Un ano despois da primeira dimisión dun presidente do Goberno galego a sangría de conselleiros e persoal de confianza continúa e mesmo podería agravarse con máis altos cargos se o PP consegue o Goberno de España
Non está sendo unha demolición inmediata senón máis ben un desmantelamento progresivo. Como quen desmonta e numera as pedras dunha ermida medieval recóndita para trasladala a un lugar con máis glamour. Da aldea á capital.
Hai un ano foi a histórica primeira dimisión dun presidente da Xunta, despois a marcha de todo o seu equipo de confianza, agora o desmantelamento chega ao Goberno galego e ao grupo popular no Parlamento de Galicia... e a sangría pode continuar. Durante a súa traxectoria política Alberto Núñez Feijóo deixou claro en varias ocasións que os seus intereses persoais, presentados primeiro como o interese supremo de Galicia e agora de España, estaban por riba doutro tipo de consideracións. E agora eses intereses quedan claramente por riba da estabilidade da Xunta de Galicia da que el mesmo tanto se gabou, malia non ser certa, durante os seus 13 anos de presidente.
Á crise de goberno aberta na Xunta por Feijóo para levar con el a Madrid ao ata agora vicepresidente primeiro económico do Goberno galego, Francisco Conde, e a conselleira máis veterana dos seus executivos, Rosa Quintana, hai que engadir a marcha tamén do portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, home fundamental no control do grupo parlamentario desde hai máis dunha década.
Á marcha de dous conselleiros hai que engadir a do home fundamental no control do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy
A remuda no lexislativo está por ver como se resolverá, se ben todo apunta a un ascenso da vicevoceira e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. A primeira crise, a do executivo, vén de ser resolta por Rueda movendo fichas a un grao a medio camiño entre a imposición das circunstancias alleas e o intento de conformar un equipo agora si propio.
A saída de Conde supón o ascenso a vicepresidente primeiro do ata agora segundo, Diego Calvo, presidente provincial do PP na Coruña. Con el Rueda e o seu equipo persoal non teñen as mellores relacións. Hai un ano evidenciou a súa ambición persoal cos seus movementos para entrar na Xunta, o cal conseguiu.
Ao tempo, a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, unha das que presenta un perfil máis dereitista do executivo fronte á tecnocracia na que se moven outros, é ascendida a vicepresidenta segunda, o que pode supoñer un contrapeso político a Calvo.
Por baixo, unha das tecnócratas, a ata agora titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que entrou no Goberno galego en 2020, asume agora a gran carteira que deixa Conde: Economía, Industria e Innovación, que perde o rango de Vicepresidencia. Mentres que en Emprego e Igualdade Rueda dá entrada a unha das dúas novidades do seu novo equipo, a ata agora vicerreitora do campus de Ourense da Universidade de Vigo e no pasado concelleira nesa cidade Elena Rivo. A outra novidade é a entrada como conselleiro do Mar do ata agora alcalde de Cervo, Alfonso Villares, persoa da confianza de Rueda.
O resto de conselleiros e conselleiras seguirán coas mesmas competencias, pero tampouco se descartan novas saídas futuras ao máximo nivel ou noutros cargos inferiores que non serían tan inmediatas. A lei xeral electoral fai incompatible ser conselleiro dun goberno autonómico e presentarse nunha candidatura ao Congreso ou o Senado, o que obrigou a esta remodelación do Consello da Xunta antes mesmo de que as listas do PP sexan oficiais.
O domingo Feijóo pediu tranquilidade aos seus ante os debates internos no PPdeG polo reparto de cargos: "haberá sitio para bastante xente", dixo
Pero se Feijóo lograse a presidencia do Goberno de España dáse por feito no Executivo galego e no PPdeG que a sangría seguiría. Isto debilitaría novamente a un Alfonso Rueda ao que en cada comparecencia os medios de comunicación seguen preguntando por un posible adianto electoral.
Os movementos que se están a producir inducidos por Feijóo tamén hai que interpretalos en clave do PPdeG. Desde as eleccións municipais e o anuncio de Pedro Sánchez dos comicios xerais viñan sucedéndose debates internos no partido sobre quen serían as persoas elixidas para postos como as deputacións de Pontevedra e Ourense ou as listas a Congreso e Senado.
O rebumbio interno foi tal que este pasado domingo, nun acto en Santiago, o propio Feijóo tivo que pedir calma aos seus e asegurar que se logra chegar a La Moncloa "haberá sitio para bastante xente". Díxoo no mesmo acto no que criticou que, pola contra, os socialistas "saben que van ter que repartirse moitos cargos porque non van gobernar". O dos demais é unha fuxida. O del unha mudanza.