Alfonso Rueda dálle unha Vicepresidencia a Diego Calvo no seu primeiro Goberno, de carácter continuísta

Diego Calvo e Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer este domingo a composición do seu primeiro Goberno, un Executivo de carácter continuista no que apenas se producen cambios. O máis salientable é a incorporación de Diego Calvo (San Sadurniño, 1975) actualmente presidente provincial do PP na Coruña, que pasa a ocupar a Vicepresidencia segunda e a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, recollendo algunhas das competencias que anteriormente dependían do propio Rueda.

Calvo pasa a ocupar a Vicepresidencia segunda e a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

No resto de departamentos non hai mudanzas nos nomes, aínda que a Vicepresidencia primeira pasa a ser agora a económica, na que continúa Francisco Conde, responsable da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que se converte no número dous do Executivo

Ademais, as competencias de Turismo pasan a depender da Presidencia da Xunta, "como mostra da prioridade que se lle dá a esta área para esta década Xacobea", destaca o Goberno galego. En cambio, os contidos de Deporte, que anteriormente eran competencia directa do presidente, pasan á Vicepresidencia de Diego Calvo. 

No resto de departamentos non hai mudanzas nos nomes, aínda que a Vicepresidencia primeira pasa a ser agora a económica, na que continúa Francisco Conde

Finalmente, prodúcese pequenas modificacións nas denominacións de dous departamentos, coas incorporacións de xuventude e formación profesional aos nomes das súas respectivas consellerías (a Política Social e Xuventude e a Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).

Mentres non se proceda ao desenvolvemento da estrutura do decreto asinado este domingo polo presidente Alfonso Rueda, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.

Diego Calvo, de posible rival a número 3

Diego Calvo foi presidente de Novas Xeracións e converteuse en deputado do Parlamento de Galicia en 2003, con só 28 anos. En 2009 foi nomeado delegado da Xunta na Coruña e no 2011 acadou a Presidencia da Deputación da Coruña, cargo que mantivo ata o 2015, cando a institución pasou a mans da esquerda, grazas ao pacto acadado entre PSdeG e BNG. Ademais, foi vicepresidente primeiro do Parlamento en 2016. Actualmente é presidente provincial do PP na Coruña. 

Nas semanas anteriores á designación de Alfonso Rueda, Diego Calvo foi o líder territorial máis reticente a entregar o seu apoio ao agora presidente

Nas semanas anteriores á designación de Alfonso Rueda, Diego Calvo foi o líder territorial máis reticente a entregar o seu apoio ao agora presidente e tardou uns días en anunciar o seu beneplácito cando os outros dous baróns (Candia e Baltar) e o propio Feijóo xa se pronunciaran en favor da “unidade” e de que unha mesma persoa asuma de xeito inmediato a dirección no partido e na Xunta. Nese momento, Rueda ofreceulle un posto no seu Goberno: "se queres estar, estarás", díxolle.

O presidente Alfonso Rueda asina o decreto de composición do seu Goberno © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.