No momento de gravarmos este episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, Alberto Núñez Feijóo xa emprendeu o camiño para converterse no primeiro presidente da Xunta en toda a historia da autonomía que renuncia ao seu cargo. Comezamos o capítulo escoitando como nolo contou o noso compañeiro David Reinero instantes despois de rematar o acto organizado polo PP no multiusos Fontes do Sar, en Santiago, para facer oficial o anuncio.
Feijóo será o primeiro en renunciar á presidencia por vontade propia. O primeiro que non ten que marchar ao perder o cargo porque o seu partido perde as eleccións ou porque unha maioría alternativa no Parlamento decide substituílo. Cando suceda, estrearase un mecanismo legal que en Galicia nunca foi utilizado, o que establece que, se dimite o presidente, con el cesa o Goberno en pleno e hai que elixir substituto ou substituta en menos dun mes.
Nun momento clave para a política galega, posiblemente o máis relevante para a presidencia da Xunta dende finais dos anos oitenta, no Fálase repasamos como saíron do cargo os antecesores de Feijóo: Albor, Laxe, Touriño e Fraga e como pode chegar a ese posto a persoa designada polo Partido Popular para substituílo. E tamén escoitamos como anunciou o aínda presidente que, desta volta, si que marcha.
No Fálase queremos saber tamén de que se fala en VINTE e repasámolo coa súa directora, María Yáñez, a comezar por unha das estreas musicais máis recentes da escena galega, o Xuntos de Juan Pardo "expropiado" por Familia Caamagno, un proxecto musical que fará parte do disco recompilatorio Puro Deleite e que se viña xestando dende hai meses, pero que chega encaixando perfectamente coa actualidade.
Ademais, María Yáñez fálanos doutras estreas musicais ben relevantes nos últimos días: o moi especial novo disco de Chicharrón, Erosión, e o avance do que será o vindeiro traballo de Grampoder, Non me esquenzas, estreado en primicia en VINTE. Da música imos á ampla reportaxe coa que Daniel Portela trazou unha detallada panorámica do mundo drag en Galicia, á conversa con Araceli Gonda no Café Derbi 21 e a algo do moito que está por vir no audiovisual en vésperas dunha nova edición dos premios Mestre Mateo.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.