Organizacións memorialísticas, formacións políticas e administracións celebraron este xoves a sentenza do Supremo que confirma a propiedade pública do Pazo de Meirás e pon fin a unha loita de anos pola recuperación do inmoble.
A CRMH celebra a "vitoria do memorialismo galego" e da "mobilización social e cidadá"
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña destacou a "vitoria do memorialismo galego e da memoria histórica antifranquista", así como da "mobilización social e cidadá".
"O ditame do Supremo confirma a propiedade pública do Pazo e tamén as prácticas fraudulentas, ilícitas e coercitivas e de expulsión sobre veciñanza de Meirás que perpetraron o ditador Franco e os aparellos do Estado", di a entidade, que reprocha, no entanto, que os herdeiros do xeneral fascista teñan que ser indemnizados por un "erro procesual da Avogacía do Estado" na demanda, tal que como "xa se tiña advertido". "Hai que acatalo, guste ou non", dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A CRMH insta as administracións a que no trámite de execución de sentenza referido á cuantificación da liquidación posesoria "se opoñan e combatan as pretensións dos Franco".
"Resignificar o Pazo"
Para a entidade, co ditame do Supremo o Estado "xa non vai ter desculpa nin motivo que impida proceder á execución das obras necesarias para poñer a integridade do Pazo ao uso e servizo públicos, incluíndo todas as dependencias". "Cómpre de xeito urxente resignificar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria", di a CRMH, que reclama tamén a "cesión" das Torres á Xunta de Galicia, aínda que a futura xestión recaia no Goberno Galego, xunto co Executivo central e o Concello de Sada.
Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que coa sentenza do Supremo a cidadanía galega “gañou unha batalla moi importante” e confirmou que o Pazo “non era propiedade da familia Franco, senón que é propiedade dos galegos e das galegas”.
Pontón defende a transferencia do Pazo a Galicia para convertelo "nun espazo de memoria para non esquecer o que pasou neste país"
Pontón defendeu a transferencia do Pazo a Galicia para a súa apertura ao conxunto da cidadanía e para a súa "conversión nun espazo de memoria co obxectivo de non esquecer o que pasou neste país". “Creo que é a primeira batalla deste calibre que se lle gaña á familia Franco no conxunto do Estado español e como galega síntome tremendamente orgullosa”, dixo, tras aclarar que nin comparte nin entende que a familia do ditador teña que ser indemnizada.
Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, José Ramón Besteiro, lembra que "tivo que chegar un goberno socialista para que a recuperación do Pazo fose posible". O líder socialista asegura que a sentenza do Supremo “é para celebrar por parte de todas as persoas e institucións que loitaron durante anos para que se fixera xustiza e, sobre todo, por parte das vítimas da represión”.
Besteiro destaca que "tivo que chegar un goberno socialista para que a recuperación do Pazo fose posible"
Tamén o Concello de Sada celebrou que o Pazo de Meirás "é do pobo" e pide se proceda ao "cambio de titularidade rexistral —que a día de hoxe aínda figura a nome da familia Franco— para que o Estado poida executar as actuacións necesarias que permitan a apertura completa do inmoble e a súa plena posta ao servizo da cidadanía".
O Goberno de España celebra unha "magnífica noticia"
Ademais, a Deputación da Coruña, a través do seu presidente, Valentín González Formoso, valorou que o inmoble regrese “ás mans das que non debera ter saído, as do pobo galego”, e mostrou a súa satisfacción porque o Tribunal Supremo coincida cos informes xurídicos e históricos da institución provincial, “que avalaron dende o primeiro minuto que o edificio era patrimonio público e non privado”.
Tamén o Goberno central celebrou unha "magnífica noticia". O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, aplaudiu a sentenza do Supremo por "instar" aos herdeiros do ditador a "devolver o Pazo ao público".