lealdade á Constitución. Pola súa banda Esquerda Galega obtivo o 3,4% dos votos e un escano, ocupado por Camilo Nogueira.
"A prazo medio, só en Vascongadas e Cataluña", di o informe, podería haber "algún tipo de intervención das Forzas Armadas"
O informe tamén cita como formacións menores o Partido Galego do Proletariado, partido que presenta como "partidario da loita armada" e que "ten relacións con ETA". E, de pasada, a Irmandade Galega, con "escasa militancia".
O informe considera que "a prazo medio, só en Vascongadas e Cataluña puideran orixinarse feitos ou actitudes separatistas susceptibles de provocar unha decisión do Goberno en relación a algún tipo de intervención das Forzas Armadas".
O documento comeza sinalando que as principais ameazas para o Estado eran internas, "o cal non impide que determinados grupos conten con apoios exteriores nin que as súas actividades favorezan de modo máis ou menos indirecto os intereses de outras potencias, en particular os do bloque soviético". E remata advertindo da posibilidade de interrelación entre esas ameazas e sinalando a "mutua influencia entre posibilidades involutivas e posibilidades revolucionarias, véndose cada unha delas estimulada polo crecemento da outra".