Miguel Tellado pide “desculpas polos erros das últimas semanas” porque a formación “a nivel nacional, non estivo á altura do que se espera de nós”
O número 2 do PPdeG, Miguel Tellado, compareceu este venres ante os medios de comunicación, como adoita facer todos os venres, para asegurar que o PP “é a alternativa seria e rigorosa ao excéntrico Goberno de Sánchez”. En plena crise interna do PP, con manifestacións ás portas da súa sede central e os seus máximos dirixentes acusándose de traizón ou corrupción, Tellado asegura que a súa organización “ten un proxecto de país sensato e sereno, sen estridencias, que é o que agora mesmo máis necesita España”.
O secretario xeral dos populares galegos pediu “desculpas polos erros das últimas semanas” e salientou a importancia de facer unha “sincera e fonda autocrítica” xa que “a organización, a nivel nacional, non estivo á altura do que se espera de nós”. Tellado asegurou que “toda España espera moito de nós” e apostou por “estar á altura do legado e da tradición histórica do PP, que foi fundado por un galego e no que militaron catro dos sete pais da Constitución”.
Segundo Tellado, o PP é “a alternativa seria e rigorosa a un Goberno socialista cada vez máis excéntrico e afastado dos problemas reais dos cidadáns”. Un partido que enfrontará dentro dun mes un congreso extraordinario que, asegura, “será aberto e plural”.