"Querido amigo, eu xa non son presidente do PPdeG": Feijóo recorre a Fraga para distanciarse da súa sucesión no partido

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Se Fraga empregou o “ni tutelas ni tutía” para deixar mans libres a Aznar no PP, Feijóo emprega unha expresión habitual do seu antecesor para asegurar que “non lle corresponde” falar sobre o futuro da formación

“Querido amigo” era unha expresión coa que Manuel Fraga adoitaba comezar as súas respostas a xornalistas que o seguían habitualmente que lle preguntaban por cuestións que consideraba unha obviedade, que o aburrían, que non quería contestar ou que contestaba desde a distancia. De Fraga tamén é lembrada outra expresión, a que pronunciou en 1990 na súa sucesión á fronte do PP por parte de José María Aznar, cando rachou en público a carta que este lle entregara coa súa posible dimisión futura se o veterano líder da dereita non estivese contento co seu traballo. “Esta carta eu a racho diante de vós porque non hai tutelas, nin hai tutía”, dixo Fraga, deixando así mans libres a Aznar.

Este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo fixo de Fraga cando se lle preguntou polo futuro do PPdeG tras dimitir este mércores cunha carta “con data 1 de abril” da súa presidencia por ser incompatible coa do PP estatal que asumirá o domingo. Un dos xornalistas máis vetaranos na cobertura da información da presidencia da Xunta preguntoulle cando haberá un congreso para elixir o seu sucesor no PPdeG e se haberá bicefalia por primeira vez con dúas persoas distintas á fronte do partido e da Xunta. “Querido amigo, eu xa non son presidente do Partido Popular de Galicia”, respondeu sorrindo Feijóo. Lembróuselle que aínda o é ata este venres, segundo a carta de renuncia que el mesmo asinou, e rectificou cun “a partir de mañá, efectivamente”.

Fraga, nunha imaxe de RTVE, en 1990 rachando a carta de dimisión sen data que lle entregara Aznar ao sucedelo, momento no que dixo que no PP non había "tutelas nin tutía" © RTVE

Pero como xa fixera hai un mes cando se lle preguntara por tres cuestións similares sobre o futuro da Xunta e o partido, ás que respondeu dicindo que “ningunha das tres depende directamente de min” porque el xa non sería presidente nin da Xunta nin do partido, este venres a resposta de Feijóo foi similar ao “nin tutelas nin tutía” do seu antecesor. “Ese asunto a min non me corresponde”, di o presidente saínte do PPdeG.

A Feijóo tamén se lle preguntou cando e como vai anunciar a súa dimisión da presidencia da Xunta. O presidente asegurou que aínda ten que pensar se o fará cunha convocatoria aos medios, desde o atril da presidencia da Xunta ou no Parlamento, pero dixo non crer que sexa “unha decisión especialmente relevante”. De momento este xoves o atril de presidente empregouno para volver a criticar a Pedro Sánchez, e non na quenda de preguntas dos medios senón por iniciativa propia. 

Feijóo no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Como en 2009 na súa campaña contra PSdeG e BNG, Feijóo cargou este xoves contra Sánchez e o "gasto burocrático do goberno máis caro da democracia española”, con “centenas de asesores”

A súa comparecencia tras a reunión semanal do Consello da Xunta comezouna non falando das cuestións tratadas nese encontro senón con reflexións xerais, en castelán, sobre a crise de prezos e a suposta inacción do Goberno de España. E retomando novamente elementos da súa campaña de 2009 contra o goberno de coalición de PSdeG e BNG, apuntando desta volta á propia composición do executivo, ao que acusou de non tomar “nin unha medida para conter o gasto burocrático do goberno máis caro da democracia española”, con “centenas de asesores”.

Sobre o seu futuro equipo á fronte do PP estatal, e na mesma xornada na que desvelou , cun chío entre a reunión do Consello da Xunta e a súa comparecencia ante a prensa, que a súa número 2 vai ser Cuca Gamarra, Feijóo tamén dixo que nel haberá cargos que requiren dedicación exclusiva e outros, como as secretarías executivas sectoriais, que se poden “compatibilizar” con outras responsabilidades. Entre elas, avanzou, “si debe haber membros da Xunta que poidan asumir responsabilidades”.

Feijóo rematou este xoves a súa comparecencia cun “ata aquí este Consello da Xunta, último deste mes de marzo de 2022”. Está por ver cal será o derradeiro dos seus mandatos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.