Lugo sobe o IBI ata o 150% a pisos baleiros de grandes propietarios e báixao aos de veciñanza que os alugue

CC-BY-NC-SA Praza.gal

O alcalde lucense presenta o Plan Municipal de Vivenda, con accións como descontar o 95% do tributo de bens inmobles ás persoas propietarias que inclúan os seus pisos baleiros na Bolsa Municipal de Alugueiro Accesible, que o Concello ofertará "por baixo do prezo do mercado"

Un Plan Municipal de Vivenda con tres patas. En plena crise residencial, cos prezos dos alugueiros disparados e cun récord de persoas a agardar por algún dos novos pisos protexidos que o Goberno galego dá en impulsar -máis de 1.600 na capital lucense- tras quince anos de parálise, o Concello de Lugo lanza un proxecto que, en verbas do alcalde, pretende "ofrecer respostas ante a alarmante situación de falta de vivenda pública provocada pola inacción da Xunta". [Primeiras vivendas públicas da Xunta en Lugo dende a fin do Goberno de PSdeG e BNG]

O plan, deseñado entre os servizos municipais de Urbanismo e Arquitectura e Evislusa, a empresa municipal de vivenda e solo trae consigo accións como a que pretende "mobilizar" cando menos unha parte das 10.700 vivendas baleiras do Concello. "Non podemos permitirnos telos pechados mentres moitas familias non poden acceder a un alugueiro digno" e por iso, avanza Miguel Fernández, procuran "corrixir a situación" con dúas medidas en materia de impostos.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentando o plan de vivenda canda o edil de Urbanismo, Jorge Bustos (esquerda) e o director desta área municipal, Hipólito Pérez © Concello de Lugo

As vivendas baleiras de grandes propietarios -segundo a lei estatal, un gran propietario ten máis de 10 pisos, pero o criterio lucense rebáixao a catro baleiros máis de dous anos-, avanza, terán "un recargo no Imposto de Bens Inmobles de ata o 150%". Ao tempo, Evislusa disponse a abrir a Bolsa Municipal de Alugueiro Accesible, na que "as persoas propietarias poderán ceder as súas vivendas vacantes ao Concello de maneira remunerada e con garantías". O Concello "destinará esas vivendas a alugueiros por baixo do prezo de mercado" e as persoas propietarias terán "bonificacións fiscais do 95%" no IBI, ademais do cobramento da renda garantido polo Concello.

O proxecto inclúe mercar vivendas para rehabilitar e alugar, novo solo urbanizable con reservas mínimas do 40% para pisos protexidos e limitar os pisos turísticos a baixos, primeiros andares ou edificios de uso exclusivo

Esta mobilización de vivendas baleiras, sinala o socialista, virá da man da aprobación definitiva da nova Ordenanza de Conservación e Rehabilitación, que "permitirá actuar ante incumprimentos de deberes de mantemento" con accións como un inventario de inmobles en mal estado. Esta parte do plan, avanza o rexedor, inclúe tamén "un programa de adquisición de vivendas para a súa rehabilitación e posterior destino a alugueiro ou venda a prezo limitado", tamén a través da empresa municipal.

Indica Miguel Fernández que o "compromiso político e social co dereito a unha vivenda digna" que implica o Plan Municipal de Vivenda "tamén contempla medidas para incrementar a oferta residencial pública e privada". É por iso que o goberno local prevé modificar varias normas urbanísticas ao longo do ano vindeiro, para "facilitar cambios de uso" e "mellorar as condicións de habitabilidade" ou crear "novo solo urbanizable cunha reserva mínima do 40% para vivenda protexida. Neste eido inclúen os acordos co Instituto Galego de Vivenda e Solo que "permitirán construír 1.200 vivendas novas" no barrio do Sagrado Corazón.

Edificios de vivendas no centro de Lugo © Concello de Lugo

O proxecto atinxe tamén aos pisos turísticos. Na liña do xa aplicado noutras cidades, en Lugo "só poderán autorizarse en edificios de uso exclusivo ou nas plantas baixas e primeiras" para así "protexer o mercado residencial". En síntese, sinala Fernández, "Lugo dá un paso adiante" en materia de vivenda porque "a mellor maneira de construír cidade é garantir" que a veciñanza "teña un fogar digno onde vivir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.