BNG e PSdeG piden a dimisión inmediata do popular por priorizar o seu partido antes que os problemas do país e o aínda presidente di que só dará a súa opinión sobre a súa sucesión en Galicia se é consultado
Mentres non sexa elixido formalmente presidente do PP estatal o 2 de abril, Alberto Núñez Feijóo non quere pronunciarse sobre o que fará nese novo cargo. E cando iso pase, xa non decidirá sobre os efectos derivados que afectarán á Xunta ou PPdeG senón que se limitará a dar unha opinión se lla piden. Esa foi a folla de ruta que explicitou este xoves Feijóo sobre o seu futuro máis inmediato un día despois de confirmar que aspira a presidir o PP, o que suporá o seu cesamento inmediato como presidente do PPdeG e a súa posterior dimisión como presidente da Xunta, para a que el mesmo quere manexar os tempos.
Uns tempos que a oposición non acepta e que presenta como unha falta de respecto do aínda presidente da Xunta polos problemas do país. Así, este xoves tanto a portavoz nacional do BNG como o secretario xeral do PSdeG, Ana Pontón e Valentín González Formoso, reclamaron a dimisión inmediata de Feijóo.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno deste xoves, celebrada de xeito extraordinario en Ourense, Feijóo foi preguntado se considera que o vicepresidente Alfonso Rueda sería un bo sucesor á fronte da Xunta, se coa súa marcha da presidencia do PPdeG o partido quedará en mans do secretario xeral ou buscará de xeito rápido un novo presidente, e se ese proceso terá como obxectivo elixir o novo candidato popular á presidencia da Xunta. “Gustaríame saber a resposta ás tres preguntas”, contestou, para engadir xusto a continuación: “Ningunha das tres depende directamente de min”.
Feijóo remítese así aos procedementos establecidos tanto nos estatutos do PPdeG como nos mecanismos legais da Xunta e o Parlamento de Galicia para suplir as vacantes nesas dúas presidencias. Pero estas declaracións públicas non se corresponden coa expectativa existente este mércores entre os cargos populares que asistiron en Santiago ao anuncio da súa marcha a respecto do que o propio Feijóo poida deixar atado para a súa sucesión nos dous postos.
“Darei a miña opinión se son consultado”, chegou a dicir este xoves Feijóo, cando a expectativa deste mércores dos asistentes ao pavillón do Sar era a de preguntarse a quen consultaría Feijóo, e se o faría, para decidir a respecto do futuro da Xunta e do PP galego. E mesmo rematou cunha frase na que incidiu na responsabilidade colectiva do que poida pasar a raíz da súa decisión de marchar: “Galicia non nos perdoaría equivocarnos”, sentenciou.
Reaccións de BNG e PSdeG
Desde a oposición Pontón salientou tras coñecerse a marcha de Feijóo que “os problemas dos galegos non poden agardar a que se coloque en Madrid”. A nacionalista defende que Galicia “non se pode permitir un presidente ausente, coa cabeza en Génova e no PP”. “Cada minuto que pasa e non dimite é unha falta de respecto aos galegos”, sentenciou.
Similares críticas formulou Formoso, quen considera “urxente” resolver a situación creada polo propio Feijóo co que cualifica como un “engano” ao presentarse ás eleccións galegas de hai menos de dous anos para gobernar unha Xunta que agora “deixa de ser prioridade”. “Aflorarán incompatibilidade máis cedo que tarde”, dixo o socialista.