"Xa non é necesario estar nunha capital para ter relacións económicas mundiais. Non hai que estar en Madrid, por exemplo"

Camilo Nogueira © AELG

Camilo Nogueira recolle este mércores en Bruxelas o premio Coppieters, que entrega a fundación do mesmo nome, un galardón que cada ano recoñece a aquelas persoas ou organizacións que destacaron pola súa defensa da diversidade cultural e lingüística, do diálogo intercultural, da autodeterminación, dos dereitos das minorías, da paz, da democracia e dunha Europa unida. O recoñecemento é compartido co vasco Patxi Zabaleta, coordinador xeral de Aralar entre 2001 e 2014. En anos anteriores o premio foi para Alex Salmond (2016), Carme Forcadell (2017) ou Edmond Simeoni (2018).

Camilo Nogueira recolle este mércores en Bruxelas o premio Coppieters

Nogueira foi Eurodeputado entre 1999 e 2004, representando o BNG, un escano que no 2004 quedou ás portas de conservar. A súa intensa actividade na cámara foi moi recoñecida, o mesmo que o feito de falar en galego no plenario por vez primeira. Hai tres anos recibiu unha sentida homenaxe no Auditorio de Galicia, en Compostela.

A Fundación Coppieters destaca a súa condición de "líder histórico" do movemento nacionalista galego, cunha traxectoria marcada por unha "forte defensa dos dereitos políticos do pobo galego e da súa proxección internacional". Subliña, así mesmo, o seu decisivo traballo nas primeiras lexislaturas do Parlamento galego (onde foi deputado entre 1981 e 1993 e posteriormente entre 1997 e 1999), onde xogou un "papel determinante no establecemento das primeiras leis de autogoberno". No Parlamento europeo erixiuse como un firme "defensor da diversidade lingüística na UE" e dun "forte vínculo entre Galicia e Portugal", engade a Fundación.

Europa

"Falaba en galego porque galego e portugués son a mesma lingua e como o portugués é oficial, o galego é oficial. Falaba, iso si, coa precaución de falar con seseo, como falaba a miña avoa"

Camilo repasa a súa traxectoria na cámara europea, onde destaca que "traballei cinco anos tratando todo tipo de cuestións, moitas de carácter internacional, levando a voz de Galicia ao mundo". "Percorremos medio planeta, estivemos nos foros sociais mundiais, en Chile, en Palestina, no Kurdistán, en Iraq, en África...", lembra, subliñando tamén "a relación constante con Escocia, con Flandres ou con Cataluña".

"Eu traballei moito a prol do uso da lingua no Parlamento europeo, falándoo mesmo no plenario, diante de 700 persoas", salienta. "Falaba en galego porque galego e portugués son a mesma lingua e como o portugués é oficial, consecuentemente o galego é oficial. Falaba, iso si, coa precaución de falar con seseo, como falaba a miña avoa ou os meus pais", lembra.

Nogueira segue a ser un convencido das potencialidades de Galicia como país ("a economía galega ten unha gran forza, somos un país exportador, moi diferente por exemplo de Madrid, que só exporta o 10% do que produce"). E tamén continúa a ser un férreo defensor do proceso de construción política europea, unha posición que nalgúns momentos foi minoritaria no nacionalismo galego, a pesar da tradición europeísta da Xeración Nós.

"Hai moito por facer aínda, moito que mellorar, e Europa debería actuar máis como un todo para encarar unha serie de retos, por exemplo, o de África"

"Afirmábase que o futuro non estaba na Unión Europea. Esa visión era unha simpleza sen razoar, creo que o BNG estaba anticuado nesa cuestión e pouco a pouco foi aceptando estas ideas. Hai elementos moi criticables no proceso de construción europea, debidos á acción do capitalismo. Pero iso non significa que se poida renunciar á pertenza á Unión Europea", explica.

"A construción europea é revolucionaria. Despois de tantas guerra, nos séculos XIX e XX, que os pobos europeos se propuxeran facer unha entidade propia, convertida na primeira economía mundial, sendo un cidadán europeo, na que poidas ir dende Galicia a Finlandia sen que ninguén cho impida...", di. Sinala, iso si, que "hai moito por facer aínda, moito que mellorar, e Europa debería actuar máis como un todo para encarar unha serie de retos, por exemplo, o de África". 

Cartel da homenaxe a Nogueira e Zabaleta © Fundación Coppieters

"Se se consuma o Brexit, o Reino Unido posiblemente quede reducido a Inglaterra, porque Escocia, Irlanda do Norte e Gales acabarán marchando. E vai ser difícil que llo poidan negar"

Destaca que "para Europa, África debería ser unha prioridade. Nestes momentos África ten a mesma poboación que China, e dentro duns anos terá moitos máis. As novas tecnoloxías permitirán que haxa progreso en lugares do mundo onde agora non chega. Xa non é necesario estar nunha capital para ter relacións económicas mundiais. Non hai que estar en Madrid, por exemplo". "Espero que cando pasen estes momentos críticos de cambio, a UE dea un salto adiante formidable. E iso será bo para Europa e para o mundo enteiro", conclúe.

Está a ser o Reino Unido un freo para avanzar no proceso de construción europea? Despois do Brexit poderemos ver ese proceso? "Iso sempre foi así. De feito De Gaulle non quería que o Reino Unido entrase na CEE por estas cuestións. O Reino Unido ten problemas moi graves e, de feito, se se consuma o Brexit posiblemente quede reducido a Inglaterra, porque Escocia, Irlanda do Norte e Gales acabarán marchando. E vai ser difícil que llo poidan negar", indica.

Iso si. Nogueira subliña que "no fondo do Brexit hai unha visión trabucada, que parte da idea de que o Reino Unido é aínda un país presente no mundo enteiro. Así era historicamente, pero hoxe o Reino Unido sen Europa non é nada. Ademais, eu non concibo un Londres fóra da UE, porque máis europeo que Londres non hai nada".

Autodeterminación

En 1990 o Parlamento galego debateu unha moción presentada por Camilo Nogueira que defendía o dereito de Galicia á súa autodeterminación

Nas últimas semanas foi moi comentada a posibilidade de que no Parlamento catalán se presente unha moción en defensa do dereito á autodeterminación e o Tribunal Constitucional ameazou con impoñer "responsabilidades penais" aos membros da Mesa da cámara no caso de aceptar que a moción sexa debatida. Porén, non sempre se lembra que este debate tivo lugar en 1990 no Parlamento galego con normalidade e que foi realizado grazas a unha moción presentada por Camilo Nogueira, daquela deputado do PSG-EG.

O 13 de marzo de 1990, seguindo o ronsel do debate aberto polo proceso de independencia das repúblicas bálticas, Nogueira presentou unha moción que dicía que “Galicia, configurada historicamente coas características plenas dunha nacionalidade, ten dereito á súa autodeterminación”. A moción recibiu apenas os votos favorables de PSG-EG e de CG, mentres que o BNG se abstivo afirmando que se opuña a "posturas 'miméticas' respecto á autodeterminación" e por considerar que o Parlamento galego non representaba a soberanía do pobo galego.

"Daquela entrou na orde do día e aínda que non se aprobou, debateuse. Iso sucedeu no Estado español e non pasou nada. Ninguén a prohibiu e ninguén se escandalizou", lembra Camilo.

Cataluña

"Hai moitas fórmulas para que Cataluña sexa recoñecida como nación, e só dende unha posición rancia se pode negar isto"

Sobre o conflito político que se vive en Cataluña, Camilo Nogueira cre que "hai moitas fórmulas para que Cataluña sexa recoñecida como nación, e só dende unha posición rancia se pode negar isto". "O propio Estado Español pode recoñecer, sen necesidade de cambiar a Constitución, que hai tres nacións no seu interior ademais da española, porque iso xa está no texto que se aprobou en 1978", lembra. Nogueira sinala que no actual proceso "ERC está tomando un camiño máis de futuro e van triunfar finalmente". 

E confía en que Cataluña acabe exercendo como país no marco da Unión Europea. "As fronteiras non existen xa, polo tanto Cataluña pode integrarse na UE recoñecida como nación sen que iso xere un problema. Ser recoñecido pola UE ou polo Estado Español como unha nación non significa que te separes de ninguén, porque xa estás aí", di. "Mesmo se pode comezar con fórmulas deste tipo e despois avanzar cara a fórmulas de estado-nación máis clásicas", indica. Conclúe, iso si, que "na UE non van aceptar isto directamente. Vai ser o resultado dun proceso longo e dun razoamento que que ten que acabar impoñendo".

Portugal

"Estou desexando que se complete o AVE a Lisboa, porque esa irmandade que temos cos portugueses tamén se pode manifestar economicamente"

Un dos elementos nos que Nogueira incide con frecuencia son as posibilidades que a construción europea ofrece para a relación entre Galicia e Portugal, sobre todo coa súa rexión norte. "Galicia e o norte de Portugal van ser a mesma cousa de facto. Hai xa moita xente que vive en Galicia e vai traballar ao norte de Portugal", sinala e engade que "estou desexando que se complete o AVE a Lisboa, porque esa irmandade que temos cos portugueses tamén se pode manifestar economicamente".

"E despois está a potencialidade da lingua galega a través de Portugal, do Brasil e de África", di. "Fíxate que a lingua que máis se fala no hemisferio sur é o galego, e é algo que se esquece moitas veces. Esquéceo dende logo o Estado Español, que en vez que aproveitar que no seu territorio se falan as dúas linguas de Iberoamérica, despreza esta realidade", engade.

Os portavoces dos catro grupos parlamentarios na homenaxe a Camilo Nogueira Dominio Público @Adolfomuinhos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.