No acto interviron Antonio Carlos Pereira Menaut, Marta García Pérez e Xulio López Valcárcel, ademais do propio homenaxeado
Pablo González Mariñas é un dos políticos que marcaron o inicio da historia autonómica de Galicia, especialmente durante a década dos 80 e co seu labor como conselleiro de Presidencia e Administración Pública durante o Goberno tripartito presidido por Fernando González Laxe entre 1987 e 1989.
Este venres, González Mariñas recibiu unha Homenaxe Nacional na Coruña "en recoñecemento polo seu legado e contribución ao autogoberno de Galicia", á que asistiron amizades e representantes políticos e da sociedade civil, entre eles o ex vicepresidente da Xunta e líder do BNG, Anxo Quintana, ex conselleiro do PP Xesús Palmou, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ou o líder do Bloque na Coruña, Francisco Jorquera.
O acto, que tivo lugar no Restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro, foi presentado por Xanina Fernández Otero e nel interviron Antonio Carlos Pereira Menaut, catedrático de Dereito Constitucional as honorem da USC; Marta García Pérez, profesora titular de Dereito Administrativo da UDC e Xulio López Valcárcel, poeta, ensaista e crítico literario, ademais do propio homenaxeado.
A homenaxe recoñeceu "o seu legado e contribución ao autogoberno de Galicia"
Nacido na Coruña en 1944, militou no Partido Galego Indepedente de José Luis Meilán Gil que despois se integrou na Unión de Centro Democrático (UCD). González Mariñas foi elixido deputado nas primeiras eleccións galegas na lista dunha UCD que pouco despois iniciou o seu esfarelamento. Mentres unha parte da extinta UCD se integraba en Alianza Popular, Mariñas foi un dos fundadores de Coalición Galega, que liderou nas eleccións ao Parlamento galego de 1985, onde a formación obtivo 11 deputados e o 13% dos votos, superando o 20% en Ourense e Lugo.
En 1987 formou o Partido Nacionalista Galego (PNG), que se acabou coaligando co Partido Galeguista no PNG-PG
Nesa convulsa segunda lexislatura galega, Coalición Galega amosou dende o inicio a súa división entre os sectores proclives a pactar coa Coalición Popular de Xerardo Fernández Albor e aqueles que apostaban por un pacto con forzas de esquerda e nacionalistas. A CG acabou rachando en dous, marchando ao Grupo Mixto os cinco deputados máis próximos ao nacionalismo e ao progresismo, encabezados por Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña, que pouco despois conformaron o Partido Nacionalista Galego (PNG), que se acabou coaligando co que restaba do Partido Galeguista no PNG-PG.
Trala moción de censura que seguiu ao abandono do Goberno de Xosé Luís Barreiro, PSdeG-PSOE, CG e PNG-PG conformaron un Goberno tripartito presidido por Fernando González Laxe no que o PNG-PG se fixo con dúas consellerías, a de Presidencia para González Mariñas e Pesca para Rodríguez Peña.
Como conselleiro de Presidencia promoveu a lei de coordinación das Deputacións ou a Escola Galega da Administracion Pública
No artigo de opinión que lle dedicou hai uns días, Xoán Antón Pérez-Lema destaca que González Mariñas priorizou na súa xestión "a construción nacional e institucional deste país", promovendo a lei de coordinación das Deputacións "co seu horizonte posto na provincia única para Galicia", unha norma posteriormente "conxelada" por Manuel Fraga a partir de 1990. Ademais, González Mariñas puxo en marcha tamén a Escola Galega da Administracion Pública e "deulle un pulo fulcral" ao deseño normativo da Valedoría do Pobo e do Consello de Contas e promoveu tamén a creación da Policía Autonómica, salienta Pérez-Lema.
No 2005 regresou ao Parlamento da man do BNG, unha lexislatura na que traballou na redacción da reforma do Estatuto de Autonomía, bloqueada polo PP
Nas eleccións de 1989 o PNG-PG obtivo unicamente o 1,37% dos votos e González Mariñas ficou sen escano. Con todo, regresou ao Parlamento 16 anos despois, nas listas dun BNG liderado por Anxo Quintana e que se integrou no Goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño. Nesa lexislatura traballou na redacción da reforma do Estatuto de Autonomía encetado entre 2005 e 2009, pero que ficou bloqueado polo PP. No seu ámbito profesional, ademais, González Mariñas representou un dos principais valores do Dereito Público galego.
Pérez Lema subliña a "modernidade de estilo e mensaxe" do nacionalismo político de González Mariñas, do que destaca "unha grande capacidade de empatía negociadora"
Pérez Lema subliña a "modernidade de estilo e mensaxe" do nacionalismo político de González Mariñas, do que destaca "unha grande capacidade de empatía negociadora" e celebra que "se decatou axiña de que o galeguismo non podía ficar ausente da tarefa de encher de contido o autogoberno e as institucións autonómicas a medio do desenvolvemento do Estatuto". A homenaxe chega, ademais, pouco despois das conmemoracións do 40 aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía e das primeiras eleccións ao Parlamento galego.