Camilo Nogueira recibe este martes 28 de xuño a Medalla Castelao, unha distinción que recoñece o seu papel como "un dos pais do Estatuto de Galicia" e "un dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa como eurodeputado", en palabras da Xunta
Camilo Nogueira recibe este martes 28 de xuño a Medalla Castelao, unha distinción que recoñece o seu papel como "un dos pais do Estatuto de Galicia" e "un dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa como eurodeputado", en palabras do Goberno galego. Nogueira recibirá a insignia nun acto no que intervirá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e no que tamén serán galardoados o chef Javier Olleros, a Coral Polifónica El Eco, o equipo feminino de fútbol sala Pescados Rubén de Burela e o xornalista Javier Sánchez de Dios.
Nogueira naceu o 22 de novembro de 1936 no barrio vigués de Lavadores, un barrio popular e de clase traballadora que nese tempo era chamado a "Rusia pequena" pola ideoloxía esquerdista de boa parte dos seus habitantes. De feito, na Guerra Civil foi o derradeiro reduto de resistencia na cidade fronte aos golpistas. Fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez (dirixente local do Partido Galeguista) e da modista Teresa Román, unha xínea á que sempre honrou, estudou Económicas e Enxeñaría Industrial e en 1964 entrou a traballar na fábrica de Citroën como enxeñeiro.
"No comezo, tanto a carreira profesional que escollín coma o inicio do compromiso político respondían ás necesidades da época: a necesidade de acadar unha boa capacitación profesional e a necesidade de buscar a liberdade"
Puido ter unha exitosa carreira en Citroën e, en xeral, no mundo da empresa, pero dende moi novo as preocupacións sociais e o seu galeguismo guiaron os seus pasos cara ao compromiso político. Presidiu durante tres anos a Asociación Cultural de Vigo e a súa participación na folga xeral de 1972 levou á súa detención, a sufrir torturas a cargo da Policía e ao seu despedimento de Citroën. "No comezo, tanto a carreira profesional que escollín coma o inicio do compromiso político respondían ás necesidades da época: a necesidade de acadar unha boa capacitación profesional e a necesidade de buscar a liberdade", dicía nesta entrevista.
Despois de militar na UPG e na ANPG, Nogueira foi un dos fundadores e principais dirixentes do Partido Obreiro Galego (POG), que a partir de 1980 se converteu en Esquerda Galega (EG), formacións de esquerda nacional que refugaban do maximalismo do BNPG e que apostaban pola construción do autogoberno galego, xogando un papel clave na loita por un Estatuto de Autonomía de primeiro nivel e na mobilización contra a aldraxe que dende Madrid buscaba limitar as competencias da futura Xunta. Nogueira tivo un importante papel na redacción do actual Estatuto de Autonomía a través da Comisión dos 16
Nogueira tivo un importante papel na redacción do actual Estatuto de Autonomía a través da Comisión dos 16 e tamén na loita contra a aldraxe e o intento de reducir o autogoberno galego
Pódese dicir que a súa formación como enxeñeiro marcou a súa forma de ser e a súa maneira de analizar e enfrontar os problemas, buscando cambiar a realidade dende a propia realidade e sen deixarse perder na fantasía. O seu traballo parlamentario -intenso, incansable, rigoroso- seguiu sempre estas marcas e foi especialmente valioso e recoñecido nas dúas primeiras lexislaturas autonómicas, aquelas nas que o actual autogoberno galego se construíu e enriqueceu. Coa mesma decisión coa que entraba a canastra na súa época como xogador de baloncesto no Estudiantes de Vigo.
O seu traballo parlamentario -intenso, incansable, rigoroso- seguiu sempre estas marcas e foi especialmente valioso e recoñecido nas dúas primeiras lexislaturas autonómicas, aquelas nas que o actual autogoberno galego se construíu e enriqueceu
A tarefa nese momento era a construción efectiva da nación a través das institucións e ferramentas existentes. Se Castelao foi chamado acertadamente "construtor da nación", Camilo Nogueira actuou en moitos momentos cono "arquitecto" da mesma. De feito, na homenaxe pública que recibiu no ano 2016 Manuel Rivas definiuno moi acertadamente como "o construtor de escaleiras", saíndo do tópico do galego que sube ou baixa escaleiras e pasando a imaxinar e a crear camiños que levasen a un futuro distinto, á forxa dun país novo.
Dende o Parlamento traballou con denodo para que a cámara galega e as institucións de autogoberno servisen para fortalecer o poder político galego e funcionasen como instrumentos efectivos para a defensa da lingua, do emprego, da economía ou do medio ambiente do país. Neses anos defendeu unha Galicia moderna, unha Galicia con confianza en si mesma e unha Galicia industrial fronte á tentación de apostalo todo ao sector servizos
Manuel Rivas definiuno moi acertadamente como "o construtor de escaleiras", saíndo do tópico do galego que sube ou baixa escaleiras e pasando a imaxinar e a crear camiños novos que levasen a un futuro distinto
Nesa primeira lexislatura autonómica Camilo Nogueira (único deputado de Esquerda Galega) presentou 44 proposicións de lei, fronte ás 29 do PSdeG-PSOE, 16 de CG e 15 do PCG; aprobáronse 43, 24 delas de EG. Ademais, Nogueira presentou 25 mocións, fronte ás 8 ao PSdeG-PSOE, 3 de CG e 3 de PCG. De igual xeito, Nogueira realizou 69 interpelacións ao Goberno, por 86 do PSdeG-PSOE (con 16 deputados), 30 de CG (11 deputados) e 8 do PCG. En total, Camilo Nogueira asumiu 248 iniciativas, por 110 de Ceferino Díaz, 47 de Pablo González Mariñas e 28 de Anxo Guerreiro. "Boa parte desas leis, moitas delas iniciativas do PSG-EG, aínda están vixentes, aínda que están postas en cuestión por esta nova xeración do Partido Popular ignorante da realidade e máis españolista que a xeración dos seus pais", dicía nesta entrevista.
A defensa da lingua marcou sempre a súa traxectoria. De feito, foi o propio Camilo Nogueira o impulsor da actual Lei de Normalización Lingüística. Tan consciente era da necesidade desta norma e de que constituía unha das primeiras obrigas do primeiro Parlamento galego, que Nogueira tardou menos de 24 horas dende a constitución da cámara, o 19 de decembro de 1981 en presentar unha proposición de lei sobre normalización lingüística en Galicia.
Camilo Nogueira foi o impulsor da actual Lei de Normalización Lingüística
Foi deputado durante as tres primeiras lexislaturas. Despois de que en 1993 o novo límite do 5% establecido por Manuel Fraga impedise a Unidade Galega obter escano ningún no Parlamento galego, Camilo Nogueira ingresa no BNG. No Bloque, lonxe de ser un estraño en casa allea, Camilo Nogueira foi quen de impregnar a organización coas súas mellores virtudes: rigor, análise, traballo parlamentario eficaz, profundidade nos obxectivos e xentileza nas formas. Regresou ao Parlamento galego en 1997 e en 1999 converteuse en eurodeputado, ocupando o seu escano ata as elección de 2004, nas que ficou a 167 votos de repetir.
No Parlamento europeo converteuse "nun dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa", como recoñece a Xunta, realizando de forma pioneira as súas intervencións en galego-portugués
No Parlamento europeo converteuse "nun dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa", como recoñece a Xunta, realizando de forma pioneira as súas intervencións en galego-portugués. "Falaba en galego porque galego e portugués son a mesma lingua e como o portugués é oficial, o galego é oficial. Falaba, iso si, coa precaución de falar con seseo, como falaba a miña avoa", lembraba nesta entrevista.
Membro de honra de AGAL, o achegamento entre Galicia e Portugal foi unha das teimas que marcou sempre a actividade de Nogueira e en xeral o impulso da Lusofonía ou, mellor dito, da Galeguía á que tamén pertencen Brasil e Portugal, como adoita lembrar. Camilo Nogueira traballou sempre por unha Galicia aberta ao exterior e permanentemente conectada, cun europeísmo cargado cos mellores valores éticos que defendeu nun campo nacionalista onde esta vocación non sempre foi tan ben entendida nas últimas décadas.
A homenaxe pública que recibiu en 2016 subliñou o valor de Nogueira como "político honesto" e "patrimonio do país"
Non é o primeiro recoñecemento público que recibe Camilo Nogueira: o Pedrón de Ouro en 2010, o Premio Trasalba en 2016, o Premio Europeo da Fundación Coppieters en 2019, ademais dos galardóns recollidos por algúns dos moitos ensaios publicados nos últimos anos, coma o Antón Losada Diéguez. Tamén a homenaxe pública que recibiu en 2016 impulsada por Lourenzo Fernández Prieto, Moncho Yáñez, Manuel Reboiras, Joám Lopes Facal, Suso de Toro, Víctor Vázquez Portomeñe, Tuco Cerviño ou Ricardo Gurriarán, que destacaban que "estamos necesitados de referentes políticos" e subliñaban o valor de Nogueira como "político honesto" e "patrimonio do país".
Este martes recibirá unha nova homenaxe a través da maior distinción do poder político galego. Poucas veces unha Medalla Castelao foi tan merecida coma a que lle será entregada a Camilo Nogueira.