Santiago, 19 de decembro de 1981 | REDACCIÓN Praza Pública
A vella cidade de Santiago viu nacer este 19 de decembro de 1981 algo ben novo. Entre os muros do salón de festas do Pazo de Xelmírez, cedido polo Arcebispado á Xunta de Galicia para a ocasión, constituíuse o primeiro Parlamento de Galicia, o elixido nas eleccións celebradas o pasado 20 de outubro. A fría mañá compostelá fixo que moitos dos persoeiros convidados a tan magna ocasión elixisen non desprenderse do abrigo mentres os señores deputados conformaban a Cámara que proximamente elixirá o primeiro Goberno autónomo de Galicia.
Son 71 persoas, 68 homes e 3 mulleres, as que conforman este Parlamento. Nel están representados seis formacións políticas diferentes, coa ampla predominancia do centro-dereita, segundo o decidido nas urnas. O máis numeroso é Alianza Popular, con 26 deputados, que propugna que o primeiro presidente da Xunta de Galicia -votación que se celebrará nos primeiros días de 1982- sexa o doutor Gerardo Fernández Albor, cabeza de lista pola provincia da Coruña.
O seguinte grupo máis numeroso é o da UCD, con só dous escanos menos que AP. Xa a máis distancia está o Partido dos Socialistas de Galicia - PSOE, con 16 representantes. No futuro Grupo Mixto haberá outras tres cores políticas: as da coalición Bloque-PSG (3), o Partido Comunista de Galicia (1) e Esquerda Galega (1)
O compostelán Pazo de Xelmírez acolleu a constitución do Parlamento nunha sesión aberta polo presidente da Xunta preautonómica, José Quiroga, quen agarda que a nova institución logre que "ninguén teña que emigrar por non atopar aquí xeito de vivir"
Todos os integrantes do primeiro Parlamento de Galicia acudiron á sesión constitutiva, na que o primeiro discurso foi o pronunciado por José Quiroga, presidente da Xunta preautonómica dende 1979 e deputado da UCD por Ourense. O doutor Quiroga amosouse fondamente emocionado, toda vez que o acto vivido en Xelmírez é dos que "xustifican unha vida", un momento "senlleiro e solemne" que, dende o goberno provisional que lle "cadrou presidir", expresou, acolleu coa "ledicia máis reloucante", pero tamén "coa preocupación máis inquedante". Translocen se acaso nas palabras do señor Quiroga o acontecido hai poucos meses no Congreso dos Deputados.
Quen cederá a presidencia en poucas semanas afirma que o Parlamento e a Xunta que elixirá vai ter posibilidades "extraordinarias" para "viabilizar a redención da nosa terra, dabondo deprimida dende hai séculos". Terá por diante, advertiu, moitos "desafíos", a saber: "conservar o patrimonio herdado dos nosos devanceiros", termar dunha "sociedade libre e asisada" que se manteña afastada de "vellos e caducos comportamentos". Pero, sobre todo, lograr "que ninguén teña que emigrar por non atopar aquí xeito de vivir"
Tras o recibimento do señor Quiroga comezou a constitución do Parlamento en sentido estrito coa constitución da Mesa de Idade. Este é o órgano provisorio composto polo deputado de máis idade, Manuel Iglesias Corral, da UCD, e os dous máis mozos, Tomás Pérez Vidal e Mariano Rajoy Brey, ambos de Alianza Popular.
Iglesias Corral, emocionado na Mesa de Idade, evocou os vellos galeguistas cos que compartiu a elaboración do primeiro Estatuto. Tras o seu discurso, o histórico pleno elixiu a Antonio Rosón como primeiro presidente do Parlamento
Foi o señor Iglesias Corral o encargado da segunda alocución da mañá e no seu discurso fixo valer a súa dilatada experiencia. Quen fora alcalde da Coruña e deputado pola ORGA na II República asegurou que a palabra "emoción" non lle resultou "abonda" para "expresar o sentimento que me produce este acontecemento". Non esqueceu aos "precursores da autonomía", moi especialmente a "aqueles cos que tiven unha proximidade nesta inquietude" tales como Peña Novo, Villar Ponte ou Porteiro Garea, citou no día en que se facían exactamente 49 anos da xornada en que culminou, en 1932, a Asemblea de Concellos que redactou o Estatuto de Autonomía que acabaría sendo plebiscitado en 1936, o mesmo que permitiu a Galicia acceder agora á autonomía en calidade de "nacionalidade histórica".
"Paréceme que son eu o que queda daqueles relatores" evidenciou Iglesias Corral antes de pedir aos señores deputados que este inicio da autonomía galega tivese tamén an memoria a un "mártir desta causa, Alexandre Bóveda, un daqueles compañeiros". "Que Deus nos axude", pregou o veterano deputado antes da que xa queda na historia como primeira votación do noso Parlamento, a que serviu para elixir a súa Mesa -o órgano reitor da Cámara-, que pasa a presidir quen fora tamén presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, cabeza de lista da UCD por Lugo. O vicepresidente primeiro é Pablo Moure (AP) e o segundo, Francisco González Amadiós (PSdeG). A primeira secretaría exércea Pablo González Mariñas (UDC) e a segunda, Mariano Rajoy (AP).
Ao Parlamento correspóndelle agora elixir presidente da Xunta, cargo para o que se perfila o doutor Fernández Albor, de Alianza Popular
Cando xa faltaba pouco para as dúas da tarde, o señor Rosón pronunciou a súa primeira intervención como presidente dun Parlamento que, dixo, ha ser o "órgano vivo que lle dea a Galicia a súa unidade interna, superando as fracturas impostas hai século e medio por unha división artificial en centralista", dixo sobre as provincias antes de advertir un propósito para a institución parlamentaria galega que ben podería servir como resumo da histórica xornada: "Devolvernos a confianza en nós mesmos" e con ela, avanzar cara á "realización democrática de dereitos".
"Non lle poñades chatas á obra namentres non se remate. O que pense que vai mal, que traballe nela; hai sitio para todos", pediu Rosón citando a Castelao para pechar esta primeira sesión, xa inscrita para sempre na historia dunha autonomía que agora ten por diante o reto de gañar a confianza do pobo galego, que respondeu sen entusiasmo ás eleccións que o conformaron. Os grupos políticos comezan agora os trámites para elixir o primeiro presidente da Xunta avalado polas urnas.