Aínda que os populares teñen 146 das 313 alcaldías, a realidade é que tan só o 25% da poboación galega reside en lugares con gobernos muncipais liderados polos conservadores
Esta fin de semana constituírose a maior parte das corporacións locais galegas cos resultados das eleccións do pasado 28 de maio, que debuxaron o novo mapa municipal para os vindeiros catro anos. Un mapa que, como adoita ser habitual, se pinta co azul do PP en practicamente a metade das localidades. Porén, aínda que os populares terán 146 das 313 alcaldías, a realidade é que tan só o 25% da poboación galega reside neses lugares con gobernos muncipais liderados polos conservadores, que só conseguiron recuperar a alcaldía urbana de Ferrol.
PSdeG e BNG gobernarán sobre o 60% da poboación galega; o 46% dos galegos e galegas terán alcalde ou alcaldesa socialista e outro 13% do BNG, á espera da resolución dalgunha localidade de importancia, como Ribeira.
O 46% dos galegos e galegas teñen alcalde ou alcaldesa socialista e outro 13% do BNG
No mapa tamén aparecen 23 concellos - que suman máis de 317.000 habitantes- gobernados por algunha forza política distinta das tres principais, entres eles as importantes alcaldías de Ourense (terceira cidade galega) Narón (noveno concello do país por poboación) e Oleiros (undécimo máis poboado), en mans de Democracia Ourensana, Terra Galega e Alternativa dos Veciños, que suma un total de tres alcaldías (Carral, Fisterra e Oleiros).
Hai tamén tres concellos -todos en Ourense- nos que dous partidos se reparten a Alcaldía, que será rotatoria os vindeiros catro anos: Vilardevós (entre PSdeG e Interior Galego Vivo), O Bolo (entre o PSdeG e Somos O Bolo) e o sorprendente caso de Ramirás, onde PSdeG e PP chegaron a un acordo para rotar na Alcaldía e evitar así un Goberno do BNG.
En conxunto, o PP fíxose con 146 alcaldías, ademais das aínda non constituídas de Lousame, Porto do Son e Carballeda de Valdeorras. Hai catro anos fíxose cun número semellante de gobernos municipais
Hai, finalmente, un total de 13 corporacións municipais que non foron constituídas esta fin de semana e que, maioritariamente, o farán o vindeiro 7 de xullo. Todas, agás Castro Caldelas, onde se terán que repetir as eleccións ao non contabilizarse 118 votos por correo por non manter a "cadea de custodia". O PSdeG acadara aquí a maioría absoluta por tan só 27 votos.
O resto de corporacións constituídas corresponden sobre todo ao partido de Noia, onde o PSdeG presentou un recurso para esixir o reconto dunha serie de votos nulos que poden determinar a asignación final dun deputado provincial. E, ademais, tamén quedaron sen constituír debido á presentación doutros recursos os concellos de Celanova, Carballeda de Valdeorras e Corcubión.
O PSdeG é a formación política que gobernará a máis poboación en Galicia, cun total de 96 alcaldías ás que hai que sumar a de Boiro, aínda non constituída, e a tres que terán alcalde ou alcaldesa rotatoria
En conxunto, o PP fíxose con 146 alcaldías, ademais das aínda non constituídas de Lousame, Porto do Son e Carballeda de Valdeorras, onde conta con maioría absoluta. Ademais, tamén podería acadar os gobernos locais de Noia e A Pobra do Caramiñal. Os populares gobernarán sobre algo menos de 700.000 persoas, pouco máis do 25% da poboación. Hai catro anos o PP fíxose cun número semellante de alcaldías: 146.
O PSdeG é a formación política que gobernará a máis poboación en Galicia, cun total de 96 alcaldías ás que hai que sumar a de Boiro, aínda non constituída, e a tres que terán alcalde ou alcaldesa rotatoria. En total, suman preto de 1.250.000 persoas, case o 47% da poboación galega. Hai catro anos o PSdeG conseguira, iso si, un número alcaldías superior: 111.
O BNG conta xa con 32 alcaldías, ás que se sumarán as de Mazaricos e probablemente as de Ribeira, Muros e Corcubión. No ano 2019 os nacionalistas acadaron 28 alcaldías
O BNG, pola súa parte, conta xa con 32 alcaldías, ás que se sumarán as de Mazaricos e probablemente as de Ribeira, Muros e Corcubión. En total, estes concellos suman preto de 400.000 habitantes, case o 15% da poboación do país. No ano 2019 o BNG acadou 28 alcaldías, polo que nesta ocasión pode incrementar esa cifra ata en oito localidades gobernadas.
Cómpre salientar igualmente as 23 alcaldías que terán outra cor política, moi diversa, e que suman un mínimo de 320.000 habitantes, o 12% da poboación galega. A elas uniranse probablemente das de Outes e Celanova e pode que A Pobra do Carmiñal e mesmo Noia.
Das 146 alcaldías do PP, en 132 este partido conta con maioría absoluta, mentres que en 11 casos os populares teñen maioría simple e tan só en tres concellos os conservadores foron quen de establecer un goberno con outras forzas
Nas 300 alcaldías constituídas, dous de cada tres concellos (210) serán gobernados con maioría absoluta dunha única formación política, 57 cunha maioría simple dunha única formación e unicamente en 30 formalizouse algún tipo de coalición entre varias candidaturas.
Das 146 alcaldías do PP, en 132 este partido conta con maioría absoluta, mentres que en 11 casos os populares teñen maioría simple e tan só en tres concellos os conservadores foron quen de establecer un goberno con outras forzas: Malpica, Punxín, Ponteceso. Ademais, en Xinzo de Limia o PP tamén entrou no goberno, liderado por AXIL. En cambio, os gobernos de coalición son máis habituais nos executivos liderados por PSdeG (12), BNG (9) e outras forzas (6).