Camilo Nogueira, Premio Trasalba: "Ser nacionalista é volver á realidade e usala"

Nogueira recolle o premio Trasalba xunto a Alonso Montero © Editorial Galaxia

Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1936) reuniu o domingo en Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, compañeiros da política, amigos e moreas de xente vencellada á cultura galega e ao galeguismo. Foi el o homenaxeado nunha "emocionante xornada" que recoñeceu a súa figura e premiou "toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural"

O Premio Trasalba premia "toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural"

Eses foron os motivos polo que a Fundación Otero Pedrayo concedeu o premio Trasalba ao economista, enxeñeiro, ensaísta e político clave nas últimas décadas da historia de Galicia. O escritor Suso de Toro, autor da obra Camilo Nogueira e outras voces (1991) foi en cargado de pronunciar a laudatio."O optimismo da vontade e da intelixencia. A Idea de Galicia sempre en positivo, sempre para avanzar, porque a vontade das persoas é fundamental para construir o futuro dos pobos", dixo. 

Camilo Nogueira, no seu discurso, agradeceu o Premio e fixo una chamada á ilusion, a unidade de esforzos para seguir construíndo o país, porque as ideas seguen vivas "e non debemos deixarnos levar por circunstancias que debemos analizar e superar. Galicia é hoxe moito máis forte que hai cincuenta ou sesenta anos, ten moitísima máis creaividade, dispón de moitos mais recursos. Só temos que sabelo organizar e activar". E, no ambiente e logo do Brexit, a idea de Europa en primeiro plano dun europeísta convencido, como Castelao, Otero ou Villar Ponte. 

"Había moita xente, moito amigo que falou moi ben... Eu case me limitei a agradecer", comenta para Praza Camilo Nogueira, sempre defendendo Galicia e lembrando o devir dun país "que en 1800 tiña catro veces máis poboación que Madrid e tanta como Andalucía". "O tratamento marxinador, a emigración forzada, a falta de vías de comunicación, a desamortización prexudicial, o centralismo... Todo explica por que Galiza non puido respirar até a chegada da democracia; en canto a cidadanía respirou, Galicia converteuse nunha sociedade moderna e europea, pero grazas a ela e non ao Estado", di quen insiste no "potencial" da Galicia rural ou dunha lingua que "é coñecida por todo o mundo e falada pola maioría malia carecérmonos de Estado propio". 

"O españolismo impídenos ver como a lingua que nós falamos no Brasil é igual que cando falamos castelán en Cuba", di Nogueira, que insiste na "grandeza" de Galicia "polo seu carácter cultural e pola súa sociedade rica e cunha literatura cun potencial semellante ao de calquera país independente".

"Ir contra a idea de Europa polas súas políticas sería como se renegásemos de Galicia porque aquí goberna o PP"

Nogueira fala con paixón de Galicia e tamén de Europa, da Unión Europepa, en cuxas institucións falou "galego sempre". "Non podo nin debo esquecer que hai unha Europa fundadora, contra as guerras e mesmo antiimperialista; eu quero potenciar esa idea de Europa aínda que estea en contra dese capitalismo neoliberal que se impón", di quen advirte que definirse antieuropeo tan só pola ideoloxía política que os seus dirixentes impoñen no continente "sería como se renegásemos de Galicia porque aquí gobernase o PP e os seus gobernos aplicasen tamén certas políticas"

Preguntado sobre esa "organización e activación" que bota en falta para potenciar Galicia, e logo do resultado electoral, Camilo Nogueira ten claro que "o sistema de partidos que hai no país está moi por debaixo da sociedade galega". "Esta está preparada para ter un partido nacional galego, de esquerdas, ao estilo do SNP escocés, pero é como se o sistema lle negara as realidades", conta. 

"O sistema de partidos que hai en Galiza está moi por debaixo da sociedade galega"

Con todo, insiste en "non ser pesimista". "Non se pode ser, senón, mellor marchar para a casa". "A situación é moi problemática en Galicia desde o punto de vista político, pero non na sociedade", asegura Nogueira, que cre que "ser nacionalista galego é volver á realidade e usala", á historia real aínda que esta "sexa negada constantemente polo Estado e o españolismo". "Esa realidade é a que xustifica tamén que defenda a miña posición europeísta, clarisimamente en contra do capitalismo depredador", remata Camilo, que aclara que a UE "segue tendo eivas", pero iso non quita que, por exemplo agora, "todas as decisións lexislativas teñan que ter a aprobación do seu Parlamento". "Esa é a Europa que hai que defender", di.  

Camilo Nogueira e Víctor Freixanes © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.