Cinco días. Ese é o tempo que separou a moción de censura coa que o PP se fixo coa Alcaldía de Ribeira e a visita que este sábado fixo á vila a conselleira de Política Social, Fabiola García, para a anunciar a licitación da nova residencia de maiores da localidade
Cinco días. Ese é o tempo que separou a moción de censura coa que o pasado martes 13 o PP se fixo coa Alcaldía de Ribeira e a visita que este sábado fixo á vila a conselleira de Política Social, Fabiola García, para a anunciar a licitación da nova residencia de maiores da localidade. O equipamento levaba anos sendo demandado polo concello ribeirense, especialmente polo BNG, primeiro dende a oposición municipal e dende xuño de 2023 e ata esta semana dende o propio Goberno local.
Nestes dous últimos anos o Goberno municipal liderado por Luís Pérez Barral denunciou en varias ocasións os atrancos que a Xunta fora poñendo a numerosos proxectos e iniciativas, entre elas a da futura residencia. Este mes de xuño, cando semellaba que todo estaba xa encarreirado, o Goberno galego freou o proxecto alegando a existencia de supostos riscos de asolagamento que, en calquera caso, a Xunta xa coñecía dende que en 2021 aceptou a cesión dos terreos realizada polo Concello.
A conselleira baseouse en que o Goberno de España amosou a intención de endurecer as condicións para poder construír en contornas con risco futuro de inundación. Con todo, xa nese momento no goberno de Ribeira non faltaron as voces que non podían evitar considerar que a actitude da Xunta nesta cuestión sería diferente de fose o PP quen ocupase a alcaldía e non o BNG.

A contratación sairá adiante unha vez que os técnicos avalíen a idoneidade das parcelas presentadas polo concello para construír o edificio. Fabiola García, que estivo acompañada da nova rexedora María Sampedro, agradeceu "a colaboración da alcaldesa"
Este sábado, cinco días despois de que o PP accedese de novo a Alcaldía, a conselleira Fabiola García anunciou que a Xunta licitará cos orzamentos de 2026 o proxecto para a construción da futura residencia de maiores, para a que reserva un millón de euros. A Xunta está a avaliar as novas propostas de parcelas remitidas polo Concello para o emprazamento da residencia, unha vez desbotada a localización prevista nas Saíñas.
A contratación sairá adiante unha vez que os técnicos avalíen a idoneidade das parcelas presentadas polo concello para construír o edificio. Fabiola García, que estivo acompañada da nova rexedora María Sampedro, agradeceu "a colaboración da alcaldesa" e do concello "na busca de solucións e avances nun proxecto que mellorará a calidade de vida das familias e os coidados das persoas maiores da localidade".
O Bloque denuncia que a conselleira de Política Social "está a empregar os fondos públicos e os investimentos con fins partidistas e electoralistas, castigando aos concellos gobernados por outras forzas políticas e premiando aos que son da súa cor"
A visita e o anuncio foron recibidas con grandes críticas por parte da agrupación local do BNG, que acusa a Xunta de "utilizar os cartos públicos para chantaxear os concellos que non son da súa cor". O Bloque denuncia que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, "está a empregar os fondos públicos e os investimentos con fins partidistas e electoralistas, castigando aos concellos gobernados por outras forzas políticas e premiando aos que son da súa cor".
A formación nacionalista lembra que o anuncio "chega despois de meses de parálise e de escusas inxustificadas por parte do Goberno galego". Un "bloqueo" que "responde a intereses políticos e non técnicos, e amosa un trato discriminatorio cara aos concellos con gobernos diferentes ao PP", sinala o BNG. "A visita realizada hoxe con fotografía incluída e difundida, da conselleira e a nova alcaldesa, é a mellor proba de que a Xunta mantivo paralizado o proxecto da residencia de Ribeira por motivos partidistas", engade.

A formación nacionalista lembra que o anuncio "chega despois de meses de parálise e de escusas inxustificadas por parte do Goberno galego"
O exalcalde e portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, lembra que solicitou en numerosas ocasións reunións coa consellería para desbloquear o proxecto que contaba toda a documentación requirida agás un último informe "bloqueado por Aguas de Galicia". Dende o BNG informan que se fixeron cando menos unhas trece peticións sendo todas ignoradas por Política Social.
O Bloque afirma que o terreo das Saíñas "cumpría todos os trámites, os informes eran favorables e o Concello fixo todo o que lle correspondía pero a Xunta paralizou a residencia con escusas falsas sobre unha normativa que non impide a construción da residencia no lugar e mesmo hai informes técnicos que demostran que o terreo é apto". “Isto é usar os cartos públicos para manipular os resultados elctorais e supón un castigo a toda a veciñanza”, denuncia Pérez Barral.
“Os cartos públicos non poden empregarse como arma de chantaxe. O que a Xunta fixo con Ribeira é inadmisible: paralizar un proxecto esencial para as persoas maiores só porque o Concello estaba gobernado polo BNG"
“Os cartos públicos non poden empregarse como arma de chantaxe. O que a Xunta fixo con Ribeira é inadmisible: paralizar un proxecto esencial para as persoas maiores só porque o Concello estaba gobernado polo BNG. Agora que cambiou a cor política, fanse fotos e anuncios. É un insulto á veciñanza”, engadiu o ex-rexedor.
Xa na entrevista que Pérez Barral concedeu a Praza.gal hai uns días, este poñía o "bloqueo" á residencia de maiores como un dos exemplos que revelaban o papel xogado pola Xunta na moción de censura en Ribeira: "Aí vese moi claramente que o que non se quere é facer unha residencia porque hai un goberno diferente ao PP".
