A avogada e ex alcaldesa do Porriño Eva García de la Torre xa é a primeira muller en recibir o recoñecemento oficial de vítima do Padroado de Protección á Muller. Ela morreu sen poñerlle nome á represión que sufriu, pero a indagación da súa viúva abre un precedente para que o Estado recoñeza a estas mulleres como vítimas do franquismo
A Eva García de la Torre nin se lle pasara pola cabeza que puidera haber unha reparación a todo o que sufriu mentres a súa vida dependeu do Tribunal Tutelar de Menores primeiro, e do Padroado de Protección á Muller despois. A súa prematura morte aos 59 anos a causa dun infarto impediulle escribir o relato do seu periplo vital como desexaba, mais tamén lle roubou a oportunidade de saber que o que viviu forma parte da represión franquista e que o Estado español así o vén de recoñecer.
A avogada e ex alcaldesa socialista do Porriño Eva García de la Torre xa é a primeira muller en recibir o recoñecemento oficial de vítima do Padroado de Protección á Muller. O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática Ángel Víctor Torres entregoulle á súa viúva este xoves a Declaración de recoñecemento e reparación persoal como vítima da represión franquista e do Padroado, que padeceu dende os catro meses, cando ingresou sendo bebé na Casa Cuna de Sevilla e pasou a depender do Tribunal Tutelar de Menores, ata os 23 anos, momento no que puido marchar do último centro do Padroado no que residiu porque ía casar.

A declaración de recoñecemento e reparación recolle que Eva García de la Torre foi "vítima da opresión e perseguida tamén por ser homosexual" durante toda a súa vida
“Eva García de la Torre defendeu a súa liberdade de elección e de amar. É unha obriga de todos os demócratas recoñecer a esta muller que loitou polos dereitos que hoxe desfrutamos”, asegurou este xoves en Vigo o ministro durante a entrega desta declaración, que deixa como nulos os xuízos aos que foi sometida e sen efecto as condenas. O escrito de recoñecemento e reparación recolle que De la Torre foi “vítima da opresión e perseguida tamén por ser homosexual” durante toda a súa vida.
“Eu coñecía a historia de Eva porque ela ma contou, pero o que ela non sabía, e eu tampouco, era que todo iso que contaba tiña un nome: Padroado de Protección á Muller”, explica a Praza.gal a súa viúva, Silvia Fernández Quinteiro, que con este recoñecemento culmina un proceso de investigación co que logrou "situar a Eva no lugar que merece".
“Púxenme a buscar a historia da súa vida, a poñerlle nome e orde a todo o que ela me contaba. Investiguei en arquivos históricos e atopei documentación sobre o seu ingreso no ano 1962 na Casa Cuna de Sevilla e todo o seu periplo ata que acaba saíndo dun centro asociado ao Padroado en Vigo en 1985”, detalla a tamén avogada Silvia Fernández.
Apenas uns meses antes de que o Congreso dos Deputados ratificase a Constitución española en 1978, Eva García de la Torre, menor de idade naquel momento, foi arrastrada a un xuízo sen garantías ao que chegou tras ser denunciada por lesbiana
Apenas uns meses antes de que o Congreso dos Deputados ratificase a Constitución española en 1978, Eva García de la Torre, menor de idade naquel momento, foi levada a xuízo sen representación legal de ningún tipo. Un xuízo sen garantías ao que chegou tras ser denunciada por lesbiana. “Fanlle un procedemento xudicial sumarísimo, que consiste en tomar declaración a unha menor e inmediatamente ditar unha resolución, sen avogado nin procurador”, indica a súa viúva. Ese mesmo ano celebrouse por primeira vez en España o Orgullo.
Pero dentro dos 'muros' do sistema a represión franquista seguía vixente para as mulleres. Ás portas da democracia o Tribunal Tutelar de Menores e o Padroado de Protección á muller seguían operando coas mesmas lóxicas. Na súa procura, Silvia Fernández descubriu que o de Eva non foi un caso illado, o Tutelar de Menores contaba cunha norma que prohibía que as menores foran asistidas por avogados nin procuradores nos xuízos.
A partir dese momento comeza o seu periplo polos centros do Padroado das diferentes congregacións relixiosas. “Deciden poñela baixo custodia das monxas, indicando ademais que existen sospeitas de homosexualidade e que, polo tanto, a vixíen de maneira directa e estreita”, apunta Fernández, que lembra como Eva lle contaba que ata os nove anos sentiu que tivo unha infancia feliz, dentro das circunstancias de estar internada e carecer dunha familia.

"Eva contábame como de alí só saían para ser criadas e ela sempre tivo moita curiosidade e capacidade intelectual, mesmo lle di ao Tribunal que o que quere é estudar, que acepta que a internen pero que a deixen estudar", lembra Silvia Fernández
Medrar só lle complicou as cousas, pois o seu destino era erguerse para limpar, rezar e traballar. “Eva contábame como de alí só saían para ser criadas e ela sempre tivo moita curiosidade e capacidade intelectual, mesmo lle di ao Tribunal que o que quere é estudar, que acepta que a internen pero que a deixen estudar”, lembra Silvia Fernández.
As horas de estudo podían ser unha ou dúas nos mellores días. Mentres permanece en Sevilla os traballos forzados consisten en montar caixas de cartón para o viño. As indagacións de Silvia Fernández tamén lle permitiron atopar un documento no que Eva se queixa de que as relixiosas lle pegaban: “O maltrato psicolóxico era sistemático, unido ao maltrato físico por parte dalgunhas monxas”.
A súa boa relación cunha superiora da congregación das Oblatas que se traslada de Andalucía a Vigo permítelle pedir a ela tamén o cambio e, así, chegar a Galicia, onde residirá o resto da súa vida. No centro vigués o seu traballo céntrase na costura, cosen sobre todo pantalóns e aquí lles pagan algo. Conta Silvia Fernández que “o máximo que podían chegar a cobrar por facer os petos dos pantalóns, que era o máis caro, eran vinte pesetas”. Con todo, acaba escapando e chega a durmir uns días nun banco da rúa. Fálanlle da residencia O Seixo, xestionada pola congregación do Buen Pastor, e pasa alí os derradeiros anos. Este tamén era un centro con vínculos co Padroado de Protección, así que a relixiosa pola que se mudou a Vigo consegue que o cambio non lle supoña máis castigos.
Esta declaración abre un importante precedente, pois ao reparala especificamente como vítima da represión franquista e do Padroado de Protección á Muller agora o Estado xa non pode negar que estas mulleres son vítimas
De alí marcha para casar co que será o pais dos seus dous fillos. Saca as probas de acceso á universidade e estuda Dereito pola UNED. Monta un despacho no Porriño e entra en contacto coa política no PSdeG. Aí comeza a parte da súa vida que era pública, precisamente polo seu papel como alcaldesa no Porriño entre 2015 e 2021. Un ano despois, en 2022, falece inesperadamente. Coa declaración de recoñecemento como vítima na man, Silvia Fernández vai contar a vida de Eva García de la Torre nunha novela. O libro que a propia Eva non puido escribir.
Fernández realizou unha petición dentro da Lei de Memoria democrática, ao abeiro do artigo 3, e solicitou o recoñecemento de vítima e a anulación de todas as resolucións xudiciais ditadas contra Eva García. Conseguilo converte a ex alcaldesa do Porriño na primeira vítima oficialmente recoñecida do Padroado e abre un importante precedente, pois ao reparala especificamente como vítima da represión franquista e do Padroado agora o Estado xa non pode negar que estas mulleres son vítimas. Ademais, a declaración que lle foi entregada este xoves en Vigo recoñece a condición de vítima do Padroado ata 1985, que vai máis alá do ámbito da propia lei, que ampara ata o ano 1978.
Todas aquelas mulleres que pasaron polo Padroado poden reclamar esta reparación, aínda que precisan documentación que probe a súa vinculación con esta institución. “É complicado atopar a documentación, houbo moitos incendios e inundacións... Pero non en todos os arquivos che poñen problemas, é cuestión de vontade na interpretación das normas tamén”, asegura Fernández. Pola súa banda, o Goberno de España está a preparar un acto de perdón para as mulleres vítimas do Padroado de Protección á Muller.