Galicia estrea Goberno tres meses despois do “incendio” no PP no que Feijóo non quería perder moito tempo

Alfonso Rueda observa a cadeira baleira de Feijóo no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

“Non imos perder moito tempo nun problema orgánico dun partido”, dicía o xa ex-presidente o 17 de febreiro, cando se puxo do lado de Ayuso fronte a Casado e iniciou a súa marcha da Xunta

“Non imos perder moito tempo nun problema orgánico dun partido”. Estas verbas empregaba o 17 de febreiro pasado Alberto Núñez Feijóo para referirse ao que xa el mesmo cualificaba como un “incendio”, a crise no PP estatal que o acabaría levando á súa presidencia e a dimitir como presidente de Galicia. Tres meses despois aínda agora comeza a aclararse o futuro na Xunta, que esta fin de semana experimenta a toma de posesión de Alfonso Rueda como o o seu sexto presidente e coñecerá as caras dos e das conselleiras do novo executivo pero que aínda terá que esperar uns días para culminar as mudanzas derivadas en postos inferiores tamén salpicados pola crise de goberno que vén de vivirse.

Feijóo con Ayuso, Casado e outros baróns autonómicos que impulsaron a caída do último e a súa substitución polo galego © David Mudarra / PP

Aquel 17 de febreiro foi cando Feijóo decidiu implicarse persoalmente na crise que viña de estourar entre o daquela presidente do PP, Pablo Casado, e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Nas horas previas elconfidencial.com publicara que persoas próximas á dirección estatal do PP contactaran con detectives para investigar unha adxudicación da Comunidad de Madrid a un empresario amigo do irmán da súa presidenta. Pouco despois o partido desmentíao oficialmente, o que contribuía a darlle máis visibilidade a unha cuestión sobre a que Feijóo non tardou en pronunciarse. 

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta daquel xoves, sen coñecer aínda as explicacións que nese mesmo momento estaba a dar Ayuso -que consistiron nun ataque directo contra Casado-, Feijóo púñase do lado dela. “Se hai alguén que mandou investigar, deberá explicar por que e deberá asumir as súas responsabilidades”, dicía Feijóo, que tamén aseguraba non estar tan preocupado polas sospeitas de corrupción que se deitaban sobre Ayuso como pola situación interna que vivía o seu partido. “Se hai problemas, débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio”, dicía. “Non imos perder moito tempo nun problema orgánico dun partido, non é xusto nin para os afiliados, nin para os votantes, nin para España”, aseguraba. 

Desde o comezo da crise do PP a axenda de actos e viaxes de Feijóo estivo condicionada pola súa aspiración estatal, e o Goberno galego pasará máis de dúas semanas en funcións

Tres meses despois onde si tivo efectos aquel incendio foi en Galicia, que vén de ver a primeira dimisión dun presidente da Xunta no exercicio do seu cargo. catro días despois do comezo do “incendio” xa era evidente que Feijóo aspiraba a suceder a Casado, o que se confirmaba unha semana despois do estourido da crise. O aínda presidente da Xunta iniciaba unha serie de viaxes primeiro a Madrid para reunirse con Casado ou con outros baróns do partido, e despois por toda España nunha caste de campaña interna contra ningún contrincante ou de inicio da campaña electoral das próximas xerais.

Feijóo en Canarias na súa campaña de mitins internos malia non ter outro contrincante © PP de Canarias

A presidencia do PP obtívoa formalmente Feijóo o 2 de abril, pero malia que a súa axenda se foi convertendo cada vez máis en estatal ou madrileña, non foi ata o 14 de abril, case dous meses despois do inicio da crise do PP e unha vez que se acadou un acordo entre os baróns provinciais galegos grazas ao movemento inicial do ourensán Manuel Baltar, cando quedaron despexados os tempos da sucesión en Galicia en favor de Alfonso Rueda. Unha sucesión que supeditou a remuda de Feijóo na Xunta a que se acadase unha certa paz interna no partido.

Feijóo aínda tardaría outras dúas semanas en dimitir, o 29 de abril, nunha longa despedida na que seguiu facendo anuncios de medidas que xa non xestionaría el. E outras dúas semanas pasarían, xa co presidente e o resto do Goberno galego en funcións, coa súa actividade limitada legalmente, ata que este xoves o Parlamento votou a investidura do seu sucesor

Alfonso Rueda recibe o aplauso da bancada do PP e dos membros do Goberno en funcións tras ser investido presidente da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tres meses despois do "incendio" que comezou en Madrid aínda quedan pendentes mudanzas en niveis inferiores do Goberno galego

Tras a toma de posesión do novo presidente este sábado e o nomeamento e toma de posesión dos seus conselleiros e conselleiras nas horas seguintes, non será ata esta próxima semana, condicionada polo festivo do Día das Letras o martes, cando o novo Goberno comece efectivamente a exercer. E entre os seus deberes pendentes aínda estará a cobertura ou reorganización dos postos inferiores que tamén resultaron afectados por un “incendio” declarado en Madrid hai tres meses que rematou estendéndose e afectando á administración e a vida política galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.