No último ano e medio vimos celebrando unha longa serie de efemérides ao redor do 40 aniversario do proceso de construción das estruturas de autogoberno en Galicia. A finais do ano 2019 celebrábanse as catro décadas da mobilización contra a aldraxe e os intentos de limitar o alcance do actual Estatuto de Autonomía, tamén o aniversario do Estatuto dos 16 que non chegou a ser. E, por suposto, os 40 anos do referendo autonómico que aprobou sen entusiasmo o actual sistema de poder galego, un Estatuto que foi promulgado en abril do ano 1981.
Moitas cousas cambiaron dende entón. A Galicia do ano 1981 era un país que estaba a experimentar unha transformación profundísima, dende unha sociedade rural e baseada nun sector primario de subsistencia, a unha sociedade industrial ou postindustrial, na que o rural e o urbano se mesturan, unha transformación que noutros territorios europeos se dera ao longo de cen anos ou máis, en Galicia tivera lugar en tres décadas ou menos.
Unha nova Galicia nacía e nela o autogoberno aparecía como unha esperanza de desenvolvemento. Así naceu a mobilización contra a aldraxe, sentida como un novo menosprezo a unha terra á que non se lle permitía obter os mesmos niveis de autogoberno de Catalunya e Euskadi. A aldraxe, con todo, traduciuse sobre todo (agás momentos puntuais de activación social) en desafección. E aí xurdiron as elevadísimas porcentaxes de abstención tanto no referendo de aprobación do Estatuto de Autonomía de decembro de 1980 (próximas ao 71%) coma as que rexistrarían as primeiras eleccións ao Parlamento galego, que tiveron lugar o 20 de outubro de 1981, cunha participación do 46%, só dous puntos inferior á dos comicios celebrados o pasado ano.
A pesar da súa crise e de non ter aínda un candidato, pouca xente dubidaba nese mes de xullo que os ucedeos obterían a vitoria nas primeiras eleccións ao Parlamento galego
Así era a Galicia que celebraba o 25 de xullo nese 1981, hai 40 anos, a cabalo entre o referendo autonómico, xa cun Estatuto aprobado e coa vista posta nas eleccións de outubro, nun ano no que a vida política española quedara marcada polo Golpe de Estado do 23F e o proceso de descomposición da UCD aínda no goberno. A pesar da súa crise e de non ter aínda un candidato, pouca xente dubidaba nese mes de xullo que os ucedeos obterían a vitoria nas primeiras eleccións ao Parlamento galego. Dous anos antes, nas segunda eleccións xerais, UCD obtivo 17 dos 27 escanos en xogo en Galicia, cun 48% que case triplicaba á segunda forza, o PSdeG-PSOE (17%).
Un 25 de xullo marcado pola presenza policial
Xa o ano anterior, por primeira vez dende 1976, se prohibira o acceso da manifestación á zona vella compostelá, completamente tomada polos antidisturbios, con duras cargas policiais que tiveron como consecuencia varias persoas feridas
Aquel 25 de xullo foi moi movido en Compostela. Lonxe quedara o intento do Goberno galego preautonómico presidido por Antonio Rosón impulsar unha celebración cívica que exaltase o autogoberno galego e Día Nacional de Galicia, unha denominación aprobada en 1979 e aínda vixente. En 1981, o 25 de xullo dividíase entre os actos oficiais, que tiñan o seu cerne na ofrenda relixiosa celebrada na Catedral e a manifestación nacional-popular convocada polo BNPG e o PSG.
O ambiente levaba tempo sendo moi tenso, e só empeorou despois do intento de Golpe de Estado. Xa o ano anterior, por primeira vez dende 1976, se prohibira o acceso da manifestación á zona vella compostelá, completamente tomada polos antidisturbios, con duras cargas policiais que tiveron como consecuencia varias persoas feridas. O esquema repetiuse no ano 1981, cunha gran presenza policial, saltos e varias detencións, un contexto non impediu que a marcha reunise unhas 15.000 persoas, algo menos que outros anos pero mantendo unha elevada capacidade de convocatoria.
As eleccións nas que o Amazonas cambiou o seu curso
Foi, así pois, un 25 de xullo entre o referendo e as eleccións, nun tempo no que non se sabía moi ben aínda para que servía aquilo da autonomía
Foi, así pois, un 25 de xullo entre o referendo e as eleccións, nun tempo no que non se sabía moi ben aínda para que servía aquilo da autonomía. Os tres meses seguintes foron unha longa precampaña que non foi quen de incrementar a mobilización da sociedade pero que deixou unha enorme sorpresa, definida polo trasvase de votos entre unha UCD en decadencia e unha AP que se fixo coa vitoria. O apoio da UCD coruñesa (liderada por Meilán Gil) e ourensá (Gómez Franqueira) decantou a escolla de José Quiroga ante José María Suárez Núñez. E a pesar de que o propio Quiroga afirmou que era máis probable que cambiase de curso o Amazonas que unha derrota de UCD, o cambio de curso amazónico produciuse, levando a Fernández Albor á presidencia da Xunta.
Esas primeiras eleccións, das que celebraremos este outono o 40 aniversario, estiveron marcadas polo indisimulado apoio ás formacións conservadoras por parte da Igrexa (todos os bispos galegos publicaron unha carta conxunta pedindo o voto para os partidos que defendesen "os elementos fundamentais da fe cristiana", incluído o ensino privado e concertado), dos empresarios (a CEG levou a cabo unha intensa campaña, cun orzamento de 100 millóns de pesetas, na que atacou ás forzas de esquerda e galeguistas e pediu o voto para AP e UCD) e da prensa local, que apoiou sen rubor aos dous grandes partidos da dereita. Tanto foi así que La Región foi secuestrado polas autoridades por incumprir a lei ao pedir o voto para UCD nun editorial publicado o mesmo día das eleccións.
Esas primeiras eleccións estiveron marcadas polo indisimulado apoio ás formacións conservadoras por parte da Igrexa, do empresariado e dos xornais locais
A campaña realizada por Alianza Popular, na que o protagonismo de Manuel Fraga era moi superior ao do propio candidato, foi gañando peso e euforia ao longo dos días, asentándose como a gran forza da dereita en Galicia, nunhas eleccións nas que finalmente AP (26) e UCD (24) sumaron 50 dos 71 escanos en xogo. Tan só o PSdeG no que Francisco Vázquez era o candidato e que integraba a galeguistas independentes (Ramón Piñeiro, Benxamín Casal, Carlos Casares e Alfredo Conde) puido competir coas forzas conservadoras. BNPG-PSG (3), Esquerda Galega (1) e PCG (1) completaron a cámara, da que quedou fóra por pouco o Partido Galeguista. [Podes probar aquí de novo canto sabes sobre a historia das eleccións ao Parlamento galego?]
A autonomía bota a andar
O 19 de decembro de 1981 tivo lugar no salón sinodal do Pazo de Xelmírez a constitución do Parlamento (cuxas sesións trasladáronse despois ao Pazo de Fonseca)
O 19 de decembro de 1981 tivo lugar no salón sinodal do Pazo de Xelmírez a constitución do Parlamento (cuxas sesións trasladáronse despois ao Pazo de Fonseca). A data foi escollida como homenaxe á asemblea de concellos que nesa mesma data, en 1932, votara o proxecto de Estatuto aprobado en 1936, e Antonio Rosón foi elixido presidente do Parlamento cos votos de AP e UCD. A autonomía botaba a andar con competencias moi escasas, unha gran precariedade de medios e o asunto da capitalidade aínda por resolver (fíxoo ao ano seguinte).
Nos anos seguintes construíronse as estruturas de poder autonómico, con máis ambición nalgúns momentos que noutros e a xente foi sabendo pouco a pouco para que servía o autogoberno. A participación do 46,3% nos primeiros comicios converteuse nun 57,4% nos segundos e ada vez foron máis e máis importantes as decisións sobre a xestión dos asuntos galegos que se adoptaban en Galicia. A autonomía creou o autonomismo e non á inversa e hoxe, 40 anos despois, resulta difícil imaxinar unha volta atrás.