Varios parlamentos de Galicia e reais academias podían constituírse cos máis de mil asistentes que na tarde deste venres se reuniron no Auditorio de Galicia, en Santiago, para homenaxear a Camilo Nogueira. Para darlle unha aperta a quen, en palabras do escritor Manuel Rivas, saíuse do tópico do galego que sube ou baixa escaleiras para converterse el mesmo en “construtor de escaleiras” para o seu pobo.
Camilo Nogueira recibe en Santiago unha homenaxe con máis de mil asistentes e o recoñecemento expreso dos principais partidos políticos
Deputado no Parlamento de Galicia de 1981 a 1993 e novamente de 1997 a 1999, e no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, Nogueira traballou na forxa dunha nova esquerda para un vello país, do POG a EG e PSG-EG, e de UG ao BNG. Este venres, os seus esforzos foron recoñecidos publicamente nun acto conducido pola xornalista Fernanda Tabarés e os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro, e no que interviron Pencha Santasmarinas, Ana Gandón ou Ana Miranda. Entre o milleiro de asistentes, xunto á súa familia e amigos, a presenza de deputados de todas as épocas e partidos representados no Parlamento Galicia foi oficializada coa intervención dos actuais portavoces das catro forzas políticas con representación no Hórreo: Pedro Puy polo PP, Luís Villares por En Marea, Xoaquín Fernández Leiceaga polo PSdeG e Ana Pontón polo BNG. Era maioritaria a presenza de persoeiros do mundo do nacionalismo, a esquerda e a cultura, pero tamén o PP sacouse o sombreiro coa participación non só de Puy senón tamén doutros destacados políticos populares como o ex-conselleiro Xesús Palmou.
Pola pantalla do auditorio foron pasando o mozo do barrio vigués do Calvario, o enxeñeiro despedido por manifestarse cos obreiros, o 'armador' do Xurelo na súa loita contra os vertidos nucleares ou o eurodeputado que falaba galego en Bruxelas. Unha pantalla que se iluminou co título do acto e unha data trabucada, 11-11-2106, que deu para bromas sobre o que podían agardar os presentes da famosa locuacidade de Nogueira pero que ben podía ser un desexo de cen anos máis de Camilo para Galicia.