O 21 de decembro de 1980 non choveu. Este dato, completamente anecdótico, vén ao caso porque ese día de hai 40 anos celebrouse o referendo para a aprobación do actual Estatuto de Autonomía de Galicia e un dos lemas da campaña publicitaria que buscaba chamar á participación do pobo era "Anque chova, vota", dando por feito que o tempo desapracible esperable para esas datas podía desincentivar o voto nunha convocatoria que non espertaba entusiasmo ningún. Ese día non choveu, pero mesmo así o referendo rexistrou unha abstención récord, próxima ao 71%. O texto aprobouse por unha maioría ampla, pero cunha nula mobilización da cidadanía.
Ese día non choveu, pero mesmo así o referendo rexistrou unha abstención récord, próxima ao 71%
A campaña puxera a venda antes da ferida pero a realidade era que o referendo chegaba nun momento de fastío ante o proceso autonómico en Galicia. Un proceso que chegou a mobilizar a centos de milleiros de persoas nas rúas o 4 de nadal de 1977 en defensa do autogoberno e no que dous anos máis tarde a cidadanía volveu reclamar nas rúas de forma masiva un Estatuto de primeiro nivel, despois do recorte realizado sobre o proxecto inicial da Comisións dos 16.
No outono o Pacto do Hostal rescatou boa parte do Estatuto do 16 grazas á debilidade que comezaba a amosar a UCD
No outono de 1980 o Pacto do Hostal rescatou boa parte do Estatuto do 16 grazas á debilidade que nese momento comezaba xa a amosar unha UCD, que uns meses máis tardes entraría en descomposición. Porén, aínda que o texto final non estaba lonxe do proxecto inicial, este acordo 'por arriba' non serviu para mobilizar á cidadanía, que durante meses asistira a unha liorta sen fin entre os partidos que apoiaban o texto.
O autogoberno galego naceu sen entusiasmo, aínda que nos anos seguintes a propia autonomía creou autonomistas
Así, o autogoberno galego naceu sen entusiasmo, aínda que nos anos seguintes a propia autonomía creou autonomistas e hoxe en día só unha exigua minoría da poboación galega se amosa en contra do autogoberno. Porén, a data de aprobación do estatuto de autonomía na que se asentan as actuais competencias e ferramentas do poder galego pasa desapercibido todos os anos, a diferenza de Andalucía, que escolleu o 28 de febreiro como Día de Andalucía, en lembranza do referendo que en 1980 conseguiu frear o intento de UCD de limitar as súas competencias. En Andalucía, ademais, celébrase o 4 de decembro o denominado "Día Nacional de Andalucía", en homenaxe ás masivas manifestacións que en 1977 (o mesmo día que en Galicia) reclamaron nas rúas o autogoberno para ese territorio. En Galicia, pola contra, a loita que hai 40 anos levou a cabo a prol do autogoberno unha parte da poboación ficou no esquecemento.
Os datos
A participación total (28,27%) foi superior na Coruña e Pontevedra, por riba do 30%, e baixou ao mínimo en Lugo e Ourense, roldando o 20%, especialmente nos concellos rurais
Ese día non choveu e mesmo así a abstención superou o 70%, superando as peores expectativas, que xa barallaban unhas cifras superiores ao 60%. A participación total (28,27%) foi superior na Coruña e Pontevedra, por riba do 30%, e baixou ao mínimo en Lugo e Ourense, roldando o 20%, especialmente nos concellos rurais. Toques, Cualedro ou Abadín encabezaron a abstencións, chegando ao 93% neste último concello. Nas zonas urbanas a participación foi algo superior (superou o 40% na Coruña e chegou ao 37% en Ferrol e ao 36% en Santiago), pero con niveis moi reducidos en todo caso.
O si impúxose amplamente ao non (73,35% fronte a 19,77%), cunha importante proporción de votos en branco (4,62%) e nulos (2,25%). O non acadou as cotas máis elevadas na Coruña (34,55%), onde o conflito da capitalidade estaba a medrar, e Pontevedra (28,33%). Corcubión (gobernado polo nacionalista Rafael Mouzo) foi o único concello no que os votos negativos superaron aos afirmativos.
O si foi defendido por UCD, PSOE, AP, PCG e PG; o non, por BNPG-PSG, POG-EG, MCG, Fuerza Nueva ou LCR; mentres, a Falanxe optou pola abstención. A campaña non conseguiu mobilizar á cidadanía e, de feito, os mitins máis numerosos foron os convocados polo BNPG-PSG pedindo o voto negativo.
A campaña non conseguiu mobilizar á cidadanía e, de feito, os mitins máis numerosos foron os convocados polo BNPG-PSG pedindo o voto negativo
A data escollida para a celebración do plebiscito (ben entrada no inverno) facía presaxiar unha elevada abstención. Posiblemente a propia campaña institucional non axudou, comezando polos slogans máis repetidos: "Pídecho Galicia", "Anque chova vota", "Faino por eles "ou "Faino por min, queridiño" ou pola escolla dos persoeiros que protagonizaron os carteis que chamaban á participación. Como curiosidade, unha das cancións da campaña mesmo foi seleccionada para o prestixioso certame de creación publicitaria dos Clio Awards Festival.
UCD foi incapaz de mobilizar o seu electorado (ou escolleu non facelo), amplamente maioritario nas zonas rurais, onde a coalición centrista exprimía os mecanismos caciquís para o control do voto
Aínda que UCD, AP, PSdeG-PSOE, PCG e PG pedían o si, a realidade é que a campaña se caracterizou polos continuos ataques recíprocos, especialmente entre a esquerda e a gobernante UCD, á que se seguía acusando dos recortes efectuados no estatuto un ano antes. Carlos Barros (PCG) tivo que lembrar nun artigo publicado na prensa que "Non se vota a política de UCD", ante o previsible voto de castigo (ou abstención) que moitos electores de esquerda poderían efectuar. Alianza Popular mantivo ata o 1 de decembro a incógnita sobre se ía pedir o voto afirmativo ou ía deixar liberdade de voto á súa militancia.
UCD, aínda que a través do ministro Sancho Rof chegou a afirmar en plena campaña que “este continúa sendo o Estatuto de UCD e non un Estatuto imposto a UCD por outras forzas políticas”, foi incapaz de mobilizar o seu electorado (ou escolleu non facelo), amplamente maioritario nas zonas rurais, onde a coalición centrista espremía os mecanismos caciquís para o control do voto. O propio presidente Adolfo Suárez non se desprazou a Galicia para facer campaña.
As explicacións do fracaso
Os resultados foron interpretados por cada partido como máis lle conviña. Os votos negativos foron atribuídos tanto a BNPG-PSG como a Fuerza Nueva ou a sectores antiautonomistas de Alianza Popular. Mentres, UCD e a esquerda acusáronse de seren os responsables da falta de mobilización dos seus respectivos electorados.
Ramón Piñeiro culpou do fracaso á UCD: "a actitude monopolizadora da campaña oficial impediu que a unidade que se lograra para reformar o Estatuto se rachara de cara a ela. A culpa é indubidablemente do partido gobernamental”
A falta de mobilización do electorado galego na primeira ocasión en catro décadas en que era consultado sobre a súa vontade de autogobernarse foi recibida con gran pesar por parte do galeguismo. Marino Dónega declarou, magoado: “hai que supoñer que o noso pobo non ten vocación suicida"; Álvaro Cunqueiro sentenciou: “nunca vin un pobo como o galego que dimite do seu destino” e Ramón Piñeiro culpou do fracaso a UCD: "a actitude monopolizadora da campaña oficial impediu que a unidade que se lograra para reformar o Estatuto se rachara de cara a ela. A culpa é indubidablemente do partido gobernamental”.
Uns días antes do referendo, Ramón Piñeiro escribira: "Xa que temos oportunidade de decidir co noso voto o futuro político de Galicia, o noso primeiro deber é exercer ese dereito. Só así poderemos demostrar que ademais de sermos unha nacionalidade histórica somos, tamén, un pobo politicamente adulto; quer dicir, un pobo con vontade política propia"
Manuel Rivas, daquela xefe de prensa do Concello da Coruña, explicaba nese momento que unha das razóns estivera no bloqueo realizado pola UCD (e non só) ao Estatuto dos 16. "Dende entón o estatuto galego tivo o estigma dos derrotados. Foi unha fonte perenne de frustracións. Un Estatuto non se gaña nunha campaña de 15 días ou nun pacto forzado de última hora, senón ao longo dun proceso", dicía Rivas.
Ceferino Díaz: "A autonomía foi un proceso moi conflitivo; pasamos moito tempo dicindo que o estatuto era un desastre, e despois de súpeto pedimos o voto afirmativo"
En opinión de Víctor Freixanes, daquela xornalista, “a xente percibiu todo iso como un compango, un compadreo, e ademais a situación dos partidos era patética: na UCD todos divididos, todos pelexando con todos, o PSOE dicindo unhas cousas aquí e outra alá. E axente dicía: que o coman eles!”, afirma no libro A prensa en Galicia na Transición.
Para o finado Ceferino Díaz, a participación estivo en consonancia co "entusiasmo que o país tiña sobre este tema. Sabíamos que non había apego porque o recordo do ano 36 era moi minoritario e 40 anos de franquismo borraran todo". "A autonomía foi un proceso moi conflitivo; pasamos moito tempo dicindo que o estatuto era un desastre, e despois de súpeto pedimos o voto afirmativo. Nós fixemos unha campaña moi forte e tamén o PCG, pero os demais xa se prepararon para as eleccións", apunta o socialista.
A escasa mobilización a prol do autogoberno serviu tamén de argumento aos sectores que reclamaban unha limitación do proceso de construción do estado autonómico e que apostaban por unha maior centralización, deixando, como moito, a Euskadi e Catalunya como territorios cunha autonomía de primeiro nivel, moi na liña da Lei Orgánica de Harmonización do Proceso Autonómico (LOHAPA), pactada en 1982 entre UCD e PSOE e parcialmente anulada polo Tribunal Constitucional en 1983 que anulou por inconstitucionais un terzo dos seus artigos.
A escasa mobilización a prol do autogoberno serviu tamén de argumento aos sectores que reclamaban unha limitación do proceso de construción do estado autonómico e que apostaban por unha maior centralización
O xornal El País, que foi especialmente activo nesa estratexia, publicou un editorial no que afirmaba: “Obliga o impulsa a preguntarse hasta qué punto tiene raíces auténticas el autonomismo, hasta qué punto responde a una verdadera demanda nacional el llamado Estado de las autonomías. O hasta qué otro punto, por el contrario, es una creación articial, que sólo satisface al doctrinarismo de las minorías y que, conforme se van conociendo sus consecuencias, tiene menos partidarios cada día”.
Neste senso, o Partido Galeguista analizaba eses días que “a UCD e AP interesáballes unha autonomía cativa, para evitar que en Galicia houbese no futuro un respaldo popular forte con obxectivo de conquerir as competencias sinaladas no Estatuto”.
En calquera caso, malia ao fracaso, o referendo puxo en marcha a autonomía galega (10 meses máis tarde celebráronse as primeiras eleccións). Unha autonomía que naceu en precario pero que na década seguinte desenvolveu unha parte importante do Estatuto, con leis tan importantes como a Lei de Normalización Lingüística (1983) ou a Lei de creación da CRTVG (1984) e a asunción das competencias de educación e sanidade. Un Estatuto que leva máis dunha década pendente dunha revisión que o actualice.