O PP alíase con catro edís dun partido independente xurdido dunha escisión nas súas propias filas para quitarlle a alcaldía ao BNG en Ribeira. Catro dos cinco representantes cos que conta o Partido Barbanza Independiente (PBBI) na corporación uniron a súa sinatura aos dez dos populares nunha moción de censura que foi rexistrada este luns no Concello.
O PP alíase con catro dos cinco edís do PBBI, xurdida dunha escisión do PP, para arrebatar a alcaldía ao BNG e rachar co goberno bipartito conformado en 2023
O pleno da moción de censura celebrarase o vindeiro 13 de outubro, data na que Ribeira pasará a ter como alcaldesa a Mariola Sampedro en substitución do nacionalista Luís Pérez Barral, rexedor desde que en 2023, tras os comicios municipais, BNG, PSdeG e PBBI alcanzaran un acordo para conformar un goberno tripartito.
Tras aquelas eleccións municipais de hai máis de dous anos, o PBBI (que obtivera 5 edís) secundou unha coalición encabezada polo Bloque (que tiña outros 5 pero cuns 200 votos máis) con Luís Pérez Barral como alcalde que, tamén coa participación do PSdeG (1), implicou un histórico cambio de goberno tras máis de tres décadas ininterrompidas cos populares na alcaldía.
A formación independente, que xurdiu dunha escisión do PP local en 2019 e cuxo líder, Vicente Mariño, militara nas filas do PP, racha aquel pacto e alíase cos populares para devolver o bastón de mando á dereita. Segundo adiantou La Voz de Galicia, o actual concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, é o único do grupo municipal do PBBI que non apoia a decisión dos seus compañeiros.
Pérez Barral cualifica de "bochornosa" e de "vergoña allea" a moción que, di, "responde só aos intereses partidistas e particulares" de PP e PBBI
Nunhas primeiras declaracións, Pérez Barral cualificou de "bochornosa" unha operación que, di, "responde unicamente aos intereses partidistas e particulares" do PP e do PBBI e que "para nada responde aos intereses da veciñanza de Ribeira". "Como alcalde, prodúceme vergoña allea ver como o PP é capaz de calquera tipo de estratexia para tombar este alcalde e acabar co goberno", lamentou.
Segundo dixo, o anuncio da moción foi "de súpeto e sen aviso previo". "Queren acabar cun goberno que funciona e que non tiña ningún tipo de problema", engadiu o aínda rexedor, que advirte de que Ribeira "volverá ás anteriores políticas, ás de non contar coa veciñanza, ás escurantistas".
Ademais, Pérez Barral pediu a PP e PBBI que "expliquen cales son os intereses que os moven detrás desta moción" porque, asegura, non é para "traballar polo ben de Ribeira". "Só hai intereses partidistas e particulares", insistiu, antes de volver cuestionarse "que pasou" nos últimos tempos para que populares e independentes "volvesen unir os seu votos para acadar o goberno".
Con esta, son xa sete as alcaldías que o PP gañou a través dunha moción de censura desde que comezara este novo mandato municipal en 2023. Á que agora se confirmará en Ribeira hai que engadirlle a que nos últimos meses tiveron lugar en Carral, Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei e Touro. En todos os casos os populares fixéronse coa alcaldía a través de acordos con partidos independentes que ata entón apoiaban ou formaban parte do goberno local ou co apoio de edís tránsfugas.
Son xa sete as alcaldías que o PP gañou a través de mocións de censura neste mandato municipal: Ribeira, Carral, Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei e Touro
En Viveiro, o PP acadou o apoio do grupo de Por Viveiro, que ata daquela apoiara a alcaldesa socialista; en Touro foi grazas ao voto dun ex-membro do grupo gobernante do Movemento Veciñal; e en Carral e Fisterra os populares valéronse de pactos con ex-compoñentes do grupo de Alternativa dos Veciños. En Outes a operación foi posible grazas a un tránsfuga do PSOE, ao igual que en Forcarei.
En moitos casos foi clave a sentenza do Constitucional que despenalizou en xullo os pactos con edís non adscritos e que eliminou da lei electoral a norma que impedía sacar adiante unha moción de censura se dependía do voto dun tránsfuga ou dun edil do mesmo grupo do alcalde ou alcaldesa contra a que se presenta. Foi a través desta mudanza como o PP obtivo nas últimas semanas do verán as alcaldías de Touro, Forcarei e Fisterra ou como o PSdeG recuperou a de Noia.

Agora Ribeira, con máis de 27.000 habitantes, converterase no terceiro municipio máis poboado que goberne o PP na provincia da Coruña, tras Ferrol e Arteixo.
O PP gañou dez alcaldías desde as últimas eleccións municipais entre mocións de censura e dimisións
Pero as mocións non foron o detonante de todos os cambios de cor política neste mandato. Aos das últimas semanas en Carral, Fisterra, Noia, Touro, Forcarei, e agora Ribeira súmanse os producidos noutros sete concellos galegos dende as eleccións municipais de 2023. En catro deles foron a través de mocións de censura (O Irixo, Muxía, Outes e Viveiro) pero no Valadouro, Mondariz e Cambre foi por dimisión do alcalde ou alcaldesa.
Tendo en conta as mocións de censura, foron sete as que deron novas alcaldías ao PP desde que comezara este mandato (Viveiro, Outes, Forcarei, Touro, Carral, Fisterra e Ribeira), obtendo o PSdeG a do Irixo e a de Noia polo mesmo método.
En total, son arredor de 130.000 os galegos e galegas que, logo da moción de Ribeira, estarán gobernados nos seus concellos por un rexedor dunha formación distinta á que foi elixida inicialmente nos plenos de investidura celebrados despois dos comicios de maio de 2023.
O PP é o partido máis beneficiado por estes cambios, pois gañou dez alcaldías, algunhas tan importantes coma as de Ribeira, Carral, Cambre e Viveiro, aínda que tamén perdeu a do Irixo, que obtivera inicialmente, a de Noia, e a de Viana do Bolo, onde PSdeG e BNG alcanzaron un acordo para gobernar de forma alternativa nun concello onde as dúas formacións de esquerda xa sumaban maioría no pleno.
Ademais, como se coñeceu hai tan só uns días, en Sarria o alcalde ex-socialista pactou retirarse co PP, alimentando así a súa pugna dos populares pola Deputación, unha derivada clave tanto no caso de Lugo como na provincia da Coruña para entender todos estes movementos.