Os acontecementos históricos nunca son tal cando suceden. É o paso do tempo o que os converte en transcendentais, en puntos de inflexión que mudan o curso dos acontecementos con independencia do adxectivo que reciban no momento en que acontecen.
Ordenamos os relevantes feitos políticos vividos en Galicia nos últimos días para, co paso do tempo, podermos comprobar se, como todo semella indicar, non foi nin de lonxe unha semana calquera
O tempo e só o tempo dirá se os relevantes feitos políticos vividos en Galicia na semana que vén de finalizar forman ou non, en conxunto, un fito histórico, un punto de cambio relevante cara a lugares distintos. Mentres, se o ruído o permite, cando menos é posible ordenar o sucedido para regresar nuns meses ou nuns anos a todo o que pasou e comprobar se, como todo semella indicar, esta non foi nin de lonxe unha semana calquera.
Luns, 12 de xuño
A dirección central do PP, que agora dirixe Alberto Núñez Feijóo, ultima as súas candidaturas para as eleccións xerais do 23 de xullo e confirma o que varios medios adiantaran durante a fin de semana: o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, será o cabeza de lista dos populares ao Congreso por Lugo. Comunícao a través dunha nota aos medios no que se liga coa decisión a Diego Calvo, líder do partido na Coruña e vicepresidente segundo da Xunta, na súa condición de presidente do comité electoral da formación. O ex-presidente precipita así unha crise de goberno inmediata na Xunta, toda vez que a condición de candidato ás xerais é incompatible coa de conselleiro.
A confirmación colle ao presidente, Alfonso Rueda, entregando as bandeiras azuis das praias para este verán. Alí admite que Conde, ao que definira como "imprescindible" hai un ano cando o mantivo como presidente tras marchar Feijóo, é unha "peza fundamental". E recoñece, ademais, que as listas do PP para as xerais poden traer consigo unha crise de goberno máis profunda que a remuda do vicepresidente primeiro.
Martes, 13 de xuño
Efectivamente, Feijóo non leva só a Conde. Contra a fin da tarde, a través dun comunicado remitido á prensa e divulgado a través das canles oficiais da Xunta, Rueda confirma que a crise de Goberno move máis cadeiras no Consello da Xunta. Rosa Quintana, a integrante do Goberno máis veterana xunto co propio Rueda, vai ser a segunda na lista do PP ao Congreso por Ourense. O seu substituto é Alfonso Villares, que este sábado ía tomar posesión outra volta como alcalde de Cervo por maioría absoluta.
A reconfiguración precipitada por Feijóo propicia que Rueda recoloque máis pezas. Diego Calvo, o último barón provincial en dar hai un ano o seu visto e prace á sucesión do ex-presidente, ascende a vicepresidente primeiro. Un ascenso político para quen non oculta aspirar a destinos maiores. A Vicepresidencia Segunda é para Ángeles Vázquez, titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e unha das conselleiras máis á dereita do Executivo. As competencias económicas xa non son unha vicepresidencia e pasan a María Jesús Lorenzana, ata agora conselleira de Emprego, departamento que pasa a ter á súa fronte a Elena Rivo, profesora da Universidade de Vigo e ex-edil en Ourense.
Mércores, 14 de xuño
Feijóo non só acrecenta o desmantelamento do núcleo duro que iniciou en 2022 coa súa inédita dimisión na presidencia. Tamén descabeza o Grupo Parlamentario Popular levando consigo o seu voceiro, Pedro Puy, peza clave na política do populares galegos na última década e media e elemento fundamental no control do grupo que sustenta o Goberno no Pazo do Hórreo. Alí, na sede do lexislativo, BNG e PSdeG acusan o PP de sacrificar a Xunta por Feijóo e Rueda reinterpreta os feitos. O terremoto político colleu "co pé cambiado" á oposición, afirma.
Pero a crise de goberno e a súa vaga expansiva ía quedar nun segundo plano ás 13:11 do mediodía. Foi a hora na que as redaccións dos medios de comunicación recibiron o comunicado no que José Manuel Baltar facía saber da súa intención de non volver optar á presidencia da Deputación de Ourense. Non recolle a acta de concelleiro en Esgos e, polo tanto, non vai ser deputado provincial. Así facilita, argumenta, que o PP poida reter a presidencia da institución provincial na que, por segundo mandato consecutivo, non obtivo maioría absoluta.
O adxectivo "histórico", inevitablemente, agroma. Hai máis de tres décadas que a familia Baltar controla a Deputación ourensá. A efectos prácticos dende 1987 e ocupando a súa presidencia dende 1990, primeiro con José Luis Baltar e a partir de 2012, co fillo, José Manuel Baltar. Multiplícanse os interrogantes sobre o efecto que o anuncio pode ter na conformación de maiorías na propia Deputación e tamén no Concello, onde Jácome admite contactos a dúas bandas coas direccións galegas de PP e PSdeG.
Xoves, 15 de xuño
Rueda asegura que Baltar lle transmitiu a súa intención de non volver optar tampouco á presidencia provincial do PP de Ourense, polo que a fin -cando menos nominal- do baltarismo será cuestión de meses. Afírmao xusto despois de presidir a toma de posesión dos novos membros do Goberno galego, crise de goberno que é alargada cos cesamentos de diversos cargos que van ter novas responsabilidades tras as eleccións municipais, con remudas tan notables como as das máximas responsables de Igualdade e Turismo.
Mentres, continúan confirmándose acordos pola esquerda para os novos gobernos municipais. En Lugo, a socialista Lara Méndez e o nacionalista Rubén Arroxo acordan sen sobresaltos reeditaren o goberno de coalición. En Ribeira, unha das prazas históricas do PP, confírmase que o BNG encabezará unha histórica mudanza de goberno tras un inédito pacto a tres co Partido Barbanza Independiente -nado en 2015 a partir de ex-edís populares- e o PSdeG.
Venres, 16 de xuño
O Diario Oficial de Galicia publica as remudas en cargos inferiores da Xunta derivados da crise de goberno. En Santiago, BNG e Compostela Aberta confirman que teñen un pacto para gobernaren en coalición coa nacionalista Goretti Sanmartín como alcaldesa.
Ourense segue a ferver, máis aínda despois de que varios medios de comunicación acrediten que Gonzalo Pérez Jácome estivo negociando coas direccións de PPdeG e PSdeG. En Pontevedra, Luis López confirma que será o vindeiro presidente da Deputación polo PP tras dimitir 16 integrantes da lista dos populares en Rodeiro para que el poida ser concelleiro e a continuación, deputado provincial
Sábado, 17 de xuño
O día dos novos concellos. En Ourense agóirase que algo vai pasar e ese algo acaba sendo a ratificación por escrito de que PP e Democracia Ourensana teñen un pacto. Outro máis. Catro anos despois de estampar a súa sinatura xunto á de José Manuel Baltar comprometéndose a sostelo na Deputación a cambio de outorgarlle a alcaldía de Ourense, Jácome rubrica un novo documento cos populares co acordo de favoreceren que goberne a "lista máis votada" en ambas institucións, isto é, repartíndose os gobernos local e provincial. Pasou apenas un mes dende que o PP denunciou a Jácome ante a Fiscalía sinalándoo como presunto autor de varios delitos.
O papel é asinado nunha terraza da alameda ourensá pouco antes do inicio da constitución do pleno municipal polo propio alcalde e mais por José Luis Gavilanes. O rexedor de Xunqueira de Ambía asina no nome de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, para quen as do 28M foron as súas primeiras eleccións como xefa do aparello dos populares en Galicia.
Contra o mediodía, Jácome volve erguer o bastón de mando. O novo pacto ourensán protagoniza a escena da ruidosa mañá mentres, no resto da Galicia urbana e nos municipios máis poboados en xeral, as alcaldías da esquerda volven predominar. Coa única excepción de Ferrol e Arteixo, con senllas maiorías absolutas para o PP, a esquerda consolida o seu poder urbano: dende o fito da nacionalista Goretti Sanmartín en Santiago, acompañada na súa investidura por Ana Pontón, ata as previstas continuidades de Abel Caballero e Inés Rey na Coruña. Alfonso Rueda acode a dúas investiduras, a ferrolá e mais á do Porriño, onde os populares obtiveron unha cómoda maioría absoluta.
Domingo, 18 de xuño
Quedaron constituídos os novos concellos, agás os poucos que o farán o 7 de xullo por mor dos recursos contra os resultados aínda en tramitación. Resta a constitución das deputacións, onde a priori non se agardan sorpresas sempre e cando Jácome non imprima un novo xiro no seu particular guión.
O mapa da placidez da dereita en boa parte do Estado non acaba de encaixar en Galicia, malia aos obvios esforzos dende varias frontes por facelo cadrar tamén aquí
O mapa da placidez da dereita en boa parte do Estado non acaba de encaixar en Galicia, malia aos obvios esforzos dende varias frontes por facelo cadrar tamén aquí. Diversos titulares comezan a apuntar xa cara á seguinte parada, a das xerais do 23X. Se o acontecido nesta intensa semana fose un incendio provocado aínda sería realmente difícil orientarse por mor do abondoso fume que permanece. Pero hai varios elementos innegables: que a esquerda revalidou o groso do seu poder institucional mentres a dirección central do PP leva consigo a Madrid varias pezas claves para a súa prezada estabilidade en Galicia.
Esa estabilidade pasa en boa media por seguiren gobernando na Xunta. E nas dúas únicas ocasións en que os populares perderon o goberno galego (en 1987 e hai agora 18 anos, nas eleccións do 19 de xuño de 2005) esa perda comezou por provocaren, axitaren ou alargaren crises internas.