0 Gardados para despois

"Galicia será recoñecida como nación, pero para iso temos que estar preparados"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Camilo Nogueira foi sempre un político admirado e respectado, mesmo polos seus contrincantes ideolóxicos. Ademiración e respecto á súa capacidade de traballo e de análise, ao seu rigor intelectual e á súa capacidade para imaxinar horizontes posibles para Galicia e dende Galicia. Era respectado tamén pola súa exquisita educación e cortesía na batalla política, combinada cunha teimosía na defensa das súas ideas. Enxeñeiro, activista social e cultural, político, ensaísta..., dende os anos sesenta traballou na construción dunha Galicia viva, orgullosa de si e moderna, desenvolvendo unha intensa actividade institucional e lexislativa no Parlamento galego -de 1981 a 1993 e de 1997 a 1999- e na Eurocámara dende 1999 ata 2004. Fino analista da realidade política e social galega, en ocasións incomprendido (coma quen sofre unha caste de síndrome de Casandra), traballou na forxa dunha nova esquerda para un vello país, do POG a EG e PSG-EG, e de UG ao BNG, empeñado sempre na defensa dos dereitos nacionais de Galicia.

Este venres recibirá unha merecida homenaxe, que un grupo de amigos e amigas levan semanas preparando. Será a partir das 19 horas no Auditorio de Galicia, en Compostela, nun acto conducido por Fernanda Tabarés, Manuel Rivas e Suso de Toro, no que intervirán Pencha Santasmarinas, Ana Gandón e Ana Miranda e ao que asistirán os voceiros e voceira das catro forzas políticas con representación parlamentaria. Na convocatoria da homenaxe, á que asistirán ao redor de 700 persoas, destacouse que "en Camilo vemos un home político construtor do presente de autogoberno e benestar. Unha figura da nación que encarna pensamento crítico, tolerancia, diálogo, apertura sempre ao tempo que nos toca vivir e tamén unha firmeza nas convicións". Falamos con el.

Como recibiches a nova da homenaxe? Como te sentiches?

Ben, cun grande agradecemento. E cunha certa sorpresa, porque o grupo de amigos e amigas que tomaron esta decisión tomárona e non me deron dereito a réplica por así dicilo. E sorpresa tamén por algúns artigos que estou lendo estes días, moi agradecido.

"No comezo, tanto a carreira profesional que escollín coma o inicio do compromiso político respondían ás necesidades da época: a necesidade de acadar unha boa capacitación profesional e a necesidade de buscar a liberdade"

No grupo promotor da homenaxe hai persoas coas que compartiches militancia dende os anos setenta e oitenta, aínda que máis adiante nalgúns casos cada persoa seguiu o seu camiño. Un grupo de bos amigos e amigas, en todo caso, non si?

Nunca deixamos de ser amigos. Esquerda Galega estaba formado por un grupo de homes e mulleres moi especial, con moi boa relación persoal entre todos. De feito, en EG, era impensable que alguén puidese ser sancionado. Aínda que despois uns e outros estivemos en forzas políticas diferentes, a amizade conservouse.

Quen che ía dicir nos anos sesenta que acabarías recibindo esta homenaxe! Como foi o inicio do teu compromiso político, naquel Vigo?

Non estaba planificado isto. No comezo, tanto a carreira profesional que escollín coma o inicio do compromiso político respondían ás necesidades da época: a necesidade de acadar unha boa capacitación profesional e a necesidade de buscar a liberdade. E despois as cousas foron rodando. No meu caso non tiña obstáculos familiares, pero neses anos había que superar o silencio que rodeaba eses temas e o recordo da guerra. E así, pouco a pouco, funme comprometendo.

"Eu non vivo de frustracións. A pesar de que ás veces houbo momentos difíciles, a min non me desanimaron"

Como entras a traballar en Citröen?

Esa é unha historia curiosa. Volvín a Vigo no ano 64, despois de rematar Enxeñaría Industrial en Bilbao e Madrid. Enviara unha solicitude de emprego a Citröen e como non me contestaran, fun ata a fábrica, petei na porta e pedín falar co director, que daquela era un francés. Insistín moito, e despois de media hora deixáronme pasar para reunirme con el. Eu falaba francés daquela, porque estudara na Alianza Francesa, en Policarpo Sanz, e despois de conversar un anaco con el, fixo unhas chamadas e díxome que estaba contratado e que comezaba a traballar a semana seguinte.

O traballo que realizastes algunhas persoas durante a Transición para que Galicia fose recoñecida como nacionalidade e para acadar un Estatuto de Autonomía á altura do vasco e do catalán foi impresionante...

Loitamos por acadar o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galicia e un Estatuto de Autonomía de primeiro nivel. Hai que lembrar que a referencia que esta Constitución fai á aprobación dos estatutos de autonomía galego, catalán e vasco na Segunda República e que constitúe a xustificación legal do seu carácter de nacionalidades é a única mención á legalidade republicana que se fai na Constitución do 78.

Tes a sensación de que aínda non foi recoñecido completamente o teu labor, por exemplo o teu papel na aprobación da Lei de Normalización e no desenvolvemento lexislativo do poder autonómico galego?

Eu non vivo de frustracións. A pesar de que ás veces houbo momentos difíciles, a min non me desanimaron. Ti pensa que seis anos despois de quedar sen posto no Parlamento galego, obtiven o escano no Parlamento europeo e alí estiven cinco anos dándolle caña a moitas cuestións mesmo de carácter mundial, e falando en galego, algo que na cámara de Madrid non se podía facer. E cunha experiencia internacional moi grande e moi interesante, porque percorremos medio mundo, nos foros sociais mundiais, en Bagdad dúas semanas antes da invasión norteamericana...

"Dicir dende Madrid que Galicia é excéntrica é un despropósito, porque se algo é excéntrico é Madrid, nós estamos abertos ao Atlántico"

Como ves o actual momento político de Galicia e de Galicia dentro do Estado Español? Cara a onde camiñamos?

Pouco a pouco vanse comprendendo as cousas. E creo que nalgún momento se vai aceptar a condición de Galicia como nación, como nación do mundo. Neste senso hai moito traballo por diante, comezando polo propio recoñecemento en Galicia da propia realidade nacional galega. Hai moitas posicións políticas que non se desprenden do españolismo. Dicir dende Madrid que Galicia é excéntrica é un despropósito, porque se algo é excéntrico é Madrid, nós estamos abertos ao Atlántico. Creo, en todo caso, que o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español é algo inevitable, non sei cando ocorrerá, pero acabará sucedendo. España será plurinacional ou non será. Cando Galicia eleve a súa conciencia nacional verá recoñecido o seu carácter de nación. Galicia será recoñecida como nación, pero para iso temos que estar preparados. Recoñecerase que a fronteira do galego está en Porto Alegre ou nalgunha parte de África e que o galego é unha lingua tan universal coma o castelán. E recoñecerase que no pasado nos amolaron moito economicamente, pero que agora temos unha economía moi avanzada.

"España será plurinacional ou non será. Cando Galicia eleve a súa conciencia nacional verá recoñecido o seu carácter de nación"

Neste senso, ti traballaches por esa apertura de Galicia cara á Lusofonía. Como valoras o seu futuro?

Ti vas a Brasil e os brasileiros dinche que falan contigo moito máis comodamente que cos lisboetas, todo o mundo recoñece que hai mesmo máis semellanzas que co portugués que se fala en Portugal. Ou estes días, que chegan tantos peregrinos brasileiros a Compostela, cando falas con eles quedan marabillados de que falemos exactamente igual. Non recoñecer iso é produto do españolismo, nada máis. Estas cousas, que parecen anecdóticas, son vitais, mesmo para a autoestima dos galegos. Hai moitas dificultades, pero pouco a pouco a xente vai recoñecendo isto e vaise aceptando esta idea.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.