A oposición salienta a "irrelevancia" do presidente galego, que retruca a Ana Pontón que prefire "ser humilde desde a vitoria que como vostedes, soberbios desde a derrota"
O luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que non tiña "nestes momentos ningunha razón para facer un cambio de goberno", que so acometería "porque algunha das persoas fose necesaria para outros destinos". Esa necesidade noutro destino, en Madrid, ditouna Alberto Núñez Feijóo para o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, e para a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ademais de para o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy. Pero este mércores Rueda reinterpretou na Cámara a crise de goberno a que o abocou o seu antecesor: "colleu co pé cambiado" á oposición, dixo.
No debate deste mércores Ana Pontón asegurou que "temos un presidente da Xunta tan relevante que ata lle cambian os seus conselleiros desde Madrid". "Menudo papelón, vostede non manda nin no seu partido nin no seu goberno", dixo a nacionalista a Rueda. Foi a ela á que contestou o presidente que a crise de goberno que lle impuxo a el Feijóo "colleu co pé cambiado" a outros. E foi a ela a quen Rueda pediu rebaixar as expectativas electorais do BNG. "Prefiro ser humilde desde a vitoria que como vostedes soberbios desde a derrota", gabouse o popular.
O portavoz socialista, Luis Álvarez, pediu un adianto electoral: "Non sería mellor que Galicia enteira opinase e fose convocada ás urnas?"
En similar liña crítica coa crise de goberno pronunciouse o portavoz socialista, Luis Álvarez, que acusou a Rueda de "poñer o seu goberno a disposición de Feijóo" e "Galicia ao servizo dos intereses do PP". "Onde quedan as mensaxes de estabilidade?", preguntouse o socialista, que mesmo reclamou un adianto electoral. "Non sería mellor que Galicia enteira opinase sobre a situación actual e fose convocada ás urnas?", dixo Álvarez.
A sesión de control á Xunta deste mércores fora centrada previamente pola propia oposición en cuestións relacionadas coa relación Galicia-Estado e as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo. O portavoz socialista, Luis Álvarez, pediu a Rueda unha valoración do que supuxeron para Galicia as políticas do Goberno de Pedro Sánchez, mentres que a portavoz do BNG, Ana Pontón, cuestionou a defensa que a Xunta fai ante o Estado dos intereses de Galicia.
A resposta de Rueda ao socialista foi que Sánchez o fixo todo mal. E a Pontón o presidente da Xunta afeoulle que o BNG apoiase o goberno central, ante o que a nacionalista defendeu logros como a rebaixa de peaxes na AP-9. Pero sobre todo puxo o foco en que o vindeiro 23 de xullo "o voto ao BNG valerá para facer valer os intereses deste país".
A sesión deste mércores no Parlamento de Galicia serviu para que os cargos populares que veñen de ser reclamados por Feijóo desde Madrid comezasen a despedirse con distintos ritmos en función das incompatibilidades establecidas na lei electoral. Os conselleiros Conde e Quintana deixarán a Xunta este mesmo mércores, mentres que Puy, portavoz parlamentario do PP, seguirá no seu posto ata que previsiblemente sexa elixido deputado no Congreso o 23 de xullo. Os tres pediron tempo e respecto ás urnas para aclarar as súas futuras funcións en Madrid.