O seu nomeamento no congreso extraordinario que comeza este venres en Sevilla é incompatible con seguir á fronte do partido en Galicia, pero o popular está disposto a manterse no Goberno galego aínda varias semanas máis
O 15 de xaneiro de 2006, con 44 anos, Alberto Núñez Feijóo sucedía á fronte do PPdeG a Manuel Fraga, de 83. Este venres, 16 anos despois, comeza en Sevilla o XX Congreso do PP, extraordinario, que o fará, con 60 anos, novo presidente estatal do partido en substitución de Pablo Casado, de 41 anos, ao que contribuíu a defenestrar hai mes e medio ao apoiar á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, fronte as acusacións de corrupción que lle lanzara. Será nun conclave que incluirá unha homenaxe a José María Aznar, deixando así nun segundo plano a Mariano Rajoy, que en 2018 evitou sinalalo como sucesor.
O mero nomeamento de Feijóo como presidente do PP estatal supón a incompatibilidade do cargo de presidente do PPdeG, o que o levou o pasado mércores a asinar a súa renuncia "con data 1 de abril", a deste venres. Pero o aínda presidente da Xunta segue sen aclarar cando deixará ese segundo malia considerar el mesmo que tampouco é compatible por moito tempo.
Coa súa habitual estratexia de ir deixando caer datos ou previsións menores e reservarse as grandes decisións para o último momento para manter o interese mediático centrado na súa figura, a principal novidade que debera revelar Feijóo neste conclave son os nomes do seu equipo para dirixir o PP tras anunciar o xoves que a nova secretaria xeral, en substitución de Teodoro García Egea, será Cuca Gamarra, ata agora voceira no Congreso. Malia formar parte do equipo de Casado, ela será a número 2 do novo PP de Feijóo, o seu PP, porque o Congreso preséntase como unha caste de nova refundación do partido tras a presidencia de Casado, cunha homenaxe a José María Aznar.
[Na mañá deste venres, tras publicarse esta información, o presidente do comité organizador do congreso, Esteban González Pons, comunicou que Aznar deu positivo en COVID e malia que é asintomático "por prudencia non poderá asistir á sesión desta tarde. Intervirá por video conferencia]
Feijóo será o terceiro galego que preside o PP estatal dos cinco presidentes que tivo a formación
O argumento da homenaxe é que o conclave se celebra na mesma cidade, Sevilla, daquela refundación do PP con Aznar á fronte. Porén, a refundación na que Alianza Popular se converteu no Partido Popular, aínda con Fraga á fronte, foi nun congreso en Madrid en 1989, mentres que o congreso de Sevilla de 1990 foi no que Aznar sucedeu a Fraga á fronte da presidencia. Ao ano seguinte, en 1991, Fraga sería proclamado formalmente líder do partido en Galicia no congreso en que o PPdeG incorporou ao seu ideario o "nacionalismo moderado".
Así que realmente a homenaxe non será tanto á refundación do partido como a Aznar, de quen Feijóo foi alto cargo en Correos e o Insalud, e que terá así un protagonismo superior a Rajoy, ao que o primeiro dirixiu diversas críticas solapadas durante o seu Goberno. Un Rajoy que en 2018 evitou sinalar como sucesor a un Feijóo que tería que agardar catro anos para facerse co cargo.
Feijóo será o terceiro galego que preside o PP estatal -tras Fraga e Rajoy- dos cinco presidentes que tivo o partido, con Aznar e Casado. Chega ao cargo tras unha campaña interna cunha xira de mitins máis enfocados a criticar a Sánchez que a presentar as súas políticas e co apoio do 99,63% das persoas que votaron nas primarias (o 10% dos afiliados que di ter o partido) nas que el foi o único candidato por aclamación dos baróns do partido, como en 2006.
Faino tras mes e medio centrado xa no partido e gobernando a Xunta por teléfono, como admitiu o seu vicepresidente Alfonso Rueda. Unha presidencia do Goberno galego que segue sen data de caducidade pero que non impediu neste tempo que o popular mesmo chegase a insinuar que debe ser a oposición quen dimita.
Esta semana Feijóo volveu facerse de rogar a respecto dos prazos para a súa marcha e limitouse a repetir que “a partir da primeira semana de abril comezaremos a concretar cal é a fórmula elixida e cal é o candidato ou candidata que o grupo parlamentario e o partido consideran oportuno para suceder ao presidente da Xunta”. Un proceso que a partir da súa dimisión terá un máximo de 30 días para culminarse e no que o vicepresidente Alfonso Rueda segue a consolidarse como o mellor colocado.
O presidente ourensán, Manuel Baltar, así o vén de dicir expresamente. Iso si, deixando claro que unha cousa é a substitución de Feijóo durante o que queda de actual mandato e outra a futura presidencia do PPdeG e, con ela, a candidatura popular para as próximas eleccións galegas.