No seu discurso, o novo mandatario apelou á "normalidade excepcional" da que, asegurou, goza o país e prometeu "traballo" para continuar a xestión do seu antecesor
Alfonso Rueda é xa oficialmente Presidente da Xunta de Galicia, o sexto na historia da Autonomía. Rueda tomou posesión nun acto celebrado no Parlamento no que escolleu xurar o seu cargo (no canto de prometer) pero fíxoo sobre un exemplar do Estatuto. No seu discurso, o novo mandatario apelou á "normalidade excepcional" da que, asegurou, goza o país e prometeu "traballo" para continuar a xestión do seu antecesor.
Rueda ingresou no Salón dos Reis do Pazo do Hórreo acompañado polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, polo ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo e pola ministra de Traballo Yolanda Díaz, en representación do Goberno central. Todos eles ingresaron na sala mentres a Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretaba o Himno do Antigo Reino de Galicia.
Á toma de posesión asistiron medio milleiro de persoas, encabezadas polas principais autoridades do país, os líderes da oposición parlamentaria, representantes de institucións e de medios de comunicación, e tamén algúns presidentes autonómicos, entre eles a madrileña Isabel Ayuso, ademais do murciano Fernando López Miras e do castelán-leonés Alfonso Fernández Mañueco.
No seu discurso, Rueda asegurou sentirse "libre de hipotecas", pero "cargado de débedas de gratitude"
No seu discurso, Rueda asegurou sentirse "libre de hipotecas", pero "cargado de débedas de gratitude". Rueda prometeu "traballo" para "preservar" Galicia das "tendencias de ruptura", de "experimentos", "modas" e adanismos", co obxectivo de manter a "estabilidade" dun Executivo que levará a "moderación" por bandeira. Recoñeceu que nos últimos anos se mantivo na "sala de máquinas" do Goberno, pero que agora está "preparado" para poñerse "á fronte da ponte de mando".
"Creo nunha comunidade que se manteña a salvo da miopía do localismo e a fragmentación, que co ariete de supostos agravios carga contra a casa común que tanto nos custou e nos está costando construír"
Rueda iniciou o seu primeiro discurso como presidente da Xunta destacando que "poucas visións resumen tan ben a miña concepción sobre esta terra coma a do pontevedrés Valentín Paz Andrade, que se refería a Galicia como unha tarefa" e sinalou que "a Galicia autonómica, plenamente consolidada despois de catro décadas, nace do legado dos galegos que a pensaron e dos que a foron construíndo".
De igual xeito, na súa intervención Rueda introduciu algúns parágrafos en castelán para salientar que "jamás nos escudaremos en la pluralidad para ahondar en la disgregación. Al contrario, lo que vamos a hacer es reivindicar esa pluralidad como una condición indispensable para mantenernos unidos".
"Creo firmemente nunha Galicia unida, desde a rúa Príncipe de Vigo ou os Cantóns da Coruña ata a praia das Catedrais, desde as terras agrarias da Limia en Ourense ata o os portos pesqueiros do Barbanza, desde a praza do Obradoiro ata o Centro Galego de Bos Aires", dixo Rueda, engadindo que "creo, polo tanto, nunha comunidade que se manteña a salvo da miopía do localismo e a fragmentación, que co ariete de supostos agravios carga contra a casa común que tanto nos custou e nos está costando construír".
"Son consciente de que estiven moitos anos na sala de máquinas e tamén son consciente de que me toca agora subir á ponte de mando"
Rueda rematou o seu discurso afirmando que "nestes anos preocupeime un pouco menos da relevancia pública e un pouco máis de intentar axudar ao presidente Feijóo nunha tarefa moi difícil que creo que fixo excelentemente". "Son perfectamente consciente de que estiven moitos anos na sala de máquinas e tamén son perfectamente consciente de que me toca agora subir á ponte de mando", concluíu.
"Imos seguir avanzando unidos por esta senda de progreso tranquilo que representa Galicia"
"Imos seguir avanzando unidos por esta senda de progreso tranquilo que representa Galicia; por esta normalidade excepcional que queremos que siga sendo normalidade e que deixe de ser excepcional e que cunda o exemplo noutros sitios, e que xa convertemos na nosa bandeira", rematou