Miguel Tellado, primeiro sucesor de Feijóo

Miguel Tellado e Feijóo no congreso do PPdeG de 2016 no que o primeiro foi designado secretario xeral CC-BY-SA PPdeG

A renuncia á presidencia do PPdeG por ser incompatible coa presidencia do PP estatal que asumirá o sábado deixa o partido en Galicia en mans do secretario xeral, mentres que a nova secretaria xeral estatal será Cuca Gamarra, ata agora voceira no Congreso

Desde este sábado día 1 de abril a máxima autoridade no PPdeG é Miguel Tellado, o seu secretario xeral desde 2016. E a nova secretaria xeral estatal será Cuca Gamarra, ata agora voceira no Congreso. Esas son as primeiras incógnitas de relevancia que se resolven, no partido, no prolongado proceso de marcha a Madrid dun Feijóo que aínda segue á fronte da Xunta sen data concreta para a sucesión nese posto.

Feijóo asinou este mércores unha carta de renuncia á presidencia dos populares galegos “con data 1 de abril”, a deste venres, cando comeza en Sevilla o congreso extraordinario que o fará presidente do partido a nivel estatal, cargo incompatible coa presidencia da formación nunha comunidade autónoma. 

Carta de renuncia á presidencia do PPdeG asinada por Feijóo o pasado mércores CC-BY-SA Praza Pública

Na súa misiva Feijóo asegura que “o primeiro partido de Galicia está onde debe estar: liderando o Goberno autonómico, ofrecendo certezas ante os problemas”. Pero nada di nela sobre o futuro interno da formación tras a súa dimisión. Os estatutos establecen que o presidente ou presidenta do partido pode ser elixido ou por un congreso ou polo comité executivo, pero xa hai voces como a de Manuel Baltar que sinalan o congreso como o lugar no que se debe decidir o futuro da formación, no que el mesmo di que fará valer o seu peso.

O partido deberá elixir un novo presidente, que será tamén o seguinte candidato á Xunta, ou a través dun congreso, como xa apunta Baltar, ou polo comité executivo

A elección dun novo presidente do PPdeG supón implícita a súa candidatura á presidencia da Xunta nas seguintes eleccións galegas, que se deberán celebrar como moi tarde a mediados de 2024, ou antes se quen quede á fronte da Xunta, presumiblemente Alfonso Rueda, así o decide. Así que os populares teñen marxe para convocar ese congreso mentres Tellado xestiona o partido e Rueda o goberno á espera de movementos de máis posibles persoas interesadas en aspirar a algo máis.

Tellado e Feijóo nunha imaxe da precampaña electoral de 2016 © PPdeG

Está por ver o papel que poida xogar Feijóo nese proceso despois de non apuntar ningunha pista na súa carta de dimisión e tras dicir hai unhas semanas que nin a sucesión na Xunta nin no PPdeG dependen “directamente” del. Si depende del presentar este venres ao congreso do PP estatal o seu novo equipo de dirección do partido.

Cuca Gamarra, elixida por Casado en 2020 como voceira no Congreso, será a nova 'número 2' de Feijóo no PP estatal, en substitución do ata agora secretario xeral Teodoro García Ejea

Este xoves, a través dun chío na súa conta de Twitter entre a reunión semanal do Consello da Xunta e a súa comparecencia ante a prensa, Feijóo avanzou que a nova número 2 do PP, a secretaria xeral, será Concepción Gamarra, coñecida como Cuca Gamarra (Logroño, 1974), ata agora voceira do partido no Congreso. Elixida para ese posto por Casado en 2020 en substitución de Cayetana Álvarez de Toledo, Feijóo seguiu confiando nela tras a caída do seu antecesor na presidencia do partido. Agora Gamarra sucederá a Teodoro García Ejea.

Feijóo e Cuca Gamarra, nunha imaxe de arquivo dun acto do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.