Principia a fin dun ciclo político de 16 anos e mais dous meses e medio, practicamente o mesmo que durou o fraguismo. Alberto Núñez Feijóo xa non é, 5.921 días despois, presidente do PP de Galicia. O aínda presidente da Xunta foi aclamado este 2 de abril de 2022 en Sevilla con formas semellantes ás do 15 de xaneiro de 2006 en Santiago, pero cun fondo moi diferente.
Daquela, o seu antecesor retirábase da primeira liña política tras perder a Xunta e aplaudiu a remuda dende a mesa presidencial do congreso. Agora, Feijóo ascende á cúspide do poder do PP tras ser clave na defenestración de Pablo Casado, a quen na súa proclamación tratou de "amigo", como parte activa da componenda aguilloada por Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidad de Madrid. A derradeira votación da campaña sen rival elevouno con 98,35% de votos a prol, 2.619 sufraxios afirmativos fronte a 44 brancos e 7 nulos.
Á fronte do que algunhas análises interpretan como unha alianza de liderados territoriais -cos poderes galego e andaluz como piares e a indiscutible chave de bóveda madrileña-, Feijóo tomou o mando do que define como "partido da nación española". Co Goberno galego en pleno sentado na terceira ringleira do auditorio sevillano e ao son de People have the power, de Patti Smith -elixida como banda sonora do conclave, en substitución do himno do partido-, Feijóo proclamou ante o seus que non "deixa Galicia" para "presentarse a un xogo", senón para facer a "política seria" que, defende, lle permitirá encarnar un "cambio" de Goberno pola dereita no Estado. Dende a bancada, parte da concorrencia cantoulle A rianxeira
O aínda presidente da Xunta reparte mensaxes a partes iguais entre o Goberno de España e Vox no seu primeiro discurso como líder do PP, ao que reclama traballo e unidade interna para "remontar"
Asegura Feijóo que "o bo da democracia non é poder elixir o Goberno", senón "poder cambiar o Goberno" e preséntase a si mesmo como un "revulsivo" para o seu partido. No seu primeiro discurso como substituto de Casado, repartiu mensaxes practicamente a partes iguais entre o Goberno de España, ao que presenta como "desbordado" e "dividido" entre o PSOE e UP, e a extrema dereita de Vox, no caso dos segundos sen mencionalos e tamén sen aludir ao bipartito que o PP vén de selar con eles en Castela e León.
Ao Executivo de Pedro Sánchez di pedirlle que "non insulte á intelixencia" e "nos respecte un pouco". Mesmo, di, bríndalle "apoio" para "axilizar as medidas que os españois necesitan" ou "cesar os ministros" de Podemos, ao xeito do que hai máis dunha década sinalaba ao socialista Emilio Pérez Touriño. Cara a Vox afirmou que o PP non vai ser "o que queren outros partidos" porque "nós sabemos gobernar" e por iso poden "gardar os seus carnés de españois e de patriotas". Porque a súa vontade, asegurou, é "remontar", "pechar debates estériles" e retomar a "historia de éxito" do PP.
Entre mencións á súa dilatada traxectoria como alto cargo, dende os gobernos de Aznar e Fraga ata a presidencia da Xunta, no remate do funeral político de Pablo Casado, Feijóo clamou pola unidade interna nun discurso salferido de declaracións de amor a España ou eloxios ao rei. El, mantén, está disposto a "arranxar a situación de España" e satisfacer a "fame de cambio". Por iso despediu o congreso enviando os seus "a traballar". "Feijóo á Moncloa!", clamou un espontáneo durante o discurso. "Iso, xa o veremos", respondeu o presidente saínte da Xunta, que a través das redes sociais xa recibiu os parabéns de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz.