Luís Pérez Barral é o primeiro alcalde nacionalista de Ribeira, gobernada pola dereita desde o ano 1987. Un pacto de goberno co Partido Barbanza Independiente (PBBI) e o PSdeG "antepoñendo os intereses veciñais" aos das siglas acabou coa hexemonía do PP no principal concello do Barbanza
Xa na noite electoral do 28 de maio Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) viu moitas oportunidades para iniciar ese "camiño novo" en Ribeira do que tanto falara na campaña electoral. O cambio de goberno chegou a este municipio da comarca do Barbanza tras máis de tres décadas de gobernos locais do PP da man do candidato do BNG, que selou un acordo co Partido Barbanza Independiente (PBBI) e o PSdeG "antepoñendo os intereses veciñais" aos das siglas. Os comezos como alcalde están a ser "intensos", pois o novo equipo municipal atopouse cun concello "con moitas carencias". Barral fíxase como prioridade dotar a Ribeira dun novo orzamento municipal (o último que se aprobou foi en 2021) no que responder as necesidades básicas do día a día da poboación, do saneamento ao aumento das zonas verdes.
Despois de ver a dereita gobernar toda a súa vida en Ribeira, que se sente ao ver un cambio de goberno e ademais estar á fronte do mesmo?
Unha responsabilidade moi grande. Levabamos máis de trinta anos ininterrompidos de gobernos do Partido Popular e ser o primeiro alcalde nacionalista de Ribeira, conseguir o apoio da veciñanza sendo ademais unha persoa tan moza, é unha gran responsabilidade e un orgullo.
"Vivimos en lugares moi pequenos nos que todos e todas nos poñemos cara e sabemos de quen estamos a falar. Polo tanto, tamén a veciñanza nos esixe directamente"
O ex-alcalde de Ribeira xa é senador polo PP nesta nova lexislatura e a súa saída estivo relacionada cun posible apoio do PBBI a un goberno de continuidade do PP aquí. Que pasou neses primeiros días tras as eleccións para que o BNG lograse o respaldo deste grupo?
A cuestión foi moi fácil, aquí había un goberno dirixido por Manuel Ruiz Rivas no que se facía o que se ditaba dende a alcaldía. Eses concelleiros e concelleiras, mesmo do seu grupo, non tiñan poder de decisión. E por iso se produciu unha fractura no PP. É certo que no BNG nos puxemos a traballar dende o primeiro momento para favorecer esa alternativa en Ribeira. Unha vez que soubemos o resultado das urnas vimos posible o cambio e apostamos por antepoñer as políticas e os intereses da veciñanza. Nese sentido, as tres formacións que integramos agora o goberno antepuxemos eses intereses veciñais e logramos chegar a un entendemento de maneira moi fácil e rápida. Soubemos ver que se nos demandaba un cambio.
Na política municipal semella máis doado chegar a este tipo de acordos máis alá das siglas dos partidos, por que cre que é así?
Hai tamén unha maior presión social por ter aos votantes máis preto. Coñecémonos, vivimos en lugares moi pequenos nos que todos e todas nos poñemos cara e sabemos de quen estamos a falar. Polo tanto, tamén a veciñanza nos esixe directamente. Temos un nivel de esixencia moito maior que o que pode ter calquera deputado ou presidente porque o ámbito de decisión está máis afastado da veciñanza e da cidadanía. Por iso tamén soubemos priorizar os intereses que nos demandaba a xente e propiciar ese cambio para xerar novas dinámicas no concello.
"O Goberno anterior deixaba de atender as demandas máis básicas como o saneamento para núcleos habitados e destinaba case todo o orzamento a grandes obras"
Foi distinta a campaña destas municipais á de anos anteriores?
Si, nesta campaña notamos moitísimo entusiasmo na xente e que moitas máis persoas se implicaron na dinámica do BNG. Notábase unha ilusión e un optimismo que había moitos anos que non se sentía. Neses días antes das eleccións moita xente paroume pola rúa para dicirme que xa non tiña esperanza pero que le devolveramos a ilusión.
Tanto vostede como os seus socios de goberno veñen manifestando un afastamento importante do anterior equipo municipal das demandas veciñais, cales son esas principais reclamacións das e dos ribeirenses?
O Goberno anterior deixaba de atender as demandas máis básicas como o saneamento para núcleos habitados e destinaba case todo o orzamento a grandes obras. Aínda temos por rematar o edificio do auditorio, que disparou o seu prezo de maneira exponencial pasando de 2,5 a 6 millóns de euros. Ou a estación de autobuses, na que se gastaron máis de 350.000 euros pero non conseguiron abrila. Había unha falta de xestión das demandas máis básicas do día a día, pero tamén unha falta de mantemento porque se gastaban os recursos económicos nas grandes obras.
Que propostas teñen?
O concello pode xestionarse de maneira moito máis dilixente e que responda ao que nos pide a sociedade. Na nosa liña de acción está priorizar o mantemento ou as limpezas, asuntos pendentes dos que xa nos estamos a ocupar. Queremos unha Ribeira máis verde tras anos de aposta polo cemento, pero sobre todo amañar os problemas do día a día que melloran directamente a calidade de vida da xente. Imos actuar nunha das grandes queixas que estamos recibindo, que é a mellora do servizo de limpeza viaria e da recollida do lixo.
"Unha das primeiras cousas que cambiamos é que nesta alcaldía poida ser recibido calquera veciño ou veciña"
Percíbese un cambio na comunicación do labor de goberno neste primeiro mes, máis apertura. É unha prioridade tamén?
Si, claro, este vai ser un Goberno da xente. Unha das primeiras cousas que cambiamos é que nesta alcaldía poida ser recibido calquera veciño ou veciña. Terá que pedir unha cita e non poderá ser dun día para o outro, pero aquí recíbese a todo o mundo. Somos un equipo dialogante, aberto e o estamos a demostrar no noso día a día; pero xa o demostramos tamén cando estabamos na oposición e conseguiamos suscitar grandes acordos a pesar de contar con poucos representantes. Agora veciñanza vai ser escoitada os 365 días do ano e non cada catro anos, como era antes.
Como está a ser a relación interna na coalición tras o reparto de áreas no concello?
Extraordinaria. Quero agradecerlle a xenerosidade depositada tanto aos meus compañeiros e compañeiras do BNG como ao PBBI e o PSdeG; sen a súa xenerosidade este goberno non tería sido posible. Conseguimos antepoñer os intereses das veciñas e veciños ante as ideoloxías e calquera tipo de interese partidista. Estamos moi contentos de propiciar un cambio que abre un tempo novo e sitúa as persoas no centro da acción política. A relación está a ser magnífica, estamos en contacto permanente unhas áreas coas outras e estamos demostrando que actuamos de maneira dilixente co que nos demanda a xente de Ribeira.
Durante a campaña apostou por impulsar a colaboración entre os concellos da comarca do Barbanza, tivo oportunidade de establecer algún contacto neste senso?
Creo que na Administración local necesitamos sumar sinerxías para que entre os concellos nos poidamos axudar mutuamente. Basicamente, isto débese a unha necesidade importante de recursos económicos porque a Administración local recibe a xestión de moitas necesidades que non sempre vén respaldada polos recursos económicos precisos para satisfacelas. Queremos establecer liñas de actuación en colaboración con outros concellos da comarca e explorar que vías temos para ampliar o número de servizos que se están prestando por parte da mancomunidade de municipios Arousa-Barbanza, considero que temos posibilidades de mancomunar outros servizos e así llo trasladei aos alcaldes da contorna.
Que pode significar a nivel galego que haxa un goberno progresista en Ribeira?
En Ribeira houbo unha suma de factores, houbo un cambio porque a xente decidiu que era hora de apostar por outro tipo de políticas. Nun momento no que o BNG está á alza a xente pode ver que hai claramente unha alternativa ao goberno do PP de Rueda. Os municipios nos que o BNG goberna imos ser un respaldo para que nas vindeiras eleccións teñamos unha muller presidenta.
Xa viviu outra campaña electoral tras as municipais, percibiu o mesmo nivel de apoio cara ao BNG nas xerais?
Notamos moita simpatía cara as nosas alternativas. De feito, a xente nos preguntaba onde iamos facer actos e iso se trasladou aos resultados: tivemos 500 votos máis que nas anteriores eleccións estatais.
"Queremos ser coherentes, o mesmo que diciamos como o oposición temos que desenvolvelo agora como goberno"
No seu día a día como alcalde está mantendo a súa participación en protestas veciñais como a da parroquia de Corrubedo, que reclama ao Sergas unha mellora na atención sanitaria coa presenza dun médico ou médica cunha consulta estable.
Queremos ser coherentes, o mesmo que diciamos como o oposición temos que desenvolvelo agora como goberno. Por iso amosamos o noso apoio absoluto a esa veciñanza de Corrubedo que segue manifestándose desde o pasado mes de outubro para defender un dereito básico esencial: ter un médico a tempo completo. Falamos dunha poboación moi envellecida á que só lle dan como alternativa que se desprace ao centro de saúde de Ribeira, o cal adoita ter a metade dos médicos e médicas do seu cadro de persoal. Polo tanto, o único que fan é prexudicar as persoas maiores que viven en Corrubedo e colapsar aínda máis o centro de saúde de Ribeira. Tamén seguiremos ao carón dos veciños e veciñas afectados polo trazado da circunvalación proposto pola Xunta e imos levar adiante os acordos plenarios que no seu momento o PP incumpriu.
Nos meses de verán a poboación de Ribeira aumenta de forma crecente, houbo tempo para tomar algunha medida neste inicio do mandato?
Ribeira, como concello interese turístico galego, recibe milleiros de persoas nos meses de verán. Os grandes eventos festivos como a Festa da Dorna, a Festa do percebe de Aguiño, as festas do verán de Ribeira e os múltiples eventos festivos que hai por todas as parroquias fan que a poboación se incremente de xeito exponencial colapsando servizos como os sanitarios, a seguridade ou incluso de falta de estacionamentos para acoller tanto vehículo. Nós queremos desenvolver outro tipo de políticas de turismo, non podemos enfocar todo cara os meses de verán. Queremos acoller probas deportivas e socias en meses de baixa afluencia para que os nosos visitantes non se concentren en xullo e agosto, senón que teñan motivos para vir a Ribeira –que os hai, e moitos– durante todo o ano.
"Ribeira precisa de maiores zonas verdes, estabamos ancorados nun proxecto de goberno no que o único que se facía era aumentar o cemento, a herba de plástico e as palmeiras"
Medran tamén os alugueiros turísticos, moitos froito dunha economía soterrada. Provoca isto un problema de vivenda no concello?
A vivenda turística, sen un regulamento e sen un control, supón un problema importante para as veciñas e veciños de Ribeira porque estamos tendo tanta ocupación turística que non queda vivenda para a poboación que quere vivir e traballar aquí todo o ano, nomeadamente a mocidade. Como persoa moza, eu tamén sufrín a escaseza da vivenda. Téñenme dito que me alugaban pisos entre setembro e xuño, e cando lles preguntaba que podía facer neses meses do verán contestábanme que volvera para casa dos meus pais. Hai un problema para ter vivenda cun réxime de alugueiro accesible durante todo o ano e cremos que a Xunta debe tomar medidas. Desde o concello estamos dispostos a colaborar co Goberno galego para ofertar terreos nos que levantar vivenda social, protexida, e en réxime de alugueiro coa que empezar a darlle solución.
Esta escaseza de vivendas accesibles está a dificultar que a xente nova quede en Ribeira?
É un problema importante porque a vivenda é un elemento necesario para asentar poboación moza nun concello, que a xente non teña que emigrar por causas de vivenda. Pero as oportunidades laborais tamén están aí, Ribeira ten moito potencial para ofrecer traballo, pero precisamos un parque de vivenda e servizos sociais que permitan conciliar. Nese sentido, queremos desenvolver uns puntos de atención á infancia nos que poidas deixar aos teus cativos e cativas en momentos puntuais.
"Téñenme dito que me alugaban pisos entre setembro e xuño, e cando lles preguntaba que podía facer neses meses do verán contestábanme que volvera para casa dos meus pais"
E en materia de emprego?
Temos un obxectivo claro: precisamos materializar dunha vez ese novo polígono industrial no que poder asentar empresas. Levabamos máis de trinta anos de gobernos do PP nos que non se creou nin un só metro cadrado novo de chan industrial e estivemos vendo como empresas como Frinsa tiveron que ampliar as súas instalacións fóra de Ribeira para seguir medrando. Urxe tamén darlle vida ás nosas rúas, para iso contamos cos comerciantes e o sector da hostalaría, cos que xa nos estamos a reunir. Se as rúas están cheas de xente os negocios van ter un impacto económico positivo nas súas vendas e consumicións.
Entre esas primeiras reunións como alcalde tamén mantivo unha co arquitecto afincado en Corrubedo David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker deste ano.
Foi unha primeira toma de contacto porque temos que desenvolver políticas urbanísticas respectuosas co noso medio natural e coa nosa tradición arquitectónica. Ribeira precisa de maiores zonas verdes, estabamos ancorados nun proxecto de goberno no que o único que se facía era aumentar o cemento, a herba de plástico e as palmeiras. En contraposición a este modelo nós queremos fomentar un concello sustentable con zonas verdes non só no centro urbano, tamén nas parroquias, para que a xente poida gozar do seu tempo libre.