Camilo sempre leva razón

Camilo Nogueira recibe o Premio Coppieters © Fundación Coppieters

Que o título non nos leve a engano. Nunca fun moi fan dos personalismos e non me considero camilista, se é que aínda aplica ese concepto. Penso, ademais, que no ámbito da esquerda nacional galega, o sectarismo e os hiperliderados non teñen contribuído a definir proxectos dirixidos ás maiorías sociais do país. E aínda así, -no esencial- Camilo sempre tivo razón. 

O histórico líder soberanista galego é unha figura única; por controvertida, por libre e por ter unha capacidade ben propia: anticipar cuestións relevantes antes de que entren na axenda política

Camilo Nogueira recibiu o pasado 6 de Novembro o premio Coppieters 2019 que outorga a Fundación Maurits Coppieters, ligada á Alianza Europea, pola súa traxectoria en defensa do dereito á autodeterminación, da democracia, do internacionalismo e da paz. O histórico líder soberanista galego é unha figura única; por controvertida, por libre e por ter unha capacidade ben propia: anticipar cuestións relevantes antes de que entren na axenda política.

A traxectoria política de Nogueira demostra por si mesma a necesidade dunha perspectiva pragmática ante a política. Sen caer na renuncia ideolóxica, Camilo entendeu desde o primeiro momento a importancia de participar das institucións de autogoberno galegas. Naquel momento o máis doado era, probablemente, pensar que a viaxe autonómica pasaba pola creación de parlamentiños de cartón, que, na práctica, serían limitados e tutelados polas institucións do Estado. Iso foron e iso son as asembleas lexislativas autonómicas, como se demostra no caso catalán. Aínda así, Camilo imaxinou a necesidade dunha continuidade histórica, que bebía directamente do Estatuto do 36 e dos galeguistas da República. Grazas a el –e aos seus-, a perspectiva nacional estivo presente na ponencia do Estatuto do 81. O seu criterio sempre foi o de fortalecer as institucións galegas, aínda sendo consciente da correlación de forzas existente.

Antes de que formase parte do programa estratéxico do nacionalismo maioritario, entendeu a necesidade de ocupar o poder –ou cando menos de apartar á dereita de AP/PP do mesmo

Ademais, antes de que formase parte do programa estratéxico do nacionalismo maioritario, entendeu a necesidade de ocupar o poder –ou cando menos de apartar á dereita de AP/PP do mesmo-. Por iso, apoiou a moción de censura que levou a González Laxe á presidencia da Xunta de Galicia en 1987. Coas súas eivas, os deputados do PSG-EG votaron a favor da moción de censura, malia non participar daquel novo goberno tripartito con PSOE, CG e PNG.

Esta vontade de construción en positivo levouno a escenificar a unidade nacionalista –despois de ensaiar unha coalición infrutuosa con Esquerda Unida-. Unidade Galega integrouse no BNG no ano 1994, iniciando un ciclo exitoso para o nacionalismo galego, que chegou a obter un 25% dos votos en 1997. A unidade do nacionalismo foi, desde esa data, unha teima máis no imaxinario de Camilo.

Nogueira tamén demostrou un interese moi grande pola política internacional, cunha elevada vontade de entender o que acontecía no mundo desde unha ollada galega. Moitas veces, en entrevistas e conversas, ten introducido cuestións de natureza internacional para comparalas con fenómenos de ámbito nacional, e viceversa. Ese interese conecta con dúas cuestións de relevancia que teñen marcado a súa acción política desde que foi escollido eurodeputado en 1999.

A defensa dos sectores produtivos galegos non lle impediu a Nogueira ver a potencialidade dun proxecto coma o europeo.

A primeira desas cuestións é a Unión Europea. O nacionalismo galego rexeitou maioritariamente as consecuencias económicas da entrada nas institucións europeas-que se demostraron especialmente negativas para o sector primario-. A defensa dos sectores produtivos galegos non lle impediu a Nogueira ver a potencialidade dun proxecto coma o europeo. Co seu optimismo pragmático tan característico, sempre entendeu a estrutura da Unión Europea como un primeiro paso cara a unha Europa dos pobos. Nunha recente entrevista a Praza Pública afirmaba que a construción europea era revolucionaria e que o BNG estaba anticuado nesa cuestión. O posibilismo de cambiar tamén Europa a través dos ollos dun pragmático optimista.

O segundo gran tema que marca o legado político de Camilo é o da lingua, e en concreto a relación entre a lingua galega e a lingua portuguesa. Se o portugués é oficial, o galego é oficial. Un argumento tan sinxelo e tan contundente foi o que guiou a súa presenza na Eurocámara, usando a lingua portuguesa como vehículo universal da galeguidade.

O segundo gran tema que marca o legado político de Camilo é o da lingua, e en concreto a relación entre a lingua galega e a lingua portuguesa

O pragmatismo e a xenerosidade definiron o seu xeito de facer política, pero tamén un compromiso de ferro cos seus principios e valores. Coa heterodoxia por bandeira, é referente de moitos pola súa capacidade de interpretar a realidade e debuxar alternativas posíbeis.

O soberanismo galego do futuro debe estar preparado para ser xeneroso para poder acumular simpatías, curar feridas, obter novas forzas e xerar ilusión. Os seus obxectivos deben ser os de Camilo: fortalecer o autogoberno do país e ter un proxecto en clave nacional.

E oístes? Eu non son Camilista, considérome alguén heterodoxo. Coma el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.