Lugo acolleu este xoves a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, unha iniciativa da Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve na que interviron Montse Fajardo, Tamara López Fernández e Silvia Fernández Quinteiro
Durante a ditadura franquista -e até o ano 1985- funcionou o Patronato de Protección a la Mujer, unha institución existente en cada provincia nacida en 1941 co obxectivo oficial de reformar ás mulleres prostituídas, dignificar a súa moral e educalas de acordo á relixión católica.
Na práctica, os seus centros, polos que pasaron decenas de milleiros de mozas entre 16 e 25 anos, serviron como instumentos de control social e moral da muller. Neles foron recluídas lesbianas, adúlteras, nenas que foran violadas ou que eran acusadas de levar unha vida disoluta. A través de ordes relixiosas as mulleres alí recluídas sufriron vexacións, explotación laboral a través do traballo forzado e danos psicolóxicos que lles provocaron traumas de por vida.
Durante décadas o dano causado polo Patronato permaneceu invisibilizado e só en tempos moi recentes a actividade de investigadoras e as denuncias dalgunhas das mulleres superviventes foi quen de rachar este silencio e sacar á luz o funcionamento desta institución. O pasado ano o Estado recoñeceu oficialmente á primeira vítima do Padroado de Protección á Muller: a avogada e ex alcaldesa socialista do Porriño Eva García de la Torre, finada no ano 2022. Ás investigacións publicadas uniuse hai uns días a estrea da obra de teatro Caídas, baseada no ensaio do mesmo nome publicado por Montse Fajardo.
"Foi, absolutamente, unha institución de control social e moral das rapazas e do seu comportamento", destaca Montse Fajardo
Lugo acolleu este xoves a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, unha iniciativa da Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve. Polo Pazo de San Marcos pasou precisamente Montse Fajardo, autora de Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia. Tamén Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da USC e integrante do grupo Histagra, que afondou na represión sufrida pola muller durante o Franquismo. E Silvia Fernández Quinteiro, avogada e investigadora sobre o Patronato, que abordou os avances no recoñecemento xurídico das vítimas e afondou no caso de Eva García de la Torre.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de abrir o encontro xunto a Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve, que moderou o debate. Na inauguración Pilar García Porto reclamou “recoñecemento e reparación para as mulleres vítimas da represión franquista”. A xornada enmárcase no programa Lugo con Memoria.
Unha institución de control social e moral
"Hai casos, por exemplo, dunha nena que está embarazada sen estar casada, e tamén dunha nena que foi violada pelo seu pai, queda embarazada del e o seu pai a mete no Patronato, agocha o seu delito encarcerando a súa filla", di
"Foi, absolutamente, unha institución de control das rapazas e do seu comportamento", destaca Montse Fajardo en conversa con Praza.gal. "Coa escusa de axudar a mulleres prostituídas se poñen en marcha institucións que son absolutamente represoras. O que dicían os seus estatutos era que se buscaba a dignificación moral da muller, especialmente das máis novas, para apartalas do vicio e educalas na relixión católica. Falábase textualmente de mulleres 'caídas' ou en 'risco de caer'. Pero se ti miras as cifras, por exemplo as que temos en Galicia, non chega ao 20% as mulleres que tiñan relación con prostitución que acabaron aí", explica.
Fajardo detalla que é sobre todo a partir dunha reforma lexislativa a comezos dos anos 50, cando se reproducen os ingresos por "perigo moral", por "vida descarreirada", por "malas compañías", ou por "amores ilícitos". "Vese que hai un control sobre o comportamento e sobre a vida sexual das mulleres. Hai casos, por exemplo, dunha nena que está embarazada sen estar casada, e tamén dunha nena que foi violada pelo seu pai, queda embarazada del e o seu pai a mete no Patronato, agocha o seu delito encarcerando a súa filla", di.
Ás veces son as propias familias pretendendo facer un ben a súas fillas as que inician o proceso para metelas no Patronato. "Hai, por exemplo, un caso de Pontevedra, dunha nai que di que a súa filla anda cun mariñeiro e ten medo que se descarríe e entón a mete no Patronato. E cando as familias inician ese proceso se despois queren recuperar a custodia, pois moitas veces xa non poden, sobre todo a partir de 1952", relata Fajardo.
"Imaxina que es unha nai que di 'vou meter esta nena coas monxas' porque non estuda, porque chega tarde a casa, porque a vin fumando un día e quero que se enderece. E despois decátaste que xa non che deixan ver a túa filla, que está sendo explotada. E xa non podes facer nada porque pasa a ser custodiada polo Estado", engade.
Unha realidade silenciada
"Moita xente non sabía para nada o que era o Patronato e a xente que si sabía o que era tiña a idea de que eran monxas caritativas que lles daban unha oportunidade de vida a nenas descarreiradas", di Fajardo
Un dos aspectos que chama a atención sobre o Padroado de Protección á Muller foi o silenciamento que ata hai poucos anos existiu sobre a súa actividade, mesmo a nivel investigador e académico, como destaca Montse Fajardo: "sempre conto que eu levo xa máis de dúas décadas investigando memoria e historia con perspectiva de xénero e a verdade é que hai menos de dez anos que escoitei por vez primeira falar do Patronato".
"Foi nunha mesa en que se me convidou a falar con outras feministas do Estado sobre a represión contra as mulleres. Pero mesmo nese momento pensei que era algo que afectaba máis a Madrid e outros territorios, pero empecei a investigar e vin que tamén aquí en Galicia sucedera todo isto e que tiñamos documentación ao noso alcance", di. "Foi aí cando escribín Caídas, baseándome nos expedientes que puiden atopar. Todos escoitáramos aquilo de 'se te portas mal, te vas con las monjas', pero eu decoñecía a dimensión de todo isto", engade.
Fajardo explica que é "imposible saber con exactitude" o número de mozas que pasaron polo Patronato en Galicia. "En Lugo, por exemplo, no reformatorio de Nuestra Señora de los Ojos Grandes estiveron case cincocentas rapazas. Pero ese era só un reformatorio e tiñamos trece". Os números foron variando, ademais. "A nivel estatal nos primeiros meses entraban catrocentas mozas ao ano, despois sabemos que entraban catro mil ao ano, e despois do ano 1952 entraban máis de trinta mil ao ano", explica.
O silencio que houbo en todos estes anos sobre este tema ten que ver coa visión que había sobre o Patronato na sociedade. "Moita xente non sabía para nada o que era o Patronato e a xente que si sabía o que era tiña a idea de que eran monxas caritativas que lles daban unha oportunidade de vida a nenas descarreiradas", di Fajardo.
Para a investigadora "hai unha cousa que é peor que o silencio, que é ese relato perverso que fala de monxas boas que axudaban a nenas que non tiñan outra opción na vida". "Algunha mesmo pode dicir 'eu pasei por aí e polo menos me ensinaron a bordar', pero o que está claro é que non podían estudar. Así foi por exemplo no caso de Eva García de la Torre, que relata a explotación laboral que sufría, como tiña que traballar todo o día e non podía facer outra cousa", di.
Efectos negativos para toda a vida
O paso polo Patronato provocou "todo tipo de efectos negativos" a estas mozas. "Moitas delas acabaron sendo vítimas de violencia machista por parte das súas parellas ou acabaron tendo problemas de adicción ao alcohol", explica Montse Fajardo
O paso polo Patronato provocou "todo tipo de efectos negativos" a estas mozas. "Moitas delas acabaron sendo vítimas de violencia machista por parte das súas parellas ou acabaron tendo problemas de adicción ao alcohol", explica Montse Fajardo.
"Había tamén unha cosa que a min me parece especialmente perversa que era un intento de infantilizar as nenas: mulleres de 20 anos ás que lles metían nos cuartos bonecas ou cadros infantís, porque o que se estaba castigando é que esas nenas puras se converteran en mulleres con sexualidade. E esa infantilización, esa mensaxe de que eran pecadoras, provocou un dano psicolóxico moi severo e moitos traumas", salienta.
O caso de Eva García de la Torre
Na xornada do pasado xoves interveu tamén Silvia Fernández Quinteiro, avogada e investigadora sobre o Patronato, que abordou os avances no recoñecemento xurídico das vítimas e afondou no caso de Eva García de la Torre, a súa parella. O pasado ano falamos con ela sobre o caso da ex-alcaldesa do Porriño, que estivo nun centro asociado ao Padroado en Vigo ata o ano 1985.
Ainda en 1978 Eva García de la Torre, menor de idade naquel momento, foi levada a xuízo sen representación legal de ningún tipo. Un xuízo sen garantías ao que chegou tras ser denunciada por lesbiana. A partir dese momento comeza o seu periplo polos centros do Padroado das diferentes congregacións relixiosas. “Deciden poñela baixo custodia das monxas, indicando ademais que existen sospeitas de homosexualidade e que, polo tanto, a vixíen de maneira directa e estreita”, explica Fernández.
Recoñecemento pendente por parte da Igrexa católica
Fajardo reclama que o Estado "garanta que non se están reproducindo os efectos moralizantes do Patronato en determinadas ONGs que seguen estando controladas pola Igrexa Católica e que traballan con mulleres en situacións de dificultade"
O pasado ano o Estado recoñeceu a Eva García de la Torre como vítima da ditadura pola súa reclusión no Patronato. Pero está aínda pendente un recoñecemento do dano causado por parte da Igrexa católica. A Igrexa chegou a organizar un acto para avanzar na cuestión, pero as moitas esixencias e condicións que puxo, por exemplo ignorar os casos de bebés roubados na institución, non foron aceptadas polas superviventes.
"Non aceptaron e decidiron facer boicot ao acto, lembrando que a non poden perdoar á Igrexa porque, entre outras, cousas, segue negándose a abrir os seus arquivos e que lles deixen recuperar esta memoria a estas mulleres e, no caso das que xa non están, ás súas fillas, netas ou parellas", explica Montse Fajardo.
Fajardo remata subliñando que outro asunto pendente "é que o Estado garanta que non se están reproducindo os efectos moralizantes do Patronato en determinadas ONGs que seguen estando controladas pola Igrexa Católica e que traballan con mulleres en situacións de dificultade". "Seguramente hai persoas aí que fan este traballo con boa intención, pero eu creo que nun Estado aconfesional coma o noso a asistencia social non pode estar en mans da Igrexa. Mesmo hai pouco vimos como as Oblatas recibiron un premio de igualdade cando sabemos que é unha congregación que infrinxía castigos físicos ás nenas", denuncia.
O contexto da represión ás mulleres durante o Franquismo
"A represión feminina non só vén da parte social, senón que as propias institucións mesmo facilitaba a violencia contra a muller, sobre todo dentro do matrimonio. A muller estaba, ademais, presa dun sistema económico que obstaculizaba o emprego feminino e que as facía completamente dependentes dos seus maridos", salienta Tamara López Fernández
Na xornada deste xoves Tamara López Fernández, investigadora posdoutoral da USC e integrante do grupo Histagra, afondou na represión sufrida pola muller durante o Franquismo. "A represión feminina non só vén da parte social, senón que as propias institucións mesmo facilitaba a violencia contra a muller, sobre todo dentro do matrimonio. A muller estaba, ademais, presa dun sistema económico que obstaculizaba o emprego feminino e que as facía completamente dependentes dos seus maridos", salienta.
Na súa intervención destacou en primeiro lugar a destrución de todos os avances que se lograran en igualdade durante a Segunda República, un período que, "se ben tiña moito camiño por andar aínda", caracterizouse "pola promulgación dunha serie de leis pretendían avanzar cara á progresiva emancipación feminina, promovendo a igualdade entre sexos, a igualdade xurídica, o dereito ao voto feminino, a derrogación do delito de adulterio ou a lei do divorcio".
"O franquismo non inventa nada, pois ese ideal de muller, esposa e ama de casa, xa existía anteriormente, pero a ditadura reactívao a través de determinados mecanismos, comezando polo plano lexislativo. Elimínase o dereito ao divorcio ou as proteccións para as mulleres que sufrían malos tratos, e vaise recuperar o delito de adulterio, que é ademais un delito feminino, pois o mesmo feito cometido por un varón é considerado un amancebamento, cunha pena moi inferior. Nestes casos, ademais, se o home descubría a comisión do acto carnal e mataba a muller ou a ambos, unicamente lle correspondía unha pena de desterro. E se unicamente lles producía lesións, pois non tiña condena ningunha", explica Tamara López.
"Na vida cotiá, penso sinceramente que as mulleres foron as principais prexudicadas do sistema franquista, un sistema no que no mellor dos casos podían atopar un marido que as tratase ben, porque o sistema institucional non lles daba apoio ningún", di Tamara López Fernández
A investigadora salienta que "vemos tamén unha dinámica de paternalismo en moitos aspectos. No caso das agresións sexuais, por exemplo, temos un código penal que recollía as violacións, os abusos deshonestos que se chamaban, como parte desa delincuencia a perseguir, pero despois na práctica o que vemos é que os xuíces, cun nesgo patriarcal e misóxino, esixían probas tales como que houbese testemuñas da violación, o que adoita ser moi complicado. Por este motivo, os casos eran sobresidos ou simplemente se impuña a pena máis baixa posible". "Deste xeito, a maior parte dos casos non eran nin denunciados, porque as mulleres o único que conseguían era que caese sobre elas a sombra de dúbida sobre se tiñan un bo comportamento moral e acababan sendo criminalizadas pola súa condición de muller", di
"Cando se producía unha violencia no seo do matrimonio, a única opción que tiñan era denunciar unhas lesións. Pero o problema é que se recuperara o delito de abandono de familia e cando a muller fuxía duns malos tratos, a que cometía un delito era ela e o xuíz instaba á muller a retornar e a recuperar a 'harmonía familiar”, sinala.
Tamara López destaca que a represión da ditadura contra os homes é posiblemente máis "visible" e está máis estudada porque "na fase de terror quente, os homes son os principais represaliados numericamente falando. Son os fusilados, encarcerados, torturados... aínda que as mulleres tamén aparecen vítimas dese tipo de represión". Porén, apunta que "despois, na vida cotiá, penso sinceramente que as mulleres foron as principais prexudicadas do sistema franquista, un sistema no que no mellor dos casos podían atopar un marido que as tratase ben, porque o sistema institucional non lles daba apoio ningún".