Máis de nove mil españois foron enviados aos campos de concentración nazis, 200 deles eran galegos, unha vintena da cidade da Coruña. A maior parte foron apresados en Francia e enviados a campos de prisioneiros militares, pero a decisión do réxime franquista de non recoñecelos como compatriotas provocou que fosen recluídos en campos de concentración como o de Mauthausen-Gusen
Máis de nove mil españois foron enviados aos campos de concentración nazis, 200 deles eran galegos, unha vintena da cidade da Coruña. A maior parte foron apresados en Francia, onde se exiliaran unha vez rematada a Guerra Civil e derrotada a República. Moitos integráranse en unidades auxiliares do Exército francés ou na Lexión Estranxeira e loitaron contra o exército alemán, que nun primeiro momento os considerou prisioneiros de guerra e os encerrou en stalags (campos de reclusión destinados a este tipo de presos).
Porén, a decisión do réxime franquista de non recoñecelos como compatriotas (“fagan o que queiran, eses non son españois”, díxolle Ramón Serrano Suñer, ministro de exteriores e cuñado de Franco, ao seu homólogo alemán) provocou que fosen recluídos en campos de traballo como o de Mauthausen-Gusen, onde a maior parte morreron polas malas condicións de vida ou directamente foron exterminados.
A súa memoria permaneceu silenciada durante décadas, máis aínda se cabe que a tamén ocultada memoria que os represaliados polo franquismo no interior do Estado español. Tan só nos últimos anos investigacións históricas comezaron a recuperar as súas vivencias e impulsaron o seu recoñecemento institucional e por parte da sociedade. Así o fixo por exemplo o Parlamento galego en 2018 (mesmo co voto favorable do PP). Máis recentemente comezaron a instalarse en varias localidades do país (primeiro A Coruña e Ribadeo, e agora tamén Lugo) as stolpersteine ("pedras de tropezo", en alemán), pequenas placas colocadas nas casas natais das vítimas dos campos.
Na Coruña hai xa 17 stolpersteine ante as vivendas dos coruñeses deportados
Na Coruña hai xa 17 stolpersteine ante as vivendas dos coruñeses deportados aos campos. O Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) mesmo editaron unha guía que inclúe un roteiro polas placas e por outros lugares da memoria democrática na cidade. Ademais, creouse unha páxina web, Deportados Coruñeses, con información biográfica sobre todos eles e recursos de interese para afondar nas súas vidas, e tamén para o uso de centros de ensino.
A última iniciativa da ARMH, de novo coa colaboración do Concello, é unha serie de podcats realizados por Arraianos Producións que afondan das vidas de dous deses deportados, Martín Ferreiro e Julio Martínez Arias a través dos datos que coñecemos sobre eles grazas á investigación histórica realizada nos últimos anos e a fontes documentais coma os propios rexistros dos campos nazis ou cartas que remitiron ás súas familias.
“Non foi doado seguir a pista de moitas destas persoas. En Mauthausen tiñamos os rexistros de entrada, pero en ocasións o lugar de nacemento que aparecía neles era 'Castro' ou 'Mosteiro', e houbo que identificar primeiro a súa procedencia e, dende aí, investigar a súa identidade e traxectoria”, explica Carmen García Rodeja, da ARMH. O mesmo sucedía despois á hora de afondar nas biografías de cada un; por unha banda estaban as persoas de maior relevancia pública, coma o concelleiro Martín Ferreiro, do que había máis información, e doutro había persoas máis anónimas, das que pouco o nada se sabía.
A última iniciativa da ARMH é unha serie de podcats realizados por Arraianos Producións que afondan das vidas de dous deses deportados, Martín Ferreiro e Julio Martínez Arias
Neses casos foi moi importante o contacto coas familias e tamén o acceso a cartas e outros documentos, nos casos nos que existían. O encontro dos investigadores coas familias dos deportados foi, sen dúbida, a parte máis emocionante do traballo. Sobre todo porque moitas non sabían nin sequera que o seu ascendente morrera nun campo de concentración e ignoraban algúns detalles sobre o que viviran na Guerra Civil e no exilio en Francia. Algún familiar mesmo soubo do destino do seu antergo cando viu, case de casualidade, a stolperstein nunha das rúas da Coruña.
“Para algunhas familias foi un auténtico shock saber diso”, explica David Lozano, o investigador que vén afondando nas traxectorias vitais dos deportados galegos. “Houbo tamén un caso no que unha persoa, cando lle dixemos que o seu parente estivera nun campo de concentración, lembrou que unha persoa da familia, xa maior, adoitaba dicilo, sen que ninguén llo crese”, comenta. Neste senso, Lozano destaca que “moita información desapareceu porque nas familias non se falaba do tema. E iso levou a que se perdesen moitos datos sobre as vidas destas persoas, porque non llos contaron aos fillos e aos netos”.
“Para algunhas familias foi un auténtico shock saber diso”, explica David Lozano, que engade que “moita información desapareceu porque nas familias non se falaba do tema
Unha das vertentes do traballo que realiza a ARMH é a investigación e a outra é a difusión. Os podcast, a web creada para a ocasión, os libros xa publicados e os que están en preparación, monumentos en localidades como Malpica ou Ézaro ou o roteiro deseñado na Coruña seguindo as stolpersteine e outros elementos importantes para a memoria democrática contribúen a que a memoria das persoas que foron enviadas aos campos nazis continúen vivas.
“O importante é que a xente asuma como súas esta historia”, destaca Lozano, que salienta o interese que está a espertar entre a mocidade, por exemplo nas visitas a centros de ensino que se están a realizar, cun grande impacto. “A xente fica sorprendida, e non só polas historias dos campos de concentración, que efectivamente son moi descoñecidas, senón tamén polo propio contexto histórico que lles damos, por exemplo en relación aos avances que se lograron na Segunda República”, di.
Os 21 deportados coruñeses:
“O importante é que a xente asuma como súas esta historia”, destaca Lozano, que salienta o interese que está a espertar entre a mocidade, por exemplo nas visitas a centros de ensino que se están a realizar, cun grande impacto
Na web publicada pola ARMH relátanse as vidas e a morte dos 21 deportados da cidade da Coruña: José Albedro Villaverde, Fernando Batalla Canle, Adolfo Bregua Mouriño, Víctor Manuel Conde Núñez, Clemente Juan de la Cruz García, Adrián del Castillo Soutelo, Manuel Fernández Tarragó, Martín Ferreiro Álvarez, Arturo García Lagares, Juan González del Valle, Leopoldo López Criado, Julio Martínez Arias, José Martínez Cacheiro, Luís Rafales Lamarca, Matías Rodríguez Barajas, Emilio Rodríguez Pérez, José Rubio Delgado, Eduardo Sánchez García, Víctor San Miguel Prado, Enrique Tallón Charlón e Francisco Tallón Charlón.
Moitos deles eran de procedencia modesta, de barrios como San Roque, Peruleiro, Vioño, Monte Alto, Os Mallos ou do centro da cidade. Outros viñeran dende outras localidades e instaláranse na Coruña. Había artesáns, mariñeiros, chóferes, almacenistas, tamén escritores e políticos. Había socialistas, comunistas, da esquerda republicana, anarquistas..., a maior parte moi implicados politica e sindicalmente nos anos da Segunda República, aínda que nos máis dos casos eran militantes de base. Había, iso si, algún concelleiro, como Martín Ferreiro.
13 deles morreron nos campos, principalmenten en Mauthausen-Gusen, pero 8 sobreviviron ata a súa liberación. Entre os falecidos, algúns fixérono polas malas condicións do recinto, o traballo inhumano ou foron directamente asasinados ou gaseados. Todos poderían contar historias de auténtico terror nos campos, e tamén nos meses previos. Por exemplo a bordo do coñecido como convoi dos 927, un tren con centos de prisioneiros de guerra españois que durante días vagou polo centro de Europa á espera de que se decidise o seu destino, decidido finalmente despois de que o réxime franquista negase a súa españolidade.
13 dos coruñeses morreron nos campos, principalmenten en Mauthausen-Gusen, pero 8 sobreviviron ata a súa liberación. Houbo quen salvou a vida grazas ao fútbol, como Adolfo Bregua
Houbo quen salvou a vida grazas ao fútbol, como Adolfo Bregua, militante anarquista que fuxira da Coruña en 1937 no barco La Libertaria. Sempre xogara ben ao fútbol e grazas a que aos alemáns lles gustaba este deporte, conseguiu traballar na cociña e así evitar o traballo na canteira e poder alimentarse un pouco mellor, ao mesmo tempo que trataba de axudar a outros compañeiros. Así logrou sobrevivir ata o momento da liberación.
Entre os asasinados está Juan González del Valle, escritor e mestre, membro non numerario da RAG, que publicou a meirande parte da súa obra na revista Alfar, que chega a dirixir na ultima etapa da publicación. En 1936 entra como voluntario no batallón do seu sindicato de ensino, a FETE, incorporado á I Brigada Internacional, ás ordes de Ramón J. Sender. Unha vez rematada á guerra, marcha a Francia, onde despois de pasar por un campo de refuxiados, acaba nun campo nazi, sendo gaseado no castelo de Hartheim em 1941.
Martín Ferreiro
Un dos gaseados foi Martín Ferreiro. Foi construtor, directivo do Deportivo da Coruña e edil de Obras Públicas, un concelleiro "que cría no ben común", destacan dende a ARMH
Ata o de agora a ARMH publicou xa dous dos podcats que está a realizar sobre os deportados. O primeiro foi o de Martín Ferreiro, fillo de canteiro, nacido en Cerdedo e que moi novo se trasladou á Coruña. En 1931 foi elexido concelleiro do Partido Republicano Radical-Socialista no ano 1931 e de novo foi concelleiro en 1936, desta volta con Unión Republicana, baixo a alcaldía de Alfredo Suárez Ferrín. Foi construtor, directivo do Deportivo da Coruña e edil de Obras Públicas. Foi un concelleiro "que cría no ben común", destacan dende a ARMH, salentando o seu traballo a prol do laicismo e da municipalización dos servizos públicos básicos.
No podcast, con guión de David Lozano, e no que participan Antonio Díaz Otero e Xose Lois Martínez, investigadores e Jose Luís Alamán Ferreiro, neto de Martín Ferreiro, destácase a descrición que este realiza do día en que se proclama a Segunda República na Coruña, relatado a través dunha carta que envía ao seu cuñado.
Despois do Golpe de Estado tivo que fuxir. En Francia integrouse nas Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE), traballando por exemplo na construción da liña Maginot de defensa. En 1940 foi capturado polo exército alemán e enviado a un campo de prisioneiros, primeiro, e finalmente ao campo de concentración de Mauthausen-Gusen, onde faleceu ao pouco de chegar debido ás terribles condicións alí existentes.
A familia non foi informada da súa morte, pero si recibiu do réxime franquista en 1942, meses despois do seu falecemento, unha sentenza do Tribunal de Responsabilidades Políticas na que se lle condenaba a 12 anos de inhabilitación e desterro, así como ao pagamento dunha multa.
Julio Martínez Arias:
O segundo podcast publicado relata a vida e morte do coruñés Julio Martínez Arias. O documento sonoro fai unha parada na súa voda con Carmen Mahou de la Gándara, filla dun dos propietarios da fábrica de cervexas Mahou, coa que casa poucos días antes do 18 de xullo de 1936. O Golpe de Estado sorpréndeos de lúa de mel en Barcelona. Alí Julio incorpórase ao exército republicano e é enviado á fronte aragonesa.
O podcast, locutado e guionizado por David Lozano, inclúe a participación de Natividad Martínez, sobriña de Julio Martínez Arias, Francisco X. Fernández Naval, autor do libro Elexía. Julio Martínez Arias. Da porta de aires da coruña ao aire de Mauthausen. Tamén se incorporan as propias palabras do deportado, tiradas das cartas que foi escribindo dende a fronte e dende Francia, e que foron recuperadas hai pouco tempo pola súa familia.
Exiliado en Francia unha vez que a República perde a guerra, é enviado ao campo de internamento de Barcarès con milleiros de refuxiados españois. Alí recibe a nova do falecemento da súa muller nun bombardeo en Barcelona. Unha vez que comeza a Segunda Guerra Mundial, intégrase nos Corpos de Voluntarios Estranxeiros, ata que é capturado polo exército alemán e enviado a un campo de prisioneiros. Pouco tempo despois, trasládano ao subcampo de Gusen, onde morre gaseado.
Dáse a circunstancia de que o seu irmán Juan, dez anos menor, alistouse na División Azul que combateu dentro do exército nazi na fronte oriental, chegando a pelexar en Leningrado e regresando a España un ano despois con feridas graves, pero vivo, e ingresando finalmente na Garda Civil.