O 'Padroado de protección á muller' en Galicia: represión franquista ao pé da túa casa tamén en democracia

Mulleres recluídas no 'Patronato de protección a la mujer' en Lugo e fragmentos de documentación da institución en Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

"O Padroado debe contribuír á recta estimación das ideas que se refiran á castidade, pureza e todas as virtudes que a moral cristiá esixe como fundamento dunha sociedade prometedora". O Boletín Oficial do Estado (BOE), no apartado do Ministerio de Xustiza, publicou o 20 de novembro de 1941 o decreto polo que se organizaba o Patronato de protección a la mujer coa finalidade de contribuír "á dignificación moral da muller, especialmente das mozas, para impedir a súa explotación, afastalas do vicio e educalas seguindo as ensinanzas da relixión católica". 

Dous filmes están a acrecentar o eco das reivindicacións das superviventes da rede de centros de internamento para mozas artellada pola ditadura en alianza con ordes relixiosas e mais das pescudas históricas que, tamén no noso país, permiten reconstruír a xeografía dunha represión tan oculta como próxima

Foi a base xurídica para a creación dunha rede de centros de internamento "de control social e moral" de mulleres novas que permaneceu en activo como mínimo ata 1985, xa en democracia. E que o Estado non recoñeceu a todos os efectos como parte do aparello da represión franquista ata este mesmo 2026. 

A súa inclusión no ámbito de aplicación da Lei de Memoria Democrática, xunto coa recente publicación do documental de RTVE El Patronato. Histéricas, desviadas, descarriadas e a estrea da película Ruega por nosotras, de Daniel Monzón, está a acrecentar o eco das reivindicacións das superviventes que, dende hai anos, queren deitar luz sobre o sucedido. E das pescudas históricas que permiten reconstruír a xeografía dunha represión tan oculta como próxima. Tamén en Galicia, con cando menos unha ducia de centros en lugares senlleiros de cidades e vilas. Represión franquista a pé de rúa que recompilamos e ordenamos cos datos dispoñibles -necesariamente parciais-.

A Memoria anual do Padroado do ano 1948, á que tivo acceso Praza.gal, recolle que o "reformatorio" de Lugo está a piques de finalizar a súa construción "e seguidamente será dotado do necesario para que empece a servir á rexión galega". O centro Nuestra Señora de los Ojos Grandes funcionou na Rampa de Claudio López da cidade dende 1942, coa congregación das Religiosas del Buen Pastor ao mando. Era un dos dous reformatorios directamente dependentes do Padroado en Galicia. O outro era o Santa María Goretti de Vigo, coas Esclavas de la Virgen Dolorosa, que entra en funcionamento no ano 1954. 

O Padroado tivo dous centros de seu en Galicia, en Lugo e Vigo, que o Estado transferiu á Xunta en 1983

En 1983, en pleno desmantelamento silandeiro do Padroado –que culminaría en 1985 sen gran publicidade e, sobre todo, sen recoñecemento ás vítimas–, o Goberno de España que presidía Felipe González dende apenas un ano antes transferiu á Xunta ambos centros e "as funcións que viña realizando o estado en materia de protección da muller". Mariano Rajoy, na altura director xeral de Relacións Institucionais do Goberno de Alianza Popular que presidía Gerardo Fernández Albor, asinou o traspaso das competencias sobre os reformatorios estatais para mulleres e as cinco "xuntas" que gobernaban territorialmente o padroado en Galicia: unha por provincia e mais outra local en Vigo.

Foi unha das múltiplas vías polas que comezou a esvaecer a memoria desta represión sen que nin os gobernos galego nin español fixesen mención ningunha ás vítimas. O centro lucense, por exemplo, xa como propiedade da Xunta estivo sen utilidade definida ata que a principios dos 90 foi cedido a Aspnais, unha asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual que o empregou ata comezos desta década. Actualmente está inmerso nun proceso de rehabilitación para acoller un futuro centro para persoas con enfermidades mentais xestionado pola asociación Alume.

Ademais dos centros propios do Padroado, en Galicia os devanditos de Lugo e Vigo, a rede represiva completábase con outros dous tipos: "colaboradores" e "auxiliares". Tratábase, en xeral, de instalacións propiedade de ordes relixiosas que rendían contas igualmente ante a institución estatal, cuxa presidenta de honra durante a ditadura era Carmen Polo, a muller de Franco.

A rede represiva completábase con centros "colaboradores" e "auxiliares", instalacións de congregacións de monxas que tamén rendían contas ante a institución estatal dende edificios senlleiros da Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo ou Ourense

"Como obras exemplares de experimento e estudo, son necesarios estes reformatorios, nos que poden clasificarse, con garantía de especialización, as tres clases de mulleres internadas: as caídas habitualmente no vicio, as que accidentalmente caeron e as que están en grave perigo de caer", explica a institución na súa Memoria de 1948. Así, se as mulleres que ían internar eran "completas" as meterían nun centro "de prevención", pero se eran consideradas "incompletas" acababan nun centro "de rehabilitación e reforma". A reclusión podía chegar por iniciativa das propias familias ou doutras persoas.

No noso país este tipo de centros roldaban a decena. As diversas investigacións e a propia documentación oficial permiten situalos, como amosan os mapas que acompañan estas liñas. Eran conventos e residencias coma os das monxas Oblatas na Coruña, Santiago, Ferrol ou Vigo. Tamén as Adoratrices nos seus fogares ourensán e coruñés, as Trinitarias na viguesa rolda de Don Bosco ou Hogar Santa Isabel, das Siervas de la Pasión no barrio de Teis, tamén en Vigo.

Fotografía de mulleres internadas no 'reformatorio' Nuestra Señora de los Ojos Grandes do 'Patronato de Protección a la Mujer' de Lugo Dominio Público Praza.gal

Segundo os datos que refire a institución na súa documentación, no primeiro ano que estivo en funcionamento (1941-1942) houbo 427 mulleres internadas nalgún dos seus centros. Seis anos despois, en 1948, esta cifra xa era de 2.384 mulleres recluídas. As estimacións totais apuntan a máis de 80.000 mulleres, moitas menores de idade, internadas á forza e tuteladas por esta institución que dependía do Ministerio de Xustiza. 

A falecida ex-alcaldesa socialista do Porriño foi, postumamente, a primeira muller recoñecida oficialmente polo Estado como vítima do Padroado

Hai pouco máis dun ano, en outubro de 2025, o Estado recoñeceu oficialmente como vítima da represión franquista á primeira muller que estivera internada nun destes reformatorios. Tratábase da avogada Eva García de La Torre, alcaldesa socialista do Porriño de 2015 a 2021, a quen o pioneiro recoñecemento lle chegou de maneira póstuma. Foi grazas ao traballo de indagación da súa viúva, Silvia Fernández Quinteiro, que iniciou o procedemento –que está a axudar a outras vítimas do Padroado– no marco da Lei de Memoria democrática.

A xustificación oficial das reclusións

"Preguntadas 50 Comunidades relixiosas de provincias acerca das causas que influíron na 'caída' das mozas internadas, contestan case unanimemente e sinalan como factor importantísimo o abandono familiar, a falta de formación dos pais, a disgregación do fogar. Coma se só con esta calor vivise a delicada planta da pureza", figura na documentación de 1948.

En concreto, aparece a testemuña da congregación das Oblatas de Ferrol, que indican que as súas internas 'caeron' na maior parte dos casos "por sedución e ambiente especial das familias". "Tamén inflúe moito o baile e cine, e na actualidade moitos casos son debidos á carestía da vida, e algunhas veces por interese material son inducidas polos seus mesmos pais", engaden. 

A investigadora Belén Lopez Cillero, que estudou o "control absoluto" do Padroado na provincia coruñesa, salienta que as superviventes, que seguen a saír á luz, tamén temen que un posible xiro á dereita no Goberno de España tras o 29N implique "volver tapar todo de novo"

A investigadora Belén López Cillero, autora do libro Nacionalcatolicismo y patriarcado: El Patronato de Protección a la mujer y su junta provincial coruñesa, indica que na práctica había poucas diferenzas entre os centros de prevención e os de reformatorio. "O control das mulleres era absoluto, non se podían comunicar co exterior e revisaban toda a súa correspondencia", incide.

Os centros do Padroado dependían das mencionadas xuntas provinciais ou locais, que recibían puntualmente información sobre as mulleres retidas á forza. Porén, a maioría da documentación desapareceu ou está en arquivos inaccesibles para as vítimas, que precisan acreditar a súa condición ante o Goberno de España para seren recoñecidas como tal. Dúas das congregacións de relixiosas que máis peso tiveron dentro do Padroado, as Oblatas e as Adoratrices, participaron no acto a comezos deste ano co que a Igrexa intentou 'calmar' ás mulleres afectadas. Comprometéronse a "abrir" os seus arquivos para a consulta, pero de momento non houbo cambios. 

'Mapa de moralidad' publicado polo 'Patronato de protección a la mujer', tirado da memoria do organismo en 1948 Dominio Público Praza.gal

En plena campaña electoral das eleccións xerais as vítimas do Padroado viven con inquedanza o que poida pasar o 29 de novembro nas urnas. "Agora mesmo está todo parado, temen que se hai un goberno da dereita coa extrema dereita volvan tapar todo de novo. Precisamente, despois do recoñecemento como vítimas chega o paso decisivo, que é a reparación", apunta a investigadora. 

As mulleres que entraron no Padroado foron humilladas de maneira sistemática para vencer a súa vontade e obrigadas a realizar labores de todo tipo sen recibir ningunha clase de remuneración. Porque "o traballo é unha forma de redención", esgrimían.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.